Auga que me habitas
antiga coma o mundo
arrefriaches a Panxea
cando bogaba a futuro
Auga encovada en segredo
fuches parte de mamut
desexo en Atacama
Auga salgada en mares sen memoria
zume na mazá de Newton
bágoas na dor de Magdalena
resío no amencer de Sidharta
coma cuspe
na podre boca de Hitler
Auga roubada
auga coma moeda
para quen non ten
fuches berce no meu ventre
leite no meu peito
auga fuxindo por veces
sorprendida na tea
da araña fachendosa
Inspiro na pregunta
de quen habitaches antes
de hidratarme hoxe
Auga na Galiza
coma area en deserto
lavas a nosa xeografía
sen parar de nos mollar
sen que deixemos de precisarte
AUGA QUE ME HABITAS
Marité Prieto