Iago Santalla
O buque Sinaia chegando a México con exiliados españois en xuño de 1939 https://www.gob.mx/
Ultimamente a demagoxia xenófoba está moi en boga. Ten medios de comunicación moi poderosos ao seu dispor e iso significa impoñer doutrina e sentar cátedra, aínda cando o que se di deriva dun odio case ancestral. Ese odio vísteno de valentía: eles din o que ninguén se atreve a dicir. Son, pois, a suposta vangarda dun novo tempo. Non lles interesa a historia, viven no presente e queren proxectarse no futuro. É lóxica esta desinterese porque a historia acabaría diluíndo a súa máscara democrática.
Pois ben, nos nosos tempos a historia que viviron os nosos avós volve estar presente. Na Guerra Civil, tras o triunfo dos sublevados, Europa pechou os ollos ao autoritarismo que impoñía unha longa noite de pedra a España e Portugal. Os aliados caeron no camaleonismo franquista e consentiron o terror. Daquela o único país que apoiou á República ata o final foi México. Lázaro Cárdenas mandou varios vapores para salvar aos Republicanos atrapados nos portos e que eran carne de campo de concentración, como máis tarde se demostrou.
O Sinaia, no que embarcou Lorenzo Varela, o Ipanema, Mexique, o Flandra e o Serpa Pinto II; salvaron a vida de máis de 5.000 persoas. Xente que se organizou no exilio para resistir a ignominia e loitar pola memoria. Nunca se lle agradeceu de abondo. É máis, caeron no esquecemento e moitos nin sequera de mortos puideron descansar na súa terra.
Hoxe o exilio vén en caiucos e pide axuda entre berros de naufraxio. Os herdeiros da ignominia falan de invasión. Contra eles hai que falar da dignidade histórica que nos fai humanos. Se non axudamos a quen foxe da opresión cabe preguntarse: valeu a pena a loita dos nosos exiliados? Se non acollemos a quen foxe do poder, é ético dicir que somos unha democracia consolidada?
Reflexionemos porque, cando non hai pensamento crítico, a historia convértese en cíclica e os herdeiros daqueles lobos afían os dentes para volver someter ao pobo.