AS AVES INVERNAIS DA PRAIA

Antonio Sandoval Rey
Lavanco.  Ilustración de Calros Silvar

A praia de Sada, a Praia Nova, o areal desde onde o mar contaxia día e noite de suspiros aos paseantes, a que grazas ao activismo ecoloxista se salvou polo momento e polos pelos dun recheo, e da consecuente desfeita dos seus fondos máis inmediatos, que acollen unha pradería de zostera que mereceu ser incluída, pola súa importancia biolóxica, no Atlas das Praderías Mariñas do Ministerio de Medio Ambiente, a mesma praia que se reflicte nas cristaleiras da Terraza, pola que corren no verán os nenos cara ás ondas e descansaban no pasado tantas lanchas xunto ás casetas de baño, é cada inverno fogar dunha diversidade de aves acuáticas tan notable, que cada vez son máis os afeccionados á observación destas aves que se achegan ata aquí a gozar da súa proximidade.

Son moi poucas as praias urbanas que brindan no inverno a quen ata elas se achegan a posibilidade de contemplar tanta fauna salvaxe. Nesta, a existencia da pradería de zostera, que por certo non é unha alga, aínda que viva no fondo do mar, senón que pertence ao reino das plantas, así como a tranquilidade das augas e a existencia de abundantes repousadoiros na contorna, brindan a patos, zancudas, gaivotas ou carráns un destino ideal para pasar os meses máis fríos.

Algúns anos chegan ata aquí cisnes bravos, que se diferencian dos comúns polo seu tamaño algo menor e o seu pico amarelo, non laranxa e negro. Encántalles navegar pola enseada metendo cada pouco o seu longo pescozo baixo a superficie para pastar algunha cinta verde de zostera. Non podemos estar seguros da súa orixe exacta, só de que veñen de moi ao norte, quizais de Islandia, ou de Escandinavia.

Tamén de lonxe chegan ata aquí en ocasións patos como o asubiador: comprobouse que algúns exemplares marcados con argolas que invernan na península ibérica veñen de pasar a primavera en Rusia. As cabezas dos machos, de cor castaña e coa fronte amarela, deste llan de forma moi especial á luz sempre baixa do sol invernal. Máis lonxe, tanto que con frecuencia fai falta ter moi boa vista para descubrir a súa negra e escura bandada, outros patos, os pentumeiros comúns chegados de Siberia, se mergullan en sucesivos exercicios de natación sincronizada para acceder aos moluscos do centro da ría. Os machos son tan negros como un corvo, coa parte superior do pico de cor amarela.

Para observar ben estas e tantas outras especies, o ideal é achegarse ata aquí cuns prismáticos. E, se se pode, tamén cun telescopio. Todas as veciñas e veciños de Sada, e xa que logo todos os escolares, deberían poder gozar varias veces cada inverno da contemplación destes animais. Son cada vez máis os pedagogos e psicólogos que recomendan os paseos de observación de natureza como remedio contra a tensión e fórmula para combater as moitas consecuencias do sedentarismo, o abuso da información dixital, a ignorancia dos procesos naturais…

O máis probable, unha vez levemos os prismáticos aos ollos, é que o primeiro que vexamos sexan lavancos. Son os patos máis abundantes nesta praia. Non por iso resultan os machos menos rechamantes, con esas cabezas escuras de irisacións ás veces verdes, ás veces azuis, segundo lle dea o sol, e esas plumas da cola rizadas cunha coquetería bastante pasada de moda. Unha boa maneira de exercitar a vista e a atención é buscar entre eles culleretes, de pico moito máis grande e ancho, e cores escuras, castañas e brancas.

Aínda que para picos grandes, os dos cullereiros. Entre outubro e marzo, moitos días veñen comer ou descansar na praia unha ou varias delas. Grandes e brancas como os cisnes, nunca nadan, senón que se pasean coas súas longas patas por onde as ondas están a piques de alcanzar a beira, filtrando os fondos con esa proxección tan rechamante do seu cranio. É a súa maneira de ir picando pequenos invertebrados.

Polas beiras é tamén posible ver outras zancudas grandes e pequenas: agullas, gabitas, píllaras, garzas, garzotas… E por suposto gaivotas. Aquí chéganse a ver unhas cantas especies diferentes nunha soa bandada pousada entre a arribazón de algas.

Ademais dos prismáticos e o telescopio (sería unha boa idea que o Concello tivese un ou dous de préstamo para a cidadanía), convén vir acompañado dunha guía de aves. Por exemplo, a Guía das aves de Galicia, ilustrada por Calros Silvar e escrita por Xosé M. Penas Patiño e Carlos Pedreira López. Abrir as súas páxinas e comparar as imaxes de Calros coas diferentes especies que ese día teñamos ante nós é unha maneira ideal, e moi sa, de pasar un bo intre. É certo que ás veces se parecerá a resolver un sudoku. Precisamente por iso é esta unha actividade tan recomendada: mestura exercicio físico suave con reto intelectual, goce estético e, de volta en casa, estudo ao redor do que viramos. Etcétera!

Algo distantes, aínda que non tanto como os pentumeiros, e sobre todo en decembro, é posible ver algunha mobella. Non se achegará á beira: a evolución deseñou aos seus para voar, nadar e mergullar, non para camiñar. Na area, parecen unha lancha varada. As súas patas, situadas moi cara á popa, e ideais como propulsores baixo a auga, son case inútiles fóra dela. 

Cando aparece un banco pequeno de peixe, os primeiros en decatarse son os carráns cristados. Mentres se mergullan desde o aire con veloces e brancos picados, a súa algarabía de chirlos pode escoitarse desde ben lonxe.

En todo o planeta son cada vez máis as persoas de calquera idade que se apuntan á observación de aves como pasatempo en grao sumo completo. Algunhas o combinan coa fotografía ou o debuxo. Outras, coa prescrición médica de camiñar un mínimo de horas ao día. Ou con sacar ao can de paseo.

Neste último caso, hai que ter unha cousa moi clara: o can debe ir atado. Un can solto na praia é o terror das aves, por moito que nos pareza que o noso é un santiño incapaz de facerlles nada. As súas carreiras poden provocar que moitas delas se vaian e nos deixen sen ese espectáculo único que podemos gozar aquí, e en moi poucas outras praias urbanas do país.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará