Xoán Xosé Fernández Abella
Nado no ano cinco
do século pasado,
o día que se di
dos Santos Inocentes,
no lugar de Insuela,
da parroquia chamada
Santiago de Loureiro,
do pontevedrés concello
do seu amor profundo:
Cotobade.
Seu pasamento foi
o cinco de novembro
do ano 99.
Foi de familia humilde
e orgulloso de selo,
como tamén o foi
de ser home da aldea.
Polo amor a Galiza
foi fiel nacionalista.
Foi un cristián auténtico.
Beizón para o gran mestre
don Antonio, en Famelga,
que pediu para Fraguas
que lle desen estudos,
pois tiña condicións
excelentes. Salvouno
da emigración…
Beizón a Mamá Antonia,
que serviu na súa casa.
Foi súa segunda nai
que lle ensinou ó neno
oracións, refráns, ditos,
e cantigas, e lendas,
segundo don Antonio
conta no “Cantigueiro”
-feito con grande amor- “de Cotobade”.
Beizón tamén
para o seu compañeiro de instituto
Sebastián González García-Paz,
co que fundou a
Sociedade da Lingua,
e para o seu profesor e alentador
Antón Losada Diéguez.
Foi tamén don Antonio
profesor excelente,
de indelébel lembranza,
nos seus tres institutos:
de A Estrada, e de Lugo,
e de Santiago: Rosalía de Castro.
No de A Estrada foi
arrincado do ensino oficialmente.
Era a Guerra Incivil.
Vexado e humillado,
endexamais sentiu
odio cara a ninguén.
Así era de grande!
No ano 2005,
un formidábel libro
dedícanlle o Museo
e a Fundación que leva
seu nome inesquecíbel.
Ao libro, tan logrado,
“Antonio Fraguas Fraguas”,
con fonda admiración,
eu me remito.
E no presente ano,
foron para el as Letras
Galegas. Xa era hora!
E unha exposición marabillosa,
e un documental marabilloso
refulxen no Museo.
E moitas e estupendas
exposicións fixéronse
na súa indelébel honra.
Dedico a don Antonio
estes sinxelos versos
por seu amor á Lingua,
por seu amor á Terra,
e gran sabidoría,
pola súa humildade
e pola súa inmensa
bonhomía.
Os Tilos, 25/setembro/2019