A pegada do modernismo en Sada

Laura Rodríguez Pena
Interior da Terraza.   Fotografía de Marisa Naveiro
 
Con Art Nouveau, Modern Style, Sezession, Jugendstil, Liberty, Floreale ou baixo a denominación de Modernismo faise referencia ao último gran estilo da tradición decimonónica. O primeiro movemento arquitectónico moderno, representativo dunha sociedade en transición que demanda un novo estilo acorde aos novos tempos.

Os comezos do Modernismo sitúanse a finais do XIX e desenvólvese no século XX con figuras como a de Morris e o Art and Crafts e a súa aposta polo estilo artesanal e creativo fronte á industrialización e a estandarización dominantes naquela altura e de aí que función e deseño estexan intimamente ligados. A ornamentación deixaba ver as estruturas de novos materiais como o ferro -aproveitado alén da súa función estrutural-, cristal –vitraux- e madeira a través dos motivos inspirados na natureza filtrados por un gusto que se mostraban desde a delicadeza e a sofisticados en clara oposición á solemnidade dos repertorios historicistas.
 
A revolución industrial supuxo unha transformación radical nas estruturas económicas e no pensamento da época. As cidades costeiras experimentarán un auxe nas súa industria e comercio que suporá un crecemento demográfico e no desenvolvemento dunha nova clase social, a burguesía, motor da renovación arquitectónica. Nova sociedade, novos edificios e novos ambientes creados por e para ela mesma. Así xorde o modernismo na Galiza ligado a inmóbeis particulares, pavillóns de recreo, terrazas e quioscos a través dunha arte singular e representativa que se manifestará nos ensanches urbanos proxectados en contacto coas tendencias urbanísticas do resto de Europa.
 
As tensións sociais reflectíronse na oposición ao gusto modernista por parte da aristocracia por relacionalo coa burguesía de raíz fidalga e polo tanto unha arte para novos ricos que viña a rachar coa nobreza do histórico. Será a nova burguesía comercial urbana a que impulse o modernismo galego nos seus comezos xunto cos emigrantes enriquecidos e ascendidos a burgueses e os novos industriais.
 
A Galiza chega tardiamente, dúas décadas máis tardes xa iniciado o século XX e adquiriu unha calidade notable e singular. O estilo aquí caracterizarase polo uso dos novos materiais e técnicas que estes lles proporcionaban xunto cun certo eclecticismo e coa inexistencia de formas puras. Unha fórmula exitosa dentro dos variados grupos sociais que alentaron o Modernismo en Galicia.
 
Existen focos importantes irradiadores deste estilo arquitectónico en cidades como Ferrol, A Coruña, Vigo, Compostela así como mostras máis illadas en núcleos como Ribadeo, Corcubión ou Sada.
 
En cada cidade interprétase dun xeito diferente esa arquitectura de acordo coas súas necesidades representativas. Así mestres en Vigo o novo estilo será interpretado de acordo as súa condición de cidade industrial e traballadora,  na Coruña óptase pola vertente máis ornamental do estilo converténdose nun dos estilos máis representativos da cidade e dando un sentido artístico ás vivendas do ensanche e aos lugares de ocio que se equipan de estruturas para o recreo. Entre os quioscos que adornaban estes lugares destaca A Terraza dos Xardíns de Méndez Nuñez unha das páxinas máis interesantes da historia da arquitectura moderna na Galiza e que hoxe se atopa en Sada. 
 
Construída entre o 1905 e 1910 baixo proxecto de Antonio López Hernández e Antonio de Mesa, caracterízase pola combinación de ferro e cristal en todas as súas posibilidades ornamentais e ambientais logrando un ambiente diáfano e colorista. Trátase dunha construción de planta rectangular con dúas alturas comunicadas por unha escaleira de dobre rampla que ten sinalado o seu arranque a través dunhas finas columnas de madeira e ferro con amplas zapatas nas que descansa o piso superior. A estrutura de peche é unha vidreira continua na que se suceden amplos vanos rematados por diversas arcadas, unhas ultrasemicirculares rebaixadas, outras de ferradura máis pechadas alternando tramos curtos e longos dándolle ritmo á composición. O conxunto remátase con cimbras forxadas de clara inspiración Art Decó con formas cicloides sobreelevándose e dándolle verticalidade a unha fachada marchada pola liña horizontal.
 
Na actualidade o edifico acusa un deterioro impropio da súa relevancia. O seu estado de conservación tal e como se recolle na resolución do 20 de febreiro de 2018 da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento da Terraza de Sada é precario.
 
Especialmente preocupante é o estado de conservación dos seus elementos compositivos e ornamentais, sendo recomendable unha restauración profunda que actúe sobre aspectos como a cor e deseño dos cales aínda se conservan
datos orixinais.
 
As actuacións máis recentes non se corresponderon cos sistemas e materiais óptimos para os orixinais, e a lixeireza e a funxibilidade destes supoñen un maior risco de deterioración. Moitas actuacións previas xa modificaron os seus acabamentos e mesmo os seus elementos ornamentais. Porén, algún deles debería ser obxecto de completa revisión ou substitución no marco dun proxecto de restauración complexo.
 
Hoxe por hoxe o ben require da elaboración dun proxecto ou plan integral de conservación que teña en conta as posíbeis funcións e modelos de xestión futuras. Hoxe o edificio pertence ao dominio público e os seus usos, por requirimento do Concello de Sada no 1982, deben ir orientados á comunidade e ao sustento e recoñecemento do mesmo pudendo ser complementado seu actual uso hostaleiro con usos usos culturais ou de actividades de lecer compatibles coa conservación do mesmo e coas súas características espaciais e construtivas.
 
Dicía o crítico de arte John Ruskin que os pobos “escreben as súas autobiografías en tres manuscritos, o libro dos feitos, o libro das súas palabras e o libro da sua arte. Ningún deles pode ser interpretado sen a lectura dos outros dous, mais dos tres, o máis fidedigno é o último”. É dicir, as obras erixidas e o xeito na que as conservamos define o tipo de sociedade que as alberga por riba de calquera discurso.
 
Se ollamos para as últimas liñas escritas na recente autobiografía do noso pobo atopamos que ao amparo dos diferentes gobernos se produciron unha ferida detrás da outra, agresións sobre o patrimonio cultural, natural e social, continuadas con vehemencia ou mesmo iniciadas sen moita explicación.
 
Agresións evidentes no estado actual da Terraza ou de outras edificacións para o ocio relevantes do estilo modernista da nosa vila como o Salón Moderno ou exemplos de arquitectura
civil adscritas a este estilo como a vivenda situada no Nº 11 da rúa do Río.
 
 
Noutros casos as agresións son xa irreparábeis pois supuxeron a desaparición das mesmas, perdendo con elas exemplos de construcións dun valor estético e histórico importante en aras dun desenvolvemento urbanístico agresivo co noso patrimonio que só se poden en certa medida compensar preservando, coñecendo e valorando o que aínda queda en pé.
 
Sada ven sufrindo erros urbanísticos e intervencións pouco respectuosas coa unidade que representaba a memoria histórica e que reflectía as distintas etapas da cidade da nosa vila. Uns erros con efectos inmediatos desa desfeita sobre a propia poboación, que ademais de verse privada da historia da vila ten que sufrir as consecuencias xurídicas, económicas e medioambientais por mor da especulación sen control.
 
De non reverter o modelo de progreso arquitectónico actual o único que veremos dentro duns anos serán edificios da política da especulación e a arte destrutiva do noso tempo.
 
Unha arte que xa non podemos imaxinar sequera como un libro se non como simples páxinas rotas que ollaremos no futuro mentres tentamos esquecer porque as arrancabamos tan violentamente.
 
Eduardo Galeano advertía no seu popular ensaio sobre a historia de América Latina que o desenvolvemento é unha viaxe con máis náufragos que navegantes. E aquí estamos, vítimas de tantos naufraxios provocados, dos que a nosa arquitectura serve como exemplo de que aínda non acabamos de entender que é posible progresar sen que iso supoña a destrución do antigo. Está en xogo a nosa propia identidade.
 
Imaxes: salón Moderno (detalle),
vivenda no nº 11 da Rúa do Río
Fotografías de Marisa Naveiro
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará