MEMORIA DE ACTIVIDADES

Laura I. Pita Campos
Acto do Día das Letras Galegas con A Meda

A actividade da Asociación neste semestre caracterízase por dous trazos. Por unha parte, a súa diversificación en canto a formatos. Por outra, o aumento de actos promovidos en colaboración con outras asociacións de Sada, o que contribúe a xerar sinerxías e a atraer a público novo.

Para este ano 2019, a Real Academia Galega de Belas acordou por aclamación homenaxear ao artista plástico e intelectual Luís Seoane López co “Día das Artes Galegas”. Desde a Asociación recibimos a nova con alegría, e quixemos participar do merecido recoñecemento dedicando un caderno á figura deste artista xenial que tanta relación tivo con Sada, así como crear no número 18 de Areal unha sección extraordinaria denominada Luís Seoane. Día das artes galegas 2019, que recolle traballos que nos axudan a afondar na súa traxectoria.

Así, o 12 de abril, na Capela de San Roque, presentábase o nº18 de Areal, xunto co nº14 de Cadernos de Estudos Xerais, que leva por título Luís seoane: Día das Artes Galegas 2019. Merecida homenaxe a un artista creador polifacético. José Martínez-Romero, autor do caderno, falounos acerca da súa relación con Seoane, a quen coñeceu e tratou en Bos Aires.

Charla de Martínez-Romero sobre Ricardo Flores, coorganizada con Nova Troula

O 14 de abril, como cada ano, celebrouse a ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista no paseo marítimo.

O 7 de maio, na biblioteca da Casa da Cultura, Ricardo Seixo Fernández presentábanos o seu libro Versos noctámbulos. O acto contou coa actuación da agrupación de música tradicional Maraxe. Este ano o escritor, activista cultural e recompilador de música e lírica popular Ricardo Flores, foi o homenaxeado no Día da Troula.

Este evento, organizado pola asociación Nova Troula, celebraba a súa terceira edición, e contou coa colaboración da AC Suárez Picallo. En primeiro lugar, o xoves 16 de maio, tivo lugar un acto no Hotel Alda Sada Marina no que Nova Troula interpretou unha peza da autoría de Ricardo Flores (“A Pérola das Marinhas”) por primeira vez en Sada e escoitamos as palabras de José Martínez-Romero, que o tratou persoalmente.

Dous días máis tarde celebrábase o Día da Troula propiamente dito, unha xornada completa de exaltación da nosa identidade propia, con cantos de taberna, concertos, foliada e teatro de Ricardo Flores. Foi unha honra para a Asociación poder colaborar rescatando a ese sadense que, desde a emigración, escribiu teatro e fixo música sempre con Sada no pensamento.

O 17 de maio, na Capela de San Roque, celebramos, xunto a asociación A Meda do Castro, o Día das Letras Galegas dedicado este ano a Antón Fraguas. Presentou a Gala das Letras Manuel Pérez Lorenzo, falando da importancia de preservar o patrimonio etnográfico. Posteriormente a agrupación A Meda proxectou audiovisuais con fragmentos do material de recollida musical e de danza que posúen no seu fondo, e interpretaron varias pezas de música tradicional. Ao finalizar a gala, entregouse ás persoas asistentes o nº15 dos Cadernos de Estudos Xerais titulado Antonio Fraguas Fraguas. Unha vida, un país, da autoría de Clodio González Pérez.

O 31 de maio na Capela de San Roque, continuando coa programación das Letras Galegas, ten lugar a presentación oficial do caderno mencionado. Clodio González Pérez, un dos principais coñecedores da vida e da obra de Fraguas e autor do mesmo, ofrece unha charla acerca da figura do etnógrafo.

Entre os días 16 e 19 de xullo ten lugar na Casa da Cultura Pintor Lloréns o curso de verán da USC “Arredor de Meirás: historia ou presente?”, no marco da Universidade de Verán 2019. As xornadas, organizadas polo Grupo de Investigación Hispona baixo a dirección do profesor Emilio Grandío, convertéronse nun espazo de reflexión e debate sobre a natureza do franquismo e as súas consecuencias sociais e culturais no presente. Interviñeron, ademais do propio Emilio Grandío, Francisco Sevillano, Queralt Solé, Joan Marìa Thomás, Xosé Manoel Núñez Seixas, Antonio Rivera, Manuel Pérez Lorenzo, José Manuel Busto, Carlos Babío e Fernando Martínez. A Asociación Cultural Irmáns Suárez e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica colaboramos ofertando bolsas para a asistencia.

O 12 de agosto cumpríanse 83 anos desde a data na que foron achados os corpos de Carballeira, Prego e Xohán Antón Suárez Picallo, asasinados na Guerra Civil a mans dos sublevados. Por iniciativa de Amable Carballeira, un ano máis realizouse unha ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista.

O domingo 6 de outubro, Nova Troula e aA. C. Irmáns Suárez Picallo, convocamos á cidadaníaa recuperar o Camiño Mariñán dos peregrinos do século XVIII. A iniciativa tivo moi boa resposta, e ao redor de 70 persoas partiamos de Sada para chegar ata Betanzos seguindo, na medida do posible, o itinerario orixinal. A medio camiño, paramos a comer no claustro do mosteiro de San Salvador de Bergondo. Agradecemos a toda a xente que nos acompañou neste día tan especial, e particularmente a Rubén Aramburu, párroco de Bergondo, pola fantástica visita guiada ao mosteiro e polo seu acollemento.

Dous momentos do Camiño Mariñán. Rubén Aramburu falando no mosteiro de Bergondo

O 14 de outubro tivo lugar, no cemiterio de Fiunchedo, o acto de homenaxe a Ramón Suárez Picallo, coincidindo, un ano máis, co aniversario do seu falecemento e do traslado dos seus restos a Sada. Aproveitando a ocasión, repartiuse un novo exemplar dos Cadernos de Estudos Xerais, o nº16, titulado Significado de Luis Seoane no contexto da cultura galega do século XX, da autoría de Xosé Díaz.

O 21 de outubro, aproveitando a visita de Diego Martínez, presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, organizamos unha xornada de acollida na Capela de San Roque. No acto, presentado por Francisco Pita, interviñeron Abel López Soto e o propio Diego Martínez, que nos falou acerca
da entidade que preside.

O 27 de outubro tivo lugar a primeira edición do Son do Mar, organizado polo GALP Golfo Ártabro Sur e coordinado por Alentía Teatro coa colaboración, entre outras entidades, da AC Irmáns Suárez Picallo, Nova Troula ou o IES Isaac Díaz Pardo. Esta actividade novidosa no noso municipio consistiu nun roteiro teatralizado que recreou, en 12 escenas diferentes protagonizadas por moitas veciñas e veciños de Sada, a vida da vila mariñeira dos anos 40-50. Desde a asociación facilitamos os textos nos que se basearon os guións de moitas das escenas. Unha experiencia moi enriquecedora coa que se pretende reivindicar a identidade mariñeira de Sada, e que agardamos teña continuidade nos vindeiros anos. En Sada somos do Mar!

Unha escena do Son do Mar.  Fotografía de Daniel Vázquez
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *