UN DIVULGADOR CIENTÍFICO POUCO COÑECIDO CHAMADO OCTAVIO LOIS

Xosé A. Fraga
O coñecemento dalgunhas das nosas figuras do pasado non garda relación directa cos seus méritos persoais e profesionais. Diversas circunstancias, algunhas delas relacionadas co azar, favorecen o protagonismo excesivo duns e o esquecemento ou escasa presenza doutros. Na lista dos máis desfavorecidos deberíamos incluír ao pontevedrés Octavio Lois, quen salientou pola súa identificación coas propostas de progreso do seu tempo e por un pioneiro  interese pola ciencia e a súa difusión. Da súa competencia é boa mostra o feito de que chegou a ocupar, por oposición, un cargo de responsabilidade nunha institución científica, a subdirección do Instituto Meteorolóxico Nacional, nun período no que este formaba parte do Real Observatorio Astronómico.

FORMACIÓN E PRÁCTICA ERUDITA
Octavio Lois Amado viviu poucos anos, naceu en Sanxenxo en 1857 e morreu na capital da provincia en 1888. Estudou no Instituto de Pontevedra, onde obtivo o grao de Bacharel o 17 de xuño de 1872 e, a continuación, cursou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela entre 1872 e 1878, tempos do sexenio revolucionario, I República e primeira Restauración borbónica. No inicio dos anos oitenta trasladouse para Bilbao, pois en 1882 xa residía na capital biscaíña, onde exerceu a avogacía. Alí continuaría practicando a afección pola escrita da que xa dera mostras nos seus anos composteláns. Colaborou nunha interesante publicación, La Ilustración cantábrica, dirixida por Manuel Martínez Murguía, na que publicará amenos textos divulgativos sobre temas variados.
En 1885 acadou un premio no “Concurso literario internacional” da Academia de Mont-Real (Toulouse), a “Palma de oro de Prosa” por un texto que trataba sobre un escritor bilbaíno: “Elogio de Antonio Trueba”. En xaneiro dese ano fundou a Revista de Vizcaya, publicación quincenal que salientaba pola súa calidade e pola participación nas súas páxinas de escritores relevantes, como Miguel de Unamuno e autores de tendencias moi diversas. Sabino Arana publicaría nela as Etimologías Euskérikas. Asemade,  Lois redactou e publicou o Compendio foral de Vizcaya (1886), un texto de  46 páxinas, resultado da súa formación xurídica e interese polas propostas “rexionalistas”.
O inicio do interese pola ciencia.  A polémica con Emilia Pardo Bazán
A pesar de estudar Dereito e exercer no ámbito xurídico, Lois amosou na súa  corta vida un especial e continuado interese polas ciencias. Un camiño que empezou sendo estudante en Santiago, onde polemizou con Emilia Pardo Bazán. A escritora, que nese tempo estaba iniciando a súa carreira literaria, viña de realizar unha viaxe por Europa que a convencera do crecente prestixio da ciencia e de que esta constituía un ingrediente básico da cultura contemporánea. Por iso, animouse a publicar unha serie de artigos de temática física, en base aos escritos do astrónomo xesuíta Angelo Secchi, que apareceron entre 1876 e 1877 na publicación católica de Santiago, Revista Compostelana, baixo o título de “La ciencia amena”.
Lois comentou e criticou os artigos, sobre os que dixo “Notando en ellos, aparte de un estilo elegante y claro, ciertas conclusiones y opiniones no muy conformes, en mi juicio, con las nociones de la ciencia moderna, me tomo el atrevimiento, y obligado estoy desde ahora a ello, de probar con mis escasas fuerzas las inexactitudes a que aludo…” (Lois, 1877: 121). Despois de concretar as súas discrepancias, amosando algunhas limitacións nos coñecementos científicos da Pardo Bazán, rematou indicando que “(…) los asuntos científicos exigen mucha delicadeza al ser tratados…”  (Lois, 1877: 123).
A escritora respondeu cun novo artigo: “Apología sobre El Calórico”. Empezou dicindo que ela pretendía “escribir unas sencillísimas conferencias populares sobre física, y no abrir polémica”. Incómoda pola alusión de Lois a “dos hipótesis que pertenecen a lo que pueden llamarse fantasía de la ciencia”, resposta  á mesma e remata indicando as fontes dos seus artigos,  cinco libros e diversos números da Revue scientifique de la France. Non continuou publicando “La ciencia amena”. Parece que a discusión de Lois con ela seguiría tempo despois na revista coruñesa  El Comercio Gallego, co título de “La finalidad de la civilización”.
RECREACIONES CIENTÍFICAS
En 1881 publicaría Lois a súa principal contribución á divulgación da ciencia, o libro
Portada de Recreaciones Científicas de Octavio Lois

Recreaciones científicas. No limiar, “Al lector”, escrito en Pontevedra en xaneiro de 1881, explicaba como o escribiu: “En los ratos de ocio, en la soledad de mi habitación, bajo los gigantescos pinos, tendido en el desierto campo, aquí y en Santiago, durante mis tareas escolares…”(Lois, 1881: 6).  E proclama un xeito de entender o mundo: “(…) mi afición a lo moderno. Amante del progreso como pocos, creo que lo último es siempre lo mejor” (Lois, 1881: 6-7).

Partidario decidido da autonomía do pensamento científico fronte as limitacións externas, Octavio Lois levanta acta da distancia entre as posicións da Igrexa  e o avance da ciencia:“(…) los sabios del día se hacen materialistas, panteístas o positivistas (…)” (Lois, 1881: 89, 90).  E afirma: “He aquí, en resumen, la gran conclusión de la ciencia moderna: la materia es una, la fuerza es una; por consiguiente dos son los elementos que constituyen el Universo: fuerza y materia” (Lois, 1881: 89).
Abordou no libro, dun xeito accesible, distintos temas da actualidade científica da época. Tamén prestou bastante atención a cuestións epistemolóxicas, de método, e polémicas. A súa posición xeral foi de defensa do positivismo, do estudo directo e sen condicionamentos a priori dos feitos. Asemade, tratou un tema tan polémico naqueles tempos como o do evolucionismo. A súa identificación cos autores evolucionistas fica clara: “Darwin, Haeckel, Herbert Spencer: he aquí los tres nombres que deben de ir grabados en carácteres de luz al frente de la gran ley de la evolución o transformismo”  (Lois, 1881: 79). Sobre esta cuestión insistiría na “Conclusión” do libro: “La gran ley de la evolución, grandioso resultado de los trabajos científicos y filosóficos modernos…” (Lois, 1881: 206).
Lois daría á luz outros escritos sobre temática científica. En 1881 a Academia Gaditana de Ciencias y Artes organizou un “Certámen científico, artístico y literario”. Na sección de Ciencias o  tema a tratar era: “Aplicaciones modernas de la electricidad”. O orixinal de Lois, de título “La palabra imposible, no puede emplearse en el lenguaje de la ciencia” foi premiado. Posteriormente, a mesma institución premiouno por outro traballo, alusivo ao tema “La atmósfera”. Tamén se lle atribúe o artigo “Pontevedra a la luz de la ciencia”, publicado no xornal pontevedrés El Anunciador.

A defensa do positivismo desde as páxinas da Revista de España
Entre os anos 1884 e 1885 publicaría na Revista de España varios artigos baixo o título xeral de “Estudios populares de filosofía positiva”.  A publicación era das máis salientables da época, nela escribían Ortega Munilla, Pérez Lugín, Dicenta, Echegaray, Bacarisse, Escamilla, etc., polo que a pluma de Octavio Lois  acadaba un evidente recoñecemento.
Neses artigos pretendía difundir as ideas positivistas entre un público amplo. Discutiu achegamentos ao coñecemento afastados do feito experimental, defendendo que “La percepción es la base de todo conocimiento” (Lois, 1884: 263) e aludindo á obra de Wilhelm Wundt, impulsor da psicoloxía experimental, e do filósofo positivista Herbert Spencer. Asemade, animaba á resolución de cuestións prácticas e cuestionaba a Metafísica, “que (…) trata de resolver a priori las indescifrables incógnitas que rodean a la Materia” (Lois, 1884: 226). Entendía que o positivismo podía xogar un papel social estimable: “Que los pueblos pueden vivir civilizados, moralizados, libres, tranquilos y poseídos del espíritu de justicia: he aquí lo que constituye el verdadero ideal positivista“(Lois, 1885: 529). Na liña spenceriana non deixa de referirse á evolución: “Constituida la sociedad (…) la ley de la herencia y de la selección natural en su más amplio sentido irán formando a la larga generaciones cada vez más moralizadas y más justas, al propio tiempo que la marcha del progreso seguirá su curso sobre el planeta, preparando la era de civilización y cultura a que aspira la humanidad” (Lois, 1885: 529).
Ao ano seguinte publicaría estes artigos, engadindo algún inédito, nun libro editado en Bilbao co significativo título de: Lo accesible y lo inaccesible. Estudios populares de filosofía positivista (Lois, 1886).
BIBLIOGRAFÍA
LOIS, O. (1877): Observaciones al artículo de la señora Doña Emilia Pardo Bazán sobre el calórico, Revista Compostelana, n. 16: 121-123; (1881): Recreaciones científicas, Pontevedra: Tip. J. A. Antúnez, 207 + 1 f.; (1884-1885): Estudios populares de filosofía positiva, Revista de España, 1884, XCVII: 249-273; XCIX: 77-100; CI: 225-246; 1885, CII: 30-50; CIII: 509-529; (1886): Lo accesible y lo inaccesible. Estudios populares de filosofía positivista, Bilbao: Tip. Busto
BARREIRO BARREIRO, X. L. (1985): O positivismo liberal-conservador de Octavio Lois, Ágora. Papeles de Filosofía, v. 5: 261-267.
BARREIRO BARREIRO, X. L. (2009): O evolucionismo en Pontevedra. Octavio Lois e Indalecio Armesto, O Darwinismo en Galicia, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela: 79-103.
JUARISTI, J. (2012): Miguel de Unamuno, Madrid: Taurus.
LOPEZ OTERO, J. (1899): El periodismo en Pontevedra, Pontevedra: Imp. de Rogelio Quintáns.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará