É ROCHEDO

Manuel González Prieto

I
esgazaduras no traxe
trapos húmidos e enrugas
na pel
óese un forte estrondo na súa Panxea

   só conto (s)
o que viu
     quen un día
           aprendeu a ver



II
un pedrullo preciso onde pisar a deda gorda do pé esquerdo
a man dereita xira 180 graos sobre si mesma
o corpo (in)corpórase
               atonda o teu cuarto que está moi revolto!
                                                                        estalle mudando a pel


III
rocha mar e inverno e
un acicalado e infindo campo semántico agardando por nós


IV
Σ (Terra + boa compaña)= Δ discurso (espazo e tempo) + paisaxe= IDENTIDADE:
                                                [teoría e praxe: construción


V
vexo, vexo… TRIBO crisol fabas con ameixas e tamén garavanzos
verdura froita mel e ovos e hai QUÓRUM: Hoxe tortilla de pataca


VI
Pippis do MUNDO gabeade polas árbores


VII
artificial no tempo
só hai espazo
as dedas do pé
na vertixe
palpan ás agochadas
o movemento é pendular
contamos un polgar índice medio anular e un maimiño
cardi- sobe e logo baixa a mínimos non saudables


VIII
falarán as pedras e contarán certezas
a túa razón de ser é a síndrome
as mudanzas na paisaxe só atenden ao paso do tempo?
aínda te nomeamos
o teu signo
canto menos mereces unha boa desculpa sincera
so a húmida lousa cor cinza en inverno
                                                   hoxe
                               mañá
                                        un verde esmeralda
mudarás de pel
sentímoste viva

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *