José Martínez-Romero Gandos
Ricardo Palmás. Fotografía achegada polo autor
Desexamos deixar aquí, xunto coa nosa lembranza, unha homenaxe a unha figura importante e non sempre considerada da emigración ó Río da Prata.
Quen atrévese a definir o que é “emigración”, “exilio” ou “retorno á Terra”? Cántos seguen a insistir que galegos son os que naceron na Galiza? Son galegos os fillos e netos de emigrantes?
Todos vós coñecedes a importancia do labor cultural, social e político que a emigración desenvolveu no alén mar. Por lembrar, permitídeme mencionar, aquí, a algunhas institucións: Consello de Galiza, Irmandade Galega, Mocedade Galeguista, Asociación Galega de Estudantes e Artistas (AGUEA), Federación de Sociedades Galegas, Centro Galego, Centro Ourensán, Centro Pontevedrés, Centro Lucense, Centro Coruñés.
Quizabes sabedes moito máis porque tamén fuches emigrantes e participastes da súas actividades. En todas elas houbo algún xeito de colaboración de Ricardo Palmás ou, certamente, moita colaboración.
Unha carta do Consello de Galiza, datada o 9 de abril do 1969, asinada por Valentín Fernández, Secretario de Goberno, e dirixida á Union Fédéraliste des Communautés Ethniques Européennes, foi redactada coa colaboración de Palmás e comigo mesmo. Certamente, na revisión que fixen antonte atopei erros na transcrición do nome en francés.
Palmás foi elexido Secretario da Irmandade Galega de Bos Aires no 1964, entidade fundada por Castelao. Hai cartas entre Palmás e a Irmandade Galega. Mais eu podo colaborar cos investigadores e relatar os nosos encontros na sé desta institución galeguista que funcionaba no Centro Ourensán de Bos Aires. Gábome, certamente, pola amizade que con el tivemos.
Naceu Palmás en Bós Aires, un 2 de xaneiro de 1940. Finou, traxicamente, no Aeroporto de Londres, o 10 de novembro do 1996.
O 10 de novembro deste ano 2019 cumpriranse vinte e tres anos dende a desaparición desta vida fecunda, tronzada aínda nova, dedicada con enerxía e creatividade ó periodismo e á cultura galega. Sociólogo, periodista de EFE, escritor, conferenciante e investigador da biografía de moitos galeguistas. Foi un “galego nado na emigración” que deu todo pola súa Terra: Galiza.
A súa peregrinaxe rematou, de súpeto, no aeroporto de Heathrow, por mor dun infarto que tronzou a árbore desta vida fecunda aínda nova para dar moitos froitos para a cultura galega. Deixa textos, epistolario e investigacións en curso que moitos opinan o mellor de Ricardo Palmás, aínda sen publicar.
Fillo dunha familia de emigrantes galegos ó Río da Prata o labor de Ricardo Palmás é continuo na emigración. Licenciado en Socioloxía, reside en Bos Aires, Brasil, Londres, Madrid e Lisboa, sen deixar a súa permanente conexión coa Galiza.
Sen dúbida ningunha os comezos da súa actividade cultural teñen data rexistrada no 1957, os seus 17 anos, segundo esta anécdota que conta Xosé Neira Vilas: Palmás chegou un día a “Follas Novas” (en 1957). Asistía todos os sábados ás nosas reunións, nas que líamos poemas, contos e libros que ían chegando de Galicia, vinculouse daquela ás Mocedades e foi un membro moi activo. Na Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, Palmás e Elsa eran os máis activos. Palmás andando o tempo, daría clases de galego. Era un rapaz moi entusiasta e moi intelixente. Tiña un gran sentido do humor. Mantiven correspondencia con Palmás e estivemos a punto de pasar uns días con el en Lisboa. Veunos ver cando viviamos con Isaac en San Marcos e vímonos tamén en Ourense durante tres días no congreso sobre Blanco Amor, en 1993 ou 1994.”
Sempre activo e militante dunha Galiza universal, integra pouco tempo máis tarde o movemento galeguista de Bós Aires e participa no desenvolvemento de A.G.U.E.A. (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas), nas Mocedades Galeguistas e máis adiante está cos fundadores da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos onde continuará cos cursos de idioma galego que iniciara Eduardo Blanco Amor.
Da necesidade de vincular o labor dos emigrados coa nova xeración de fillos de galegos nace, en outubro de 1959, a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos. Esta entidade tivo grande actividade entre ese ano e 1970. A organización de conferencias, exposicións, proxeccións de diapositivas sobre Galicia, cursos e publicacións promoveu o que hoxe denominaríamos “unha relación horizontal entre a xuventude galega de Bos Aires, outras colectividades galegas de América e mozos e mozas universitarios”. A Asociación editou un boletín de informacións e comentarios que chamaron “Alén Mar”.
Editaron, tamén, varios libros. Especial difusión tivo “LONXANÍA”, un libro editado en homenaxe de Elsa Fernández, integrante da Asociación desaparecida moi nova, que escribira poesías. O libro levou capa deseñada por Luis Seoane e un gravado de Laxeiro no interior. O prólogo era de Ricardo Palmás. Alí destacaba: “Lonxanía… será agora lonxanía?”
Mantíñamos (porque eu tamén integraba a Asociación de Fillos de Galegos) vencellos co movemento cultural galego na Terra e na emigración. Ás nosas mans chegaban todos os libros en galego que puideramos conseguir. Novas da Terra traídas polos que chegaban ó porto de Bos Aires. E o contacto permanente coa xente que traballaba pola defensa da identidade galega.
Aínda conservo na miña biblioteca un exemplar dun boletín da Agrupación Cultural “O Facho” editado no ano 1969 que chegaba a nós por contacto de Xermán Muñiz Castro, emigrante novo a América. Tamén un exemplar das Cantigas de Escarnio asinado co pseudónimo de Arístides Silveira o noso visitante ilustre de 1968, Celso Emilio Ferreiro. E outro de Carlos Abraira, Vixencia de Castelao nas novas xeracións galegas, produto dunha conferencia dada en Montevideo no 1961 e que editaran amigos. Pódese entender o que pensabamos as mozas e mozos naqueles tempos lendo un anaquiño dese texto:
Os xóvenes galeguistas de oxe recollemos
estas advertencias (de Castelao) e as temos en
conta para a nosa laboura de liberación nacional
da Patria galega, a que inspirada nos ensinos
de Castelao está a punto de prantexarse
no proúsimo xiro da historia, pois son tempos
istes en que vemos ós povos asoballados acadar
a súa plenitude en revolucións estroituradas
polas novas xeneracións, arriscadas, máis
nunca cegas, que nos amostran co seu pleno
coñecemento das realidades do seu país que
non se deixan roubar o triunfo e completan
as súas victorias coas realizaciós dos tempos
de paz
Preocupábanos, seriamente que, tanto entre os emigrantes como entre os arxentinos tiveran todos un concepto claro do que constitúe a nosa identidade como galegos.
Pódese elixir sermos galegos ou nácese galego nun territorio prefixado? Pode que si, que estiveramos ou aínda esteamos trabucados e que teñan razóns suficientes os que afirman o contrario, sexan nacionalistas galegos ou nacionalistas españois. Habelos hainos que din que os que nacemos fora do territorio galego non somos tal. Si eu non podo sentirme galego porque nacín en Bos Aires entón tamén conto coa solidariedade da “Súa Maxestade Don Xoán Carlos, o ex Rei de España”, que naceu en Roma. Pensa alguén, que non tolee, que presidiu o Estado un Rei italiano? E non será tan tolo quen pensase que eu non son galego porque non nacín na Galiza? Somos todos galegos “nados na emigración”.
Os fillos e netos de galegos emigrantes sentiámonos galegos e coma tales traballabamos polo desenvolvemento da cultura dos nosos pais. Entendendo coma unha parte das necesidades a de manter un bó nivel de idioma galego ou para que se achegaran todos aqueles que tiveran interese. Para cumprir con tal obxectivo comezou co ditado de cursos en galego. O primeiro deles por Eduardo Blanco Amor. Logo continuaría Ricardo Palmás coa colaboración de Fernando Iglesias “Tacholas”. No final das actividades coñecidas os cursos eran levados adiante por Victoria Besada. No 1963 promoveron a creación da Asociación Uruguaia de Fillos de Galegos.
Pasaron logo anos de traballo diste home dedicado a unha tarefa cultural multifacética sempre vinculada á Galiza. Por si desexades procurar bibliografía escrita por Ricardo Palmás, aquí un resumo:
– Publica Pelerinaxe (Montevideo, 1965)
– Castelao, prosa do exilio (Patronato da Cultura Galega, Montevideo, 1976)
– A emigración galega na Arxentina (Ediciós do Castro, A Coruña, 1978)
– Aportaciós pra unha bibliografía de Castelao (Xesús Alonso Montero, Epifanio Ramos de Castro, Ricardo Palmás Casal, Sada, Ediciós do Castro, 1970)
– Vinte poemas galeses, Séculos XVII ao XX, (Ediciós do Castro, 1988)
– Fernando Iglesias “Tacholas”, un actor auriense na Galicia ideal (Luis Pérez Rdguez., Sada, Ediciós do Castro, 1996) Prólogo
– A súa participación no libro colectivo coordenado por Xosé Neira Vilas Eduardo Blanco Amor, desde Buenos Aires (Ediciós do Castro, 1995)
– Tamén no libro colectivo coordenado por Arturo Casas Tentativas sobre Dieste (Sgo. de Compostela, Sotelo Blanco, 1995)
– Luis Seoane (1910-1979) Día das Letras Galegas 1994 (Xunta de Galicia, 1994)
Palmás incorporouse ó periodismo no ano 1983 na axencia EFE. Traballou nas delegacións de Londres, París, Brasilia e Lisboa. Colaborou en publicacións de Arxentina e Galicia, especialmente n’ A Nosa Terra.
Un capítulo especial na vida de Ricardo Palmás, e tamén a intensa relación con Luis Seoane e Maruxa Fernández. Luis e Maruxa eran extraordinariamente solidarios, amigables e intelixentes contertulios. Coñecemos dabondo as referencias ás tertulias no café Tortoni. Mais poucos coñecen ou participaron das tertulias que ambos os dous realizaban na súa casa da Rúa Montevideo. Algo disto escribín no Caderno de Estudos Xerais nº 14 editado pola Asociación Cultural “Irmáns Suárez Picallo”, “Luis Seoane; Día das Artes Galegas 2019.”
Estas tertulias eran convocadas por Luis e Maruxa e participaban nelas o que poderíamos describir como “tres niveis de contertulios”. Os amigos máis achegados a eles e co-partícipes xeracionais, invitados especiais por mor da especialidade nas súas profesións xeralmente artísticas ou artesanais e nós, mozas e mozos da Asociación de Fillos de Galegos. Non todos. Habituais, Ricardo, Pilar Jeremías, Inés Canosa e máis eu. Veremos o porqué da importancia destas tertulias e relación de amizade. Pódense consultar 49 cartas intercambiadas por Luis Seoane e Ricardo Palmás no Consello da Cultura Galega, Fondos documentais, Fondo Fundación Luís Seoane.
As tertulias eran ofertadas a nós, os máis novos, para contactar con personaxes como Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Isaac Diaz Pardo, Raquel Forner, Maruxa Mallo ou José Nuñez Búa. Alí coñecíamos a última hora das novas políticas e da Colectividade galega emigrada, as tendencias na pintura, escultura ou labor editorial e admirabamos a produción de Luis Seoane en todas as súas facetas. Colgaban das paredes cadros de el mesmo, tapices de Maruxa, obra de Picasso e Juan Gris, cerámicas de Raquel Forner e unha fugaz mostra da obra de Maruxa Mallo, personaxe moi especial, fuxidío e impredicible.
Arturo Cuadrado, gran conversador e coeditor e organizador de editoriais xunto a Luis, aportaba certa doses de fantasía e fabulación. Cando comezaba a falar atraía ós contertulios e desenvolvía un clima alegre e participativo. Lorenzo Varela, un intelectual cun manexo axeitado dos tempos da conversa, con aportes importantes nos eidos da información política.
Rafael Dieste que regresara a Bos Aires e a Editorial Atlántida no ano 1954, logo dun periplo de anos de exilio por diferentes países. Antes do seu regreso a Galicia, a mediados dos sesenta, puidemos escoitar e admirar a reedición da súa obra “A fiestra valdeira”. Nos anos vindeiros ó seu regreso á Terra a información sobre as súas actividades era actualizada constantemente na casa de Luis Seoane. Palmás foi influído por Dieste na súa faceta de periodista. Raquel Forner, pintora e ceramista arxentina e Maruxa Mallo, pintora galega, aportaban a súa visión da arte.
A presenza de Isaac Diaz Pardo non era constante pola súa labor na Cerámica Magdalena, criada en ese pobo da provincia arxentina, xunto con Luis, Nuñez Búa e outros. A súa personalidade e ideas plasmábanse na produción de Magdalena, proxecto de Luis e Isaac que anos máis tarde reflectiría no desenvolvemento de Sargadelos.
Con toda esa información e toda esa formación o único propósito desa mocidade era agradecer a oportunidade. Mais Luis e Maruxa non deixaban baleirar o sentido desa oportunidade. Nos actos celebratorios do Día das Letras Galegas do 1994, dedicados a Luis Seoane, organizados polo Alcalde de Oleiros, Gelo García Seoane, participamos en conferencias Ricardo Palmás, Pilar Jeremías, Guillermo Withelow e eu mesmo. Neses intensos días de lembranza da obra de Luis solicitei permiso a Maruxa, a súa viúva para desvelar unha parte descoñecida da súa labor: o mecenado.
Esta actividade era realizada por eles co compromiso de non desvelar a orixe da que podíamos chamar “beca de especialización na Galiza”, nin quen era destinatario dela. Houbo varios bolseiros. Un deles foi Ricardo Palmás. Coñecendo Luis e Maruxa ó candidato nesas tertulias e na súa actividade na colectividade galega do Río da Plata, un día calquera o convidaban a unha xuntanza na súa casa e presentaban o seu proxecto: unha viaxe á Galiza e outras partes do Estado, contactos e residencia en casa de amigos da parella, acceso á información da súa especialidade o interese e publicacións e conferencias ó seu retorno. Formidable formación e oportunidade que os candidatos aproveitaron, dou fé.
Pilar Jeremías e máis eu, casados no 1967, fomos entrevistados para saber das nosas inquedanzas e obter as desculpas por unha postergación da beca, xa que logo os Seoane desexaban que viaxaramos os dous e necesitaban axustar as contas. Non puido ser aínda que agradecemos as oportunidades facilitadas no contexto da nosa realidade.
Por certo, a defensa do idioma galego, preocupación permanente de todos, tivo en Ricardo Palmás un apoio descoñecido na realización da primeira cerimonia de casamento en galego feita no mundo logo do Concilio Vaticano II. Tamén colaboraron os integrantes da Asociación de Fillos de Galegos nesa cerimonia: o noso casamento Pilar e José. Máis adiante na realización de dous bautizos de catecúmenos adultos e na misa en galego que apoiou toda a colectividade emigrada, sen distinción de ideoloxías. Agás dos poucos franquistas residentes…
Dicía Palmás no seu libro “A emigración galega na Arxentina” que as “pegadas galegas, particularmente na rexión do litoral rioplatino, deberán de ser obxecto de demoradas esculcas que darán resultados de muito interese, tanto para os galegos como para os arxentinos”. Pasaron moitos anos desde esta afirmación e moito se fixo. Mais non o suficiente. Cabe aínda pescudar na vida e obra de moitos emigrantes e descendentes de galegos que amaron e aman á Galiza. Con humildade, desde as páxinas da Revista Areal tentamos cumprir con ese desexo.
O mellor de Ricardo Palmás quedou sen facer. Moitos amigos preguntan polos escritos, epistolario fecundo e investigacións en curso, algunhas delas permanecen perdidas e outras en institucións ou nas mans de alguén que desexa a súa publicación en breve.
Misteriosamente, Ricardo Palmás, quen traballou, amou e comprometeu o seu andar pensando na Galiza, vivindo nela a pesar do país no que habitara, repousa hoxe, definitivamente,
no seu Bos Aires natal.
Seus amigos de Bos Aires e tamén os da Galiza que coñecemos o seu labor e compartimos pensamento e acción cara un futuro brillante da nosa Patria compartiremos esta homenaxe, mesmo lembrando cando chegaron o Aeroporto de Bos Aires seus restos mortais cubertos pola bandeira azul e branca. Nese intre e hoxe lembramos aqueles anos de loita contra as ditaduras de ambas as dúas beiras do Atlántico.