Nova Troula

Os pobos que teñen, como Galicia, unha
sensibilidade lírica tradicional que lle dá a súa
paisaxe, o seu clima e a inxel humanidade das súas
xentes, exprésano así, en música e en cántigas.
Ramón Suárez Picallo
(Sada, 1894-Buenos Aires, 1964)
Nova Troula actuando no Festival Camiño do Verán
 
Nova Troula nace en Sada no ano 2016 como resposta á demanda de numerosas persoas vinculadas á música tradicional galega con ganas de crear un espazo para poder desenvolver actividades que teñan que ver coa posta en valor, a defensa e o goce da cultura popular de Galicia e sobre todo dar luz e recuperar parte do patrimonio musical da súa contorna. Toma o nome da agrupación A Troula, unha das primeiras que en Sada apostaron, nos anos 20, pola preservación da música tradicional.

Conta con varias formacións musicais: grupo de gaitas e percusión tradicional, coro galego e o grupo de cantos de taberna Viute o Demo. Desde a súa fundación, veñen actuando ao longo da xeografía galega, participando en festivais e foliadas como a da Carballeira de Zas, a Amanexa de Dexo, Nosa Señora da Xunqueira (Vilagarcía), Merlán, O Castro (Miño), Son d’aquí (A Coruña), etc. Do mesmo xeito, sucédense as actuacións en Sada, achegando a parte musical a diferentes eventos: a Cervefeira, o festival de Food Trucks, presentacións da revista Areal, as festas patronais de Sada e Mondego, a festa do Carme, Entroido ou Semana Santa. Nova Troula tamén colabora en festivais organizados por outras agrupacións de música tradicional de Sada, como o Festival Folclórico A Meda do Castro, a Foliada de Sada de Queiroa ou o Festival Camiño do Verán do Coro Galego de Veigue. Máis recentemente, participou na Gala Solidaria de ASPACE. Este ano, foi o primeiro grupo de fóra de Asturias convidado ao Festival de Gaitas Picos de Europa de Carreña de Cabrales, onde se interpretaron pezas corais e instrumentais da tradición musical galega. En televisión, o grupo apareceu nos programas Aquí Galicia e Vin polo vento.
 
Diferentes edicións do Día da Troula
 
Coa finalidade de enriquecer o panorama cultural de Sada, Nova Troula tamén organiza os seus propios eventos, entre os que destaca o Día da Troula, que vai pola súa terceira edición, unha xornada dedicada á música na que se suceden os cantos polos bares e os concertos para rematar cunha foliada. Un día no que a localidade se enche de xente para festexar a nosa identidade cultural. No marco do Día da Troula, cada ano homenaxéase a persoas ou entidades que tiveron relevancia no desenvolvemento da música tradicional da contorna: o grupo Os Perilláns en 2017, as agrupacións folclóricas da Sada dos anos 20 e 30 en 2018 e o escritor sadense, autor e recompilador de música Ricardo Flores en 2019. Nesta última ocasión, o grupo de canto de Nova Troula interpretou por primeira vez en Sada a peza A pérola das Mariñas, composta na emigración arxentina polo autor homenaxeado, sobre o que disertou José Martínez-Romero nunha charla que precedeu á actuación.
 
Máis alá da dimensión musical, que é a esencia da asociación, Nova Troula non pecha horizontes a calquera iniciativa cultural que dinamice a nosa contorna. Deste xeito, nos últimos meses promoveu coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo a primeira peregrinaxe polo Camiño Mariñán no tramo entre Fontán e Betanzos, a antiga ruta de peregrinación que formaba parte do Camiño Inglés. Tamén participou como entidade colaboradora na organización do Son do Mar, un roteiro teatralizado que recrea a Sada mariñeira dos anos 40 e 50. Neste caso, Nova Troula representou unha das escenas teatrais, interpretando pezas de temática local mariñeira de Ricardo Flores e Manuel Fernández Amor. Ademais, amenizou con música o inicio do percorrido. 
 
Dúas imaxes do Son do Mar. Escenas protagonizadas por Miguel Mosquera e Isabel Risco, integrantes de Nova Troula, e polo grupo de canto
 
Unha faceta fundamental de Nova Troula é a docente. Da man de Rubén González Vázquez, impártense clases de gaita, percusión e canto, cun alumnado que medra cada ano e visibiliza os seus progresos nas actuacións do grupo. Ademais, este amplíase a oferta cunha actividade de iniciación ao folclore para nenas e nenos. Estas aulas son complementadas con diferentes obradoiros a cargo de músicos e artesáns: construción de pandeiro con Xosé Maceda, fabricación de palletas con Xaime Pena, construción de pandeira con Xaneco Tubío, aula aberta de percusión tradicional con Rubén González, mantemento de instrumentos de percusión tradicional con Xosé Maceda ou xornada de canto con Xaquín Xesteira. Estes obradoiros axudan a mellorar a técnica interpretativa e, sobre todo, a familiarizar aos intérpretes cos instrumentos e co traballo artesán.
 
Obradoiro de construcción de pandeira, con Xaneco Tubío
 
Entre os proxectos nos que Nova Troula se atopa inmersa está o de seguir recuperando pezas do patrimonio musical de Sada para integralas no repertorio habitual e dalas a coñecer. Un legado que nos deixaron as persoas que nos precederon no territorio que hoxe habitamos e que é parte substancial da nosa identidade.
Partillar

One thought on “Nova Troula

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *