Manuel Pérez Lorenzo
Vista da Praza de San Roque. Na segunda casa pola dereita estaba emprazado o local do Ateneo de Cultura Política y Social. Memoria de Sada
O ATENEO DE CULTURA POLÍTICA Y SOCIAL, UN ESPAZO DE CONVERXENCIA DA ESQUERDA
Na Sada de 1935, a oferta cultural e recreativa, encabezada pola Sociedad Artística Sadense, era ampla e variada. Porén, Xohán Antón Suárez Picallo detectaba unha carencia. “Hasta ahora -dicía- las sociedades creadas en la villa fueron, en un sentido o en otro, coto cerrado a estudios políticos y sociales, y este error […] les costó la vida a muchas de ellas”1. Nun tempo de pluralización da vida política, de apertura de debates, de redefinición do porvir, unha parte do asociacionismo cultural asume ese papel que demandaba o xornalista: o de servir como foro para o intercambio, como espazo de contacto entre a cidadanía e as diferentes análises da realidade política, social e económica.
No momento no que o menor dos Suárez Picallo escribe estas liñas, a esquerda está a se recompor para afrontar o futuro, logo de dous anos de gobernos conservadores nos que se paralizaran os procesos reformistas iniciados en 1931. É nese marco no que diferentes organizacións republicanas, nacionalistas e obreiras se aglutinan en torno a unha Alianza de Esquerdas na que Xohán Antón exerce de secretario xeral. En paralelo, os mesmos actores constitúen o Ateneo de Cultura Política y Social de Sada, que ha desenvolver unha intensa actividade nos meses seguintes, baixo a presidencia do propio Picallo primeiro e, a partir de xaneiro de 1936, do mestre Rafael Fernández Casas.
O 3 de agosto inaugurarase o local social, situado na Praza de San Roque. Co salón abarrotado, farán uso da palabra o presidente e o médico coruñés José Búa Carou, disertando este último sobre “La labor de los centros de cultura y la juventud” e sobre “los problemas de sanidad en los medios rurales y medios de mejorarla dentro de las posibilidades económicas de los pueblos”. Ambos oradores aludían a “lo que significaba que la Sociedad estuviera constituida por galleguistas, republicanos y obreros en fraterna cordialidad, como deben caminar siempre todos los que anhelan y se desvelan por un mañana mejor para sus semejantes”.
En certa medida, o Ateneo ocuparía o espazo cultural da Artística, agora centrada na programación de eventos lúdicos e na súa faceta musical. Axiña comezaría o Ateneo a desenvolver as súas actividades. Ademais de se organizaren excursións a Ferrol ou Pontedeume, serán frecuentes as conferencias, abordándose temáticas que evidencian a intención de achegar o coñecemento racional da realidade a un público que apenas tivera oportunidade de se formar. Falarase de medicina e hixiene, educación, prevención de riscos laborais e agronomía, pero tamén de política e de arte.
Neste labor xogarán un papel activo varios mestres locais: Nicandro Golán Pereiro, que fala de “La escuela única”; Alejo Candocia Seoane, que trata sobre “Las plagas del campo”; e o propio Fernández Casas, que diserta sobre “Analfebetismo”. Tamén o médico do Pósito, José Pubul Cartelle, que falará sobre “Prevención de los accidentes de trabajo” ou “El origen del hombre”. De entre os oradores convidados, cómpre resaltar a presenza, unha vez máis, de Ramón Suárez Picallo, que fala acerca de “La cultura y el civismo en la hora actual” no salón de Mondego. Outras charlas levarán por título “Diversos aspectos de Galicia e da galeguidade”(Plácido R. Castro), “Los municipios libres dentro de la autonomía” (Joaquín Martín), “El gremio de mareantes en Galicia y su derecho marítimo” (Ventura Castro Rial), ou “Perfiles de la economía en el porvenir” (José Villaverde). Porén, a conferencia máis multitudinaria protagonizaraa o escritor Ramón Otero Pedrayo, cunha charla sobre “Galicia na cultura universal” que houbo ser celebrada no Pabellón Moragra ante a gran afluencia de público:
Otero, nunha hora longa, fai historia do que
Galicia siñificou, nos séculos pasados, para a
Cultura do mundo, describindo en longos
párrafos cheos de eisaltación lírica, o esprito
das culturas, das terras e das xentes, sobor
todo da galega.
[…] De cheo no tema, amostra como non é
posíbel un home, unha terra, nin nada igoal,
vindo delo percisamente a diferenzacion das
terras, das razas e das culturas, que non deben
matarse senón estudarse para enriquecer
o acerbo común delas. Findou a súa conferencia
[…] cantando unha Galicia nova, aberta a
todas as correntes do esprito en prena función
do seu que o orador xusga de inmorredoiro.
Nunha ovación de cinco minutos co auditorio
posto en pé, puxo fin ao aito inesquecibel,
esperando moitos dos concorrentes na porta
do teatro, para abrazalo e felicitalo.
Tamén asistirá a veciñanza en masa -4.000 persoas segundo a prensa- a un acto antibelicista celebrado en novembro no Salón Moderno, nun contexto de fortes tensións en Europa, ante o ascenso dos fascismos. Pouco antes, en setembro do 1935, o Ateneo dirixía unha carta ao Presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, na que solicitaban o indulto aos condenados a morte polos acontecementos da Revolución de Outubro,
rogando asimismo la concesión de una amplia
amnistía para todos los presos políticos y sociales,
llevando así un consuelo a miles de hogares
españoles, privados de seres queridos y del sustento
que con su trabajo aportaban a ellos.
Uns meses despois de se constituír, o Ateneo gozaba de boa saúde, a xulgar pola súa actividade. Parte do éxito radicaba na súa vocación integradora das diferentes sensibilidades da esquerda local. Nas súas directivas convivirán militantes sinalados do Partido Galeguista, do PCE, do PSOE ou de Izquierda Republicana con dirixentes sindicais adscritos á CNT e integrantes doutras endidades, como a sociedade Sada y sus Contornos ou a propia Artística. Todos eles, co trazo común da xuventude, unidos pola vocación de construír un futuro diferente cimentado nunha sociedade máis formada e máis libre.
Os dous presidentes do Ateneo: Xohán Antón Suárez Picallo (esquerda) e Rafael Fernández. Fotografías cedidas por Ramón Tenreiro Suárez e Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
“ANSIAS DE CULTURA”. ACCIÓN CULTURAL NAS PARROQUIAS
Esta vocación asociativa, con raigames nas décadas anteriores, non está nos anos da II República restrinxida á capital do concello. Tamén nas parroquias rurais de Sada xurdián entidades que desenvolverán actividades culturais para cadansúa veciñanza. En xaneiro de 1936, o menor dos irmáns Suárez Picallo dedicaba unha das súas crónicas en El Pueblo Gallego a advertir acerca do “anhelo de cultura que se nota en nuestras aldeas, y de lo cual es reflejo la serie de centros y sociedades que en las mismas se vienen creando hace unos meses”. “Ansias de cultura” era o título que escollía para o seu artigo:
Las parroquias de Mondego, Carnoedo y
Meirás, son las que, organizadas en centros
de cultura las primeras y en sociedad agraria
la segunda, llevan delantera en esta benemérita
empresa, que imitan las demás con bastante
entusiasmo, organizando “peñas”, conferencias,
charlas, etcétera., y lo que es tan
importante como esto, vinculando a la juventud
al estudio de los problemas de nuestra
tierra y de la nación en general.
Con la satisfacción de considerarnos los precursores
de esta gran tarea de crear una juventud
culta y consciente de sus deberes,
alentamos a los dirigentes de todas ellas en
su gran labor, que debe ser estimulada por
las personas que anhelen un mañana mejor
para sus semejantes, o imitada allí donde no
haya sido ya.
Estas iniciativas deixaron menos pegada documental que o Ateneo ou a Artística. Algunhas asociacións pode que nin sequera estivesen rexistradas, e outras actuaban a través dos sindicatos e sociedades agrarias, conformando seccións culturais. Con todo, entre o segundo semestre do 1935 e o primeiro de 1936 constátase un auxe deste tipo de actividades, ben vinculadas a organismos, ben a individualidades con gran iniciativa. Xa con anterioridade, no 1933, constituírase en Meirás o Centro de Estudios Sociales Generación Consciente, vinculado aos campesiños cenetistas con Manuel Martín Regueiro Sánchez á fronte. Ás finalidades propias dunha asociación cultural engadía outra tremendamente ambiciosa: crear unha escola baseada en preceptos pedagóxicos avanzados en sintonía co anarquismo. Un proxecto truncado antes de nacer, pois nada máis se soubo del.
Outras empresas culturais estiveron fundadas sobre a necesidade de divulgar entre os labregos as innovacións técnicas que favorecesen a modernización da agricultura. De novo, as iniciativas partían de Xohán Antón Suárez Picallo. Seguindo as súas recomendacións, o Sindicato Campesino de Mondego anunciaba a apertura dun “ciclo de conferencias sobre temas agrarios”, o que motivaba o seguinte comentario do xornalista de Beloi:
¿cantas Sociedades e Sindicatos da nosa Terra
atópanse no mesmo caso? Moitas disgraciadamente,
e para elas van adicadas estas liñas.
Para que nestas noites longas de inverno orgaicen
crases, chalras, confrencias sobor de
cousas súas. Como se cultiva o millo para que
renda máis. Que semente é máis prodoitiva,
cal será unha mellor orgaización para resolver
os seus propios probremas. En fin, todo canto
teña intrés na Terra e na comarca.
Para esta laboura botar man de todol-os homes
e mulleres de boa vontade, que buscándoos,
hainos. Non importa que sexan ou non
letrados. Un rapaz novo de aldea coa práitica
e a maravillosa intuición con que o dotou a
Natureza, sabe máis cousas agrarias que a
mitade dos letrados que coñecen o agrarismo
polos… libros.
Seguindo estes preceptos, a comezos do 1936 nacerá a Sociedad Recreativa Cultural de Carnoedo, que inauguraba o seu propio local un domingo de xaneiro ás 3 da tarde. O orador era tamén José Búa Carou, “con un discurso sobre la obra de estas instituciones […] en el que alentó afectuosamente a la juventud para que por medio de la cultura y el civismo luchen por un mayor bienestar colectivo”. Ao igual que o Ateneo, será, na súa curta vida, unha sociedade ligada ás correntes de esquerda. Un dos seus principais dinamizadores será o mozo Sebastián López Sánchez, dirixente de Izquierda Republicana.
Noutras parroquias, amén do quefacer dos sindicatos en materia cultural, rexistramos actividades ligadas a docentes das escolas nacionais como Rafael Fernández Casas, Ángela Cruzado, Herminda Dans, María Luisa Vázquez Candal, Fermín Fernández Costa ou Manuel Cándido Varela. As nenas e nenos das súas escolas formarán cadros de declamación e participarán en variados eventos xunto aos propios mestres e á mocidade local. Actos como os celebrados en Mondego, impulsados por Fermín Fernández Costa. O primeiro tivo lugar en decembro de 1935, e nel participaron os nenos das escolas de Mondego e Mosteirón, representando a obra do propio Fermín Fernández La boda de Perico e interpretando as obras corais El toque del alba en Galicia ou Canto ás nais. Posteriormente “desfilaron por el escenario recitando poemas”. Un segundo acto estivo protagonizado pola xuventude local de Mondego que, en marzo de 1936, representou a obra teatral de Muñoz Seca Mari Mandona. A continuación, Rafael Fernández Casas falaba sobre “El arte a través de los tiempos”, e Fermín Fernández pronunciaba o seu monólogo La huelga de los herreros. En Osedo, baixo a coordinación de Manuel Cándido Varela, tiña lugar, en xuño do mesmo ano, unha “velada literario-musical”. Unha coral composta tamén polo alumnado da escola interpretaba varias pezas galegas e un cadro teatral puña en escena dous “juguetes cómicos”.
* * *
É de destacar, xa que logo, a implicación de mestrado e alumnado coa actividade cultural en Sada e nas súas parroquias, así como o papel determinante da mocidade no desenvolvemento dun asociacionismo activo e enchido de ideas, de proxectos de futuro. Non obstante, axiña se había quebrar o marco democrático que fixera posibles todas aquelas experiencias. Que abrira, en definitiva, as portas dun porvir concibido, en boa medida, baixo a luz dos ateneos, das bibliotecas populares, das asociacións culturais.
A sublevación militar de xullo de 1936 e a imposición do réxime ditatorial suporían a desarticulación do tecido cultural, coa ilegalización de todas as sociedades e a incautación dos seus bens. As palabras dos oradores impregnando ao público serían trocadas polas lapas que consumían, páxina a páxina, os libros amoreados na rúa. O local do Ateneo, que acollera a aquela veciñanza con devezos de aprender logo dunha dura xornada de traballo, era agora o “Hogar Rural de Frente de Juventudes”, de Falange. Xohán Antón Suárez Picallo e Rafael Fernández Casas, promotores de tantas iniciativas, pagaban o seu activismo coa vida. Baixo terra xacían os seus corpos asasinados. Pechábase un capítulo, construído con ilusión e esforzo. Comezaba a nada.