CRISTOVO COLÓN: DE QUEN VIÑA SENDO?

Nacho Taibo
Mapa de Ibn-Ben Zara (1487)
O lugar do nacemento de Colón é para certas persoas un misterio.

O problema esencial parece residir en que tal suxeito se esforzou moito e ben en crear un mesto, misterioso silencio sobre certas épocas recuadas da súa vida. Algo tiña que ocultar. Pasa tamén que algúns historiadores o consideran mentirán compulsivo, mesmo en actas perante notario. Aínda máis, alí onde hai documentos —moitos deles en favor da tese xenovesa— sempre hai unha cuadrilla de expertos en diplomática que os tacha de falsificados… xunto a outros non menos expertos que os declaran bos.

Sen que eu me interesase nada por procuralo, tras petar casualmente con el por Galiza, Ghíos e Córsega, o tema chegou a intrigarme nunha época, o que me fixo pasar por numerosos libros e páxinas web. Procuro ir por partes, e resumir moito.

Foi na propia Ghíos, no Exeo, onde Colón comezou a perseguirme por todas partes, e alí me levou a unha primeira conclusión: toda a suposición sae do que conta o navegante así como de paso, porque no Caribe atopou algo semellante ao principal produto local da illa de Ghíos, mástigha ou chicle medieval, que en español se chama almáciga, palabra árabe. É todo. Os heroes locais que se pretende nativos de Ghíos son dous, Colón e Homero. A casa de Homero —segundo a tradición— que visitei deixárana moi mellorada con cemento.

Dentro dunha sucesión de propostas dun Colón luso, véxolle todo o sentido e lóxica política á máis moderna e agresiva, a dun Fernandes Zarco axente secreto do rei portugués para que os católicos monarcas deixasen de importunar a súa rota das especias. Como tantas outras teorías, xoga a mudar nomes de persoas reais, sen ningunha proba documental.

Estando a orixe xenovesa de Colón amplamente aceptada pola maioría dos historiadores e biógrafos, posúe numerosos puntos escuros, e para min o principal é o idioma. Tampouco non hai proba de nacemento ningunha. Varios documentos identifican un Cristòforo Colombo que, por cronoloxía tanto como por formación, cadra bastante mal co navegante. Máis recentes, as primeiras teses do señor Enseñat promovían un Colón de familia xenovesa pero asentado en Lisboa desde neno, polo que descoñecía as falas italianas: planarei sobre esta teoría ao final.


PAÏSOS CATALÁNS

Cheguei a catalogar até 27 pretensións de orixe diferentes, algunhas de risa, como o indio maia e un ruso, o Colón irlandés emitido por chacota, e outras con bastante aparatura demostrativa. Dentro delas, as teses do Colón de fala catalá —de Barcelona ou de Tortosa, mallorquí ou de Eivissa— son antigas e máis ou menos serias, salvo que ingresemos en certas disparatadas páxinas web de pretensións hexemónicas exclusivistas1, que aseguran un descubrimento e colonización beatíficos exclusivamente cataláns, agasallando barretinas a esgalla para os nativos, pobriños, cunha conspiración castelá que usurpou os méritos todos de Catalunya. Abrollan dunha visión chea de prexuízos con finalidade irrenunciabelmente política, chauvinismo patrioteiro. Por exemplo: partindo de escritos do s. XVI que suxiren 4000 millas até o Estreito de Xibraltar, negan que a expedición descubridora saíse de Palos de Moguer, porque as 4000 lles cadran desde Pals, no Empordá, na ignorancia máis absoluta de canto era unha milla (obviamente era a distancia ás Américas!). O descoñecemento non se limita á milla, que alcanza, segundo di quen debe sabelo, a propia lingua catalá, e desde logo o conxunto das latinas… Precisamente son outros cataláns, serios e cheos de seny, os primeiros que renegan das súas voluntaristas teses.

Outras teorías sobre un Colom de fala catalá son menos arbitrarias, mais igualmente carecen do menor aparato documental probatorio. Esa total ausencia é o punto fraquísimo de todas as teses catalano-baleares: citan series de supostas personaxes clave, necesarias para a demostración, mais nunca atoparon proba escrita da súa existencia.

Unha sonada produción de televisión (History Channel) entrevistou varios analistas que suxerían un Colón catalán, baseándose en probas nada concluíntes e xa máis que manidas, como a análise textual dos escritos daquel señor. O estudo xenético do documental non se destinaba a discernir a orixe de Colón, só a dilucidar se os seus verdadeiros restos mortais son os de Sevilla ou os de Santo Domingo. Con todo, tamén podería achegar datos sobre o nacemento do tal Cristoviño. Pois non acadou resultado resolutivo ningún, porque os despoxos estaban tan deteriorados que non proporcionaron ningunha cadea completa de ADN: a investigación de Canal Historia pouco axudou a esclarecer o misterio.

A existencia no Deltebre dun illote chamado Gènova parece a única base que sustenta a ficción dun Colom tortosano. En cambio, a(s) teoría(s) sobre un Colom de Mallorca, suposto fillo bastardo do príncipe de Viana, pasa(n) por outro arrabalde chamado Gènova, ao pe de Palma, unha revolución antiseñorial a mediados do XV e polo exilio dalgún dos dirixentes a Sardeña. O arbitrario nas propostas mallorquinas comeza no troco de nome dun Joan Colom, documentado, a Cristòfol, de todo hipotético, mais necesario para aducir que ese señor descobre, despois, América. Necesario, mais suficiente non. Que un Cristòforo Colombo xa teñen os xenoveses, pero a moitos cústalles crer que se identifique, só polo nome, co navegante, logo almirante. Ademais, na ladaíña do príncipe de Viana hai unha cronoloxía clara, que é a da súa estadía temporal en Mallorca medio exiliado, imposíbel de cadrar coa cronoloxía do almirante.

A páxina de Nito Verdera, que preconiza un Colón natural de Eivissa/Ibiza, é do mellor que atopei nesta materia, por honesta. Pensei nela ao falar de ausencia de documentos, e precisamente ten un apartado enteiro dedicado ao tema: resulta, tanmateix, que a Eivissa no es pot portar a terme la revisió dels arxius perquè, no se sap com, gran quantitat de la seva documentació ha desaparescut. E, máis abaixo, es pot preguntar si es deu a un fet intencionat o a una mà negra interessada en què es perdés per sempre bona part dela nostra història.

Un argumento recorrente entre os defensores das teses catalo/baleares afirma que o navegante adoitaba asinar Colom. Nin se lles ocorre pensar na normal transcrición portuguesa, igual que aínda hoxe com um homem em Belém, onde o -m final marca a pronuncia dun n velar, isto é, que non se liga á vogal seguinte; igual que o unha galego, o -ing en inglés e en alemán. Ademais, teño a sensación de que o fulano en cuestión non escribiu o seu nome Colom con demasiada frecuencia. Os documentos cataláns da época tamén llo apoñen en –m a un corsario Colom que debe ser o francés Cazeneuve Coullon, almirante. 

Tacos y palabrotas. Coullon.


COLLÓN GALEGO

Hai numerosos libros sobre as teses dun Colón galego. A sospeita comeza a insinuala García de la Riega. Logo se exacerba co achado de documentos sobre unha familia Colón de Pontevedra, probabelmente de San Salvador —o nome que Colón deu á illa!— de Poio, onde había unha tradición sobre certa «casa de Colón» en ruínas, hoxe ordenadas, reconstruídas e convertidas en museo.

O problema para esta pretensión é que alguén torpemente manipulou os escritos, e con esas a tese perdeu o creto. Hoxe fica probado que o que se lles fixo foi recalcalos, non alteralos, mais fóra de Galiza xa ninguén lles empresta atención. Até onde eu chego, os documentos — os retocados e outros que non— demostran sen discusión que no XV, até comezos do XVI, vivía entre Pontevedra e o contiguo Poio a familia Colón —por veces transcrita Collón— con ampla actividade mariñeira; entre os seus membros contou un Domingos e mesmo pode — non é seguro— que un Cristovo. Iso é case todo. 

O que se me antolla máis significativo da tese pontevedresa é a desaparición dun dos varóns da familia por volta de 1460, acusado de incendiar unha casa. E que os descendentes do almirante, sucesivos duques de Veragua, vendesen en 1796 unhas terras que tiñan alí, no Porto Santo de Poio, por herdanza familiar ancestral… Comparada coas demais, o máis consistente desta hipótese, con enorme diferenza, é a toponimia colombina, é dicir, os nomes que o descubridor ía poñendo en América: compoñen unha fotocopia deforme das rías do sur de Galiza. Ese mesmo argumento aducen varias das outras teorías sobre a orixe de Colón, mais mentres se achegan dez ou vinte topónimos baleares, outros tantos cataláns, doce portugueses e sete ou oito da Córsega, a tese galega pon douscentos. Aínda que moi significativo, tampouco este indicio é concluínte, porque quizá só evidencie que a toponimia de Galiza, tanto polo luxurioso da poboación como por… quero dicir, tanto polo luxurioso da xeografía como polo espallado da poboación, é moito máis densa que noutros lugares e dá, xa que logo, para todo.

Hai bastantes traballos sobre a lingua de Colón, a comezar polo clásico, tremendamente prexulgador, de Menéndez Pidal. Penso que todos pecan de visións nesgadas, oblicuas. Os presuntos galeguismos no mal castelán que Colón escribía poden explicarse a través dos moitos anos que morou en Portugal, inclusive un fame que no actual portugués é fome, mais no XV era igual que en galego. E tampouco cabe negar a contraria, que os presuntos lusismos dos escritos de Colón sexan en verdade galeguismos, aínda que o antedito fame non é proba. O que non ten explicación é que escribise en castelán ao Banco di San Giorgio de Xénova. E moito menos que as únicas liñas que intentou redactar en italiano entre todos os seus manuscritos que chegan a nós, na marxe dun libro, veñan indiscutibelmente dun ignorante nesa lingua: están nunha xerga peor que macarrónica, e tampouco atopan desculpa desde o dialecto lígur, propio de Xénova.

Despois de continuadas alternativas, a versión máis moderna da tese galega é a que sostén teimoso o señor Philippot, que asegura que o cabaleiro bastardo Perálvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga, non morreu na década de 1480 segundo está documentado, senón que, coa conformidade dos católicos reis, transmutou a súa identidade á do Colón descubridor. Non hai proba ningunha da mutación, ou da identificación entre ambos. Quen desde logo se enganan alén do razoábel son algúns seguidores desta corrente que demandan que se abra o sartego do almirantepoeta Paio Gómez Chariño en Pontevedra para ver se o seu ADN coincide cos descendentes de Colón. E engánanse radicalmente porque o Chariño non foi devanceiro do Pedro Madruga, senón dos Soutomaiores de Lantañón, seus primos, mais engánanse tamén porque dentro do sartego non atoparán nada, nin ósos, nin ADN nin unha triste cantiga…


ENSEÑAT

Ao comezo mencionei o señor Enseñat coa súa teoría sobre un Colón nacido en Xénova, que de pequeniño levaran os pais a Lisboa, o que explica a súa nulidade para expresarse por escrito en calquera variedade lingüística italiana, e que adoptou o nome do clan comercial Colonne. Lin con atención o seu primeiro e groso libro7, interesante, e pareceume ateigado de afirmacións puramente hipotéticas e carentes de documentación. Para apuntalar as suposicións, tres anos despois publicou novo artigo con outros datos nesgados: modifica, ou directamente omite, algunhas das súas propias hipóteses previas porque non conseguira demostralas documentalmente —segundo vin eu, que el non o confesaba—, mais tampouco tiña probas concluíntes dos novos supostos…

Por exemplo, para explicar a nunca demostrada afirmación do fillo, Fernando de Colón, de que seu pai estudara en Pavía —todos pensaban na Pavía de Italia—, Enseñat pono de frade nun convento na Pavia de Portugal e destínao logo a outro próximo a Cáceres para que deprenda o castelán, que alí todos serían bilingües debido á proximidade. E todo iso invéntao el soíño, sen axuda ningunha: buscándolle outro nome a todo o que non se axeite nin cadre co obxectivo, sen outra explicación. Non ten a menor proba de que o seu Cristovo, baixo calquera outra apelación que el lle atribúa, fose freire nesa época nin neses lugares. En cambio, no artigo de 2003, sen citar para nada a súa anterior suposición nin por que a rectificou, pono a medrar na Pavía de Italia e resulta que nunca chegou a monxe. Tamén sen a menor base documental, todo á conta de sospeitas e conxecturas. E con esas volvemos a non saber por que esqueceu a lingua materna, italiano ou lígur.

Con todo, non estou nada arrepentido de deixar lidas as obras de Enseñat. Conteñen moitas cousas interesantes: a crítica á tese xenovesa tradicional é máis valiosa que a súa propia hipótese. Nesta ratifica que o Colón naceu en Xénova, que os documentos o demostran, mais nega de cheo a identidade que sempre lle viñan asignando as teorías xenovistas tradicionais. O seu traballo é, sobre todo, unha inestimábel contribución ao método científico que proclama ser a súa base de partida… por aplicar todo o contrario, quero dicir. Algo que cómpre estender a moitas das outras propostas sobre Colón.

Todas, a galega tamén, proban que na segunda metade do XV había familias chamadas Colón, Collon, Coullon, Colona, Colonne, Colombo e quen sabe cantos máis en moitos lugares do sur de Europa. Ningunha conseguiu convincentemente coincidir co navegante: a xenovista tampouco.

Porque, a quen lle importa onde raios nacería ese señor? Todo acolle doada explicación, raios e tronos!, cando asumamos que Colón non existiu.


CONCLUSIÓN

Despois de ler moitas parvadas, e outras teses máis sensatas, eu alcancei unha conclusión moi provisional, si, mais tamén moi meditada: na miña persoal opinión, Cristovo Colón non existiu.

Non debeu de existir xa que non naceu en ningún lugar en particular.

Ou ben, pola contra, existir existiría, mais non foi un Colón, senón unha comisión.

Como? Unha arroutada? Bromiña miña? Leria será, mais a idea miña non é. Enunciouna, completamente en serio, Emilio Michelone, italiano, en texto póstumo que parte denunciando o nome mesmo do navegante, tan significativo que o considera invención, Cristòforo Colombo: a pomba que leva o Cristo. Suxire un almirante inventado para dar aos Reis Católicos carta de propiedade sobre unhas terras que se viña visitando esporadicamente desde antigo e eran máis coñecidas que Sada para os navegantes…

Alternativamente, Colón antóllaseme ser a resposta á irrelevante pregunta retórica do chorado Stephen Hawking, “se as viaxes no tempo son posíbeis, non me explico por que non estamos inundados de turistas do futuro”.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *