MIGALLAS DE PAN FRESCO

Todos os días, cando visitaba a casa dos
avós, estaba alí, cos outros compañeiros. Lembro ao avó: esmiuzaba pan reseso, baixo
un raio, tan valente, de sol.

Caían faragullas na rúa en sombra e sen
homes e eles enchíana de diminutas sombras de paxaro. Entre todos, un paxariño
esperaba ao final, e non marchaba lonxe do limiar desa porta.
O meu avó sorría chamándoo polo nome e o
paxaro achegábase, ás a tremelicar, o peteiro chiando cunha cantiga fina, e as
patiñas molladas nas pozas dese chan.
O meu avó sorría coma neno fedello e
amosaba ao paxaro, ben aberta, a outra man. Migallas do pan fresco que viña de
almorzar agardaban ao fiel e curioso animal.
Eu asistía ao rito en silencio de misa e
cando remataba marchaba pra Fontán co corazón chiando cal paxariño ousado que
recibe por túzaro o pan fresco da man.
Alá foi, gorrionciño, non recordo o seu
nome. E onde está o meu avó que mo poida lembrar?

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará