MEMORIA DE LUIS SEOANE

Xulio Cuba Orosa
Fago a miña evocación e memoria de Luís
Seoane, home e artista íntegro que dedicou a súa vida e obra a facer memoria e
evocación do seu pobo, sufrido e emigrante. Témolo levado sempre connosco.

NENO COS OLLOS REGALADOS NA TORRE
Evoco o neno Luís Seoane encantado na
contorna da Torre de Hércules, curtido polas brisas desa fortaleza, iluminado
polas luces que se perden alén mar e iluminan a cidade que se ergue á súa
sombra. Naquel outeiro o neno asombrado regala os ollos ante os gravados das
penas de nomes fermosos, o Monte dos Bicos e a Pena do Altar, un panel de
cruces e xeometrías varias descuberto en 1895 por un dos irmáns De la Iglesia, Francisco
María. Se cadra, estas pedras escritas falan do carácter de santuario que tivo
o lugar antes xa da construción do faro, e, con seguranza, chamaron a atención
do neno que sempre quixo gravar nas pedras, como un máis daqueles homes
primitivos. O paseante hoxe pode apreciar entre eses riscos outras coviñas, as
marcas de disparos que deixaron 
sinistras prácticas militares de tiro.
O neno da Torre foi logo mozo en
Com­postela, estudante revolucionario e galeguista, o apaixonado ilustrador dos
primeiros libros de poemas de Cunqueiro. Seoane tivo na Im­prenta Nós a súa
mellor escola. Aquela edito­rial publicou a práctica totalidade da literatura
galega daquel tempo das Irmandades da Fala, un tempo de entusiasmo.
O TERROR E O DESTERRO
Tras o levantamento fascista de 1936 aquel
prelo, lugar de memoria imprescindible, foi espoliado. O seu director, Ánxel
Casal, alcalde de Compostela, asasinado, tirado o seu cadáver nunha gabia nas
aforas da cidade; e súa muller, María Miramontes, obrigada a coller o camiño do
exilio, do que nunca volveu.
Ao mesmo tempo que colgan a Cristo nas
paredes das escolas, aparecen polos montes, as estradas e as praias os
cadáveres dos mes­tres (Maruxa Mallo).
Seoane estaba instalado na Coruña,
empre­gado nun bufete de avogados laboralistas que mantiña con Ramón Suárez
Picallo, entre ou­tros. Un día, nos Cantóns, á saída do choio, unhas voces
amigas espetáronlle:

—Pero que fas, Luís, que non te escondes?
Escapa, que te afusilan!

Seino por boa fonte, Elisa Novo Neyra. Seu
irmán Uxío cantará ao pintor na “Elexía per­dida polas rúas de Lugo”:

LUÍS dos homes i as mulleres co perfil
[marcado […]
Igoal que o mar logo recobra o ámeto
[nos malecós i a fábrica do rompente
así o nome da patria se fai co dos mortos
[máis seus.

Galicia ficou baixo o terror, muda e
es­cura. As vítimas, do máis amplo espectro dos demócratas, eran o máis
escollido do noso pobo. Galicia ficou fóra de Galicia. O exilio galego comezou
desde o primeiro momento do golpe de estado militar fascista. Luís Seoane
aplicouse a denunciar o que fixeron en Galicia, desde o primeiro álbum de
debuxos, Trece estampas de la traición, compañeiro das estampas de guerra de
Castelao e Arturo Souto.
Max Aub (1903-1972), que padeceu o exilio
como sala de

estar máis ca sala de espera, des­cribiu así aos desterrados nunha
das súas no­velas sobre a guerra civil española en Campo de los almendros
(1968):

Estos que ves ahora deshechos, maltrechos,
furiosos, aplanados, sin afeitar, sin lavar, cochinos, sucios, cansados,
mordiéndose, hechos un asco, destrozados, son, sin embargo, no lo olvides nunca
pase lo que pase, son lo mejor de España, los únicos que, de verdad, se han alzado,
sin nada, con sus manos, contra el fascismo, contra los militares, contra los
poderosos, por la sola justicia; cada uno a su modo, a su manera, como han
podido, sin que les importara su comodidad, su familia, su dinero. Estos que
ves, españoles rotos, derrotados, hacinados, heridos, soñolientos, medio
muertos, esperanzados todavía en escapar, son, no lo olvides, lo mejor del
mundo. No es hermoso. Pero es lo mejor del mundo. No lo olvides nunca, hijo, no
lo olvides.
“Tormenta y pájaros”, xilografía do álbum


de Luis Seoane
Nueve xilógrafos argentinos (1965)
Cedida por L. Pita e M. Pérez
Luís Seoane, en palabras de Francisco
Ayala, tamén exiliado en Bos Aires, é o máis exiliado de todos os galegos. E
nas propias palabras de Seoane, “son e serei para sempre un desarraigado
permanente. Sereino aínda que decida volver ao meu país. É o destino do
exiliado”.
UNHA VIDA ENTREGADA Á RESISTENCIA E AO LIBRO GALEGO
Hai moitos Seoanes, figura múltiple. Como
artista: ilustrador, pintor, gravador, cartelista, muralista, ceramista,
deseñador gráfico. Como escritor: periodista en prensa e radio, poeta,
narrador, dramaturgo, ensaísta, crítico de arte. Sen esquecer o editor,
dinamizador cultural e industrial e mais activista político. E todos
de­sembocan na súa entrega ao libro.
Continuou a facer Galicia; a facer do
gale­guismo unha forma de humanismo, seguindo un plan de recuperación da memoria,
en equipo cos outros desterrados, a través do libro ga­lego, que tiña a lingua
proscrita, a literatura prohibida e a historia negada.
A fundar xornais, editoriais, emisoras.
Unha embaixada ética de moral. Xuntos eramos invencibles. Exemplo ante a Historia:
tres combatentes pola liberdade de Galicia e nin­gún nacido nela: Seoane, na
Arxentina; Lorenzo Varela, en Cuba; e eu en Valencia (Arturo Cuadrado).
A súa soa entrega ao libro abondaría para
facermos de Seoane figura sobranceira da Galicia do século XX. Non se fartou de
crear editoriais, de nomes suxestivos: Dorna, Hórreo, Citania, Botella al Mar,
Ediciós do Castro, Cuco Rei…
Publicou libros clásicos e novos, libros de
alén mar que chegaban ao seu destino como mensaxes metidas nunha botella,
embarcados, agachados nas maletas dos emigrantes e nas trastendas das
librerías. Movíaos un enorme amor e afán de comunicación co seu pobo, que se
fixo e seguía a facerse fóra, emigrando.
Seoane foi un divulgador que quería meter a
historia de Galicia nos bazares e nas casas. As súas exposicións do libro
galego son modelo de exposición didáctica, rica e austera, en branco e negro;
modelo de deseño, de resumo da historia da nosa cultura e literatura.
Descubrimos a historia de Galicia e da súa literatura cos seus deseños e
carteis. O deseñador e o editor, tanto ou máis que o propio autor, son quen fan
o libro.
E finou facendo libros, o Lonxe, do seu
amigo Lorenzo Varela, morto en 1978, ao que seguiu o falecemento do propio
artista, o de Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Blanco Amor, en 1979, annus
horribilis da nosa cultura, e dous anos despois o de Rafael Dieste. Os
exiliados non tiveron o merecido recoñecemento nin puideron desfrutar da
liberdade que tanto loitaran por recuperar.

DESCUBRIMOS OS LIBROS GALEGOS A TRAVÉS DOS
LIBROS DE SEOANE
Fomos descubrindo o mundo coas
”Figura­ciós” de Luís Seoane, columna periodística, breve e ampla, con retrato
de personaxes que combina texto e ilustración. Eramos un mozo nos comezos dos
anos 70 asombrado ante aqueles retratos de trazos soltos dun personaxe co seu
bosquexo, debuxo e escrito ensamblados como cousa de Castelao.
Descubrimos os cursos de AGUEA (Asociación
Galega de Universitarios, Escritores e Artistas). Impartían clases Eduardo
Blanco Amor (Lingua Galega), Rafael Dieste (Literatura Galega), Alberto
Vilanova (Historia de Galicia), Ramón de Valenzuela (Xeografía Galega) e
Antonio Baltar (Economía de Galicia). Os profesores poñían amor nas palabras
que pronunciaban.
Galicia hoy, publicado en Ruedo Ibérico e
asi­nado por Seoane e Isaac Díaz Pardo con pseudónimos, contribuíu á nosa
descuberta da historia que nos escondían e afirmou a nosa militancia
antifranquista. Encantounos na forma e no contido.
Axuntou pensamento e acción, tradición e
modernidade, no Laboratorio de Formas de Galicia e o complexo industrial e
artístico de Sargadelos. Enriquecer o mundo coa nosa di­ferenza. Díaz Pardo
comentaba con retranca:
–Naquel laboratorio Luís Seoane poñía as
ideas, eu facía os cacharriños.
GALICIA DEDICOU A LUÍS SEOANE
O DÍA DAS LETRAS GALEGAS EN 1994
En agosto de 1993 visitamos a Maruxa Seoane
(A Coruña, 1912-2003), militante do Partido Galeguista, a compañeira
inseparable do artista. Entramos na súa casa do Paseo de Ronda, na Torre
Coruña, un rañaceos co mar do Orzán por diante. Maruxa seguía a gardar nos seus
ollos todo o mar de Galicia, como figura na dedicatoria de Na brétema,
Sant-Iago (1956).
Ao entrarmos, Maruxa ensinoume na pa­rede
do vestíbulo unha táboa pintada por Seo­ane, unhas chalanas na area resoltas en
mati­ces de azuis. Ante o meu asombro, despregou unha madeira articulada en
forma de pé da mesa de levante. Que maneira de integrar arte culta e cultura
popular! Atendeu todas as nosas preguntas. Nunhas bolsas de plástico de
supermercado entrou de novo na sala con todas aquelas follas mecanografadas e
perfectamente ordenadas, os textos de Galicia emigrante, revista que facían
entre os dous. Abriu para nós os armarios, ben integrados na estancia, que
custodiaban unha morea de cadros do pintor. Ao saírmos, deixamos toda a luz e o
azul do mar.
Cando marchabamos, agasallounos aínda co
libro Imágenes de Galicia, do que comentou con tristura unha das últimas
estampas, a titulada “Anuncio”, unha danza da morte co propio Seoane:
–Esta é a que menos me gusta– exclamou…
O Día das Letras Galegas foi unha maneira
de comezar a lembrar aos exiliados de forma oficial, a Eduardo Blanco Amor
(1993), Luís Seoane (1994) e Rafael Dieste (1995), e Lorenzo Varela (2005) algo
máis lonxe.
O CENTENARIO DE LUÍS SEOANE
NA CORUÑA
No cemiterio de Santo Amaro, cando remataba
o ano, o 18 de decembro de 2010, Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real
Academia Galega, proclamou:
O cemiterio de Santo Amaro é o maior espazo
de memoria literaria, científica, cultural, política e histórica de Galicia.
Luís Seoane, nacido en Bos Aires, escolleu ser galego e elixiu A Coruña como a
cidade á que pertencer. Sempre traballou cos valores do humanismo e fíxoo a
fondo na construción nacional.
A súa campa está chantada a carón do pintor
Lloréns, diante do vello Uxío Carré Aldao e a súa saga, os irmáns Carré
Alvarellos, preto de Juana de Vega, Ánxel Casal, Álvaro Cebreiro, Luís Huici e
máis de medio cento de persoeiros da cultura e a política galega, entre elas as
principais figuras do Rexurdimento, Manuel Murguía e a familia de Rosalía de
Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, e do nacionalismo do século XX.
DÍA DAS ARTES GALEGAS 2019
Celebración instituída en 2015 pola Real
Academia Galega de Belas Artes, foi dedicada á figura do Mestre Mateo,
Castelao (2016), Ma­ruxa Mallo (2017) e Alejandro de la Sota (2018). Este é o
ano de Luís Seoane. É mo­mento de pedirmos perdón por tanto silencio e tanta
desmemoria, de restituír a democracia con máis democracia. Para salvarnos, cos
mártires e os exiliados como o noso escudo.
ESCOLMA MÍNIMA DE LUIS SEOANE
1
Nunhas rochas á beira do mar, na cidade da
Coruña, están gravados uns signos prehistóricos que representan con seguranza o
home de entón. Moitas veces vinos de neno. Quizais os antigos navegantes que
saíron daquela costa da baía dos ártabros para colonizar Irlanda, na época do
rei Breogán da mitoloxía galega, deixaron así gravada na rocha a súa soidade e
a súa confianza. Se cadra non foron eles. Mais gustábame entón cavilar, e aínda
me gusta facelo, que aquela era unha mensaxe de emigrantes. Dos primeiros
emigrantes daquel país. Unha mensaxe gravada da súa soidade. Agora, descendente
daqueles, fillo doutros emigrantes do mesmo país, máis de dous mil anos
despois, gravo na madeira, como outras vegadas o fixen con outros materiais, o
meu recordo. Seguramente algún día grave tamén nunha rocha. Para o tempo, o
azar, sen firma, esquecido de min.
LUÍS SEOANE, limiar do álbum de gravados
Doce cabezas, Galería Bonino, Bos Aires, 1958, e que reaparece no limiar
de  Imágenes de Galicia. 72 xilo grafías
originales, Albino y asociados, editores, Bos Aires, 1978.
2
Pecho os ollos e vexo
Habitan na Coruña e non saben que os vellos
da súa infancia dicían ás crianzas que dende a península da Torre, na mesma
cidade podíase ver nos días claros a costa de Irlanda. Quizais nunca o
souberon. Eu sei iso. Lémbroo. Tamén sei que pechando os ollos vexo cando quero
unha aldea, Arca, e á mesma aldea, rodeada 
de montañas de minas, de bosques e labradíos, e ao pé deles un río
transparente de troitas que se ven correr amedrentadas polas sombras. Un río
transparente  sobre o que nadan os
cabaliños do demo e no bulleiro das súas beiras escóndense as anguías. Recordo
os poboadores e os seus traballos. Era unha aldea de músicos e gaiteiros. Había
dúas bandas de música. Algún campesiño emigraba e outros facíanse navegantes.
Exercíanse os oficios elementais. Nos bosques abundaba o xabaril e nas beiras
do río a marta e por todas as partes a donicela e o esquío. No ar ou pousados
nas árbores, unha multitude de paxaros.
Pecho os ollos e vexo Arca. A ver Arca cos
ollos pechados condúceme a saudade. Como podo ver Irlanda se pecho os ollos,
para isto bástanme a historia e o son do mar. Podo evocar todo aquilo que vivín
ou vin e o que coñezo a través doutros.
É curioso o que ven por non quereren ver
algunhas persoas. Eu pecho os ollos e vexo o que quero. Algunha vez crin
percibir incluso o olor daquel mar ou o daquela aldea. Tamén algunha vez quixen
ver a costa irlandesa da que falaban os vellos coruñeses e non busquei o
horizonte despexado dun bo día claro abrindo máis os ollos que calquera outro
día, senón que me bastou pechar os ollos para vela e, non obstante, era unha
tarde de mesta néboa.
Estes personaxes que hoxe evoquei, pechando
os ollos, acabo de debuxalos.
LUÍS SEOANE, Manuscritos, Albino y
aso­ciados, editores, Bos Aires, 1978 [trad.].
3
As sociedades
[…] Trátase de trocar Galicia, e si se pode
aínda algunha outra parte do mundo,
pra facela xusta e xenerosa como todos a
soñamos.
Non se trata de poñerlle remendos á vella e
desencaixada Galicia,
senón de erguer unha Galicia feita a imaxe
do soño de todos,
e tamén daqueles tantos milleiros de
emigrantes que foron soterrados para sempre
nos Panteóns Sociais dos camposantos de
moitas cidades americanas.
LUÍS SEOANE, Fardel de esiliado (1952)
4
O pasado
Alguén, sen arrepiarse,
coidadoso de honrar aos mortos,
non sabemos quen,
con seguranza aínda non nacido,
fará memoria.
Herdará no seu sangue o recordo
e ofrecerá
nos petos das ánimas
un novo amor á liberdade.
Nós acordaremos sempre,
aínda dende a fosa,
no caveiro,
en Santa Compaña polos camiños,
despois de moitas vegadas mortos.

LUÍS SEOANE, “O pasado”, As cicatrices
(1959)
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *