MARCELINO LISTE O COMPROMISO CO MOVEMENTO VECIÑAL CORUÑÉS

Marcelino Liste retratado


por Xurxo Lobato
La Voz de Galicia, 21/02/1990

Victorino Pérez Prieto

Temos unha Igrexa… que atende aos pobres desde os ricos, pero nin cre neles, nin deixa que os pobres se promocionen… Dentro deste cadro sombrizo temos que afirmar a existencia dunha minoría cristiá, curas e leigos, cunha nova conciencia de servicio á sociedade, aos máis pobres, e con mentalidade progresiva, democrática.

Francisco Carballo,
(“A Igrexa”, Decenario
A Nosa Terra, 1988)
No último numero de Areal (nº 17, 2018) fixen
unha lista longa pero incompleta de curas galegos que son a expresión de que
desde hai décadas houbo e hai na Galiza moito cura (“curador”) bo e xeneroso,
verdadeiramente comprometido co pobo desde o espírito de Xesús de Nazaret e o
Evanxeo, en diversos ámbitos: relixioso, cultural, social e político. Bastantes
xa finaron, aínda que seguen ben vivos entre nós:

Rodríguez Pampín, Cuco Ruíz
de Cortázar, Paco de Aguiño, Antón Gandoi, Nicanor Rielo Carballo, Romero Pose,
Bernardo García Cendán, Xose Chao, Xosé Alvilares, Waldo García Romero, P.
Isorna, Xaquín Gómez Barros, Xosé M. Carballo, Evaristo Lorenzo… Outros
moitos seguen fisicamente connosco; tanto no compromiso cultural e intelectual
(Torres Queiruga, Xulio Andión, ou Martinho Montero), como no compromiso
sociocultural, político e relixioso, unha lista moito meirande: Ramón Raña,
Antón Aneiros, Pepe Couce, Xesús Mato, Antón Vilasó, Carlos Vázquez, Afonso
Blanco Torrado, Xosé A. Miguélez, Manolo Regal, Xosé A. Iglesias, Gumersindo
Campaña, Xesús Portas, Benito Santos, Xaquín Campo, Anxo Currás, Miguel Fdez.
Grande, Evencio Dominguez, Suso de Rao, e un longo etc. De todos eles teño
falado no meu libro Galegos e cristiáns (1995). Nas páxinas de Areal e na dos
Cadernos da Asociación Suárez Picallo falei algo máis de algúns deles:
Francisco Carballo, Moncho Valcarce, Manuel Espiña e os irmáns Peleteiro
(Manolo, Bieito e Xosé Carlos).

Outro destes curas, do que tamén teño falado
brevemente hai anos no libro citado, foi Marcelino Liste (1925-2013). Non
cheguei a trato de preto, pero si coñecín o que significou sobre todo para a
cidade de A Coruña. Foi un cura que, como Manuel Espiña, tivo unha evolución
desde o solemne cóengo da Colexiata e educador nun colexio da cidade, a un
compromiso radical coas Asociacións de Veciños de A Coruña. A de Marcelino foi
unha vertixinosa evolución desde a dereita eclesiástica até posturas claramente
de esquerda eclesial e sociopolítica. Na Igrexa, como un dos protagonistas do
movemento dos Coloquios -do que foi algúns anos secretario-, as Comunidades
Cristiás de Base, a Igrexa popular, Cristiáns polo socialismo (CPS), etc. E no
social e o politico no seu compromiso coa esquerda radical militante e
galeguista (Movemento Comunista de Galiza, Bandeira Roxa,…). Nomes que en
tempos eran un insulto para a “xente ben”, sobre todo para a “xente de Igrexa”
–“¡É un cura comunista!”- e que aínda hoxe lle dan arrepío aos timoratos e a
nova ultra dereita cuspe nos mitins e no mesmo Congreso como un 
insulto abafante.
OS COLOQUIOS EUROPEOS E OS CRISTIÁNS POLO SOCIALISMO
“O dos Coloquios foi un tempo no que houbo
unha forza na Igrexa galega como non volveu haber en Galicia –ten dito Torres
Queiruga-. Metemos moita ilusión, creamos moita teoloxía, enlazando moi ben coa
nacente Teoloxía da Liberación” (Galegos e cristiáns). Os “Coloquios Europeos
de Parroquias”, ou “Coloquios Galegos de Cristiáns”, foi unha magnífica
experiencia que se viviu na Igrexa en Galiza, no estado español e en toda
Europa entre os anos 60 e 80. O II Coloquio Europeo de Parroquias foi no 1963
na cidade de Viena, coa participación do galego Xosé Chao. En 1966 ten lugar en
Vigo o I Coloquio Galego. Pepe Chao e Antón Vilasó tiveron un particular
protagonismo neles. Dos Coloquios naceron realidades que aínda existen hoxe
-sobrevivindo como poden…- como a Asociación Irimia e as Romaxes de Crentes
Galegos, e revistas como Encrucillada e a mesma Irimia (que chegou recentemente
ao seu nº 1000). Os participante nos Coloquios eran alcumados “os europeos”.
Nun documento da UPG (Manifesto da UPG aos cregos de Galicia,  1974), dicíase destes “europeos”:
É un movemento que aglutinou a unha nova
xeneración de cregos, sobre todo, e a algúns seglares dispostos a reconsiderar
a súa postura diante o pobo do que forman parte… adoutando unha serie de
posturas positivas: inicio do emprego da lingua do pobo oprimido na liturxia e
en documentos, defensa dos labregos, supresión da ‘mercadoría’ coa relixión,
xorden algúns cregos obreiros e traballadores…
Os Coloquios xuntáronse até finais dos anos
80. En xaneiro 1977 celebrouse o máis polémico deles, o XIV, nunha situación de
semiclandestinidade, por ser previamente prohibida a convocatoria e contar con
gran aparato policial. O tema era comprometido: “O cristián ante a coiuntura
actual de Galiza”; e houbo unha mesa redonda coa participación da meirande
parte dos partidos políticos da oposición: PSG, PCG, PGSD, MCG e UPG. Aprobouse
unha ponencia na que se dicía: “A coherencia entre a fe e a práctica política
pasa por un compromiso activo nos intereses das clases traballadoras, que hoxe
se concreta para nós naquelas opcións políticas que loitan polo socialismo…
Como cristiáns temos que levar adiante a loita polos intereses nacionais de
Galiza” (XIV Coloquio, conclusións 2ª e 4ª).
“Cristiáns polo Socialismo” (CPS) foi un
movemento que naceu nos anos 1972-73, como necesidade de crear espazos para a
reinterpretación da fe desde unha militancia marxista e cristiá, e por entender
que a loita política pasa tamén polo interior da Igrexa. “Sobre todo a loita de
desbloqueo ideolóxico”, tenme dito outro cura, Xosé Antón Iglesias. Xosé Antón
(“Fuguillas”) foi do Comité Central e o Comité Executivo da UPG (O primeiro
Comité Central tras da morte de Moncho Reboiras [1975], foi nun colexio de
relixiosas, baixo a cobertura dunha reunión de catequese, pois Xosé Antón era o
Delegado de Catequese da diocese de Santiago; outros comités centrais da UPG
foron no mesmo Seminario Maior de Santiago e noutros locais da Igrexa). No CPS
había leigos e curas, que sentían como o seu compromiso político ía xerando
unha chea de contradicións e unha desvinculación eclesial que non querían, a
pesar de que vían á súa Igrexa casada co poder franquista que repudian, e coma
soporte lexitimador do sistema. CPS xurde no seo dos Coloquios de Parroquias
coma verdadeira reflexión da Igrexa máis viva. Esa Igrexa viva estaba tamén nos
movementos especializados de Acción Católica, que por iso foron descabezados
pola xerarquía.
MARCELINO LISTE, O HOME CO QUE SE IDENTIFICABA O MOVEMENTO VECIÑAL CORUÑÉS
Marcelino Liste foi coñecido, e así quedou
xa para a historia coruñesa, sobre todo polo seu compromiso co movemento
veciñal, especialmente nas décadas 70 e 80 do pasado século. Nos anos 70, as
asociacións de veciños convertéranse en propagandistas de novas formas
reivindicativas dos concellos democráticos. Planteaban unha contestación global
ás corporacións franquistas e representaban unha posibilidade real de
transformación dos barrios. Ademais de ser o secretario da Federación de
Asociacións de Veciños de A Coruña, Marcelino Liste era o home co que se
identificaba o movemento veciñal coruñés. No seu compromiso por un urbanismo ao
servizo do pobo, Marcelino “até andaba medindo as aceiras para denunciar ao
Concello se non cumpría o servicio estipulado”, tenme comentado Anuncio Moroño,
un dos seus amigos. Liste foi moito máis que un símbolo eficaz de
reivindicación, porque fixo accesible a participación da veciñanza en entidades
de base co seu traballo infatigábel e a súa capacidade de convencemento.
A súa relación co movemento cidadán
iniciouse a través da Comunidade Cristiá de Labañou; da que posteriormente
xurdiu a Asociación de Veciños do barrio, e logo outras semellantes en barrios
de A Coruña. Ao crearse en 1982 a Federación de Asociacións de Veciños do
concello coruñés, Marcelino Liste foi elixido o seu primeiro presidente,
ocupando o cargo até 1990. Por iso, foi un dos protagonistas do longo mandato
municipal de Francisco Vázquez; a súa oposición a algúns dos principais
proxectos deste alcalde, fixo que a Marcelino e aos que o apoiaban se lles
bautizara co alcume de “los del no”. Liste, entre outras sancións, foi multado
polo gobernador civil por encabezar unha mobilización ante o hospital coruñés
para reclamar unha pasarela sobre a avenida de A Pasaxe, sanción que finalmente
lle foi retirada e hoxe podemos desfrutar dela.
“Abriu brecha para continuar espallando as
asociacións de veciños por todos os barrios –escribiu Ricardo Vales- ata o
punto de que aínda hoxe se venera a súa figura”. O recoñecemento da súa figura
quedou finalmente de manifesto no “Premio Marcelino Liste, Xustiza e
Liberdade”, organizado no ano 2017 polo Foro Cívico coruñés (animado sobre todo
por Manolo Monge e Ricardo Vales), co patrocinio institucional da actual
Vicepresidenta da Deputación (Goretti Sanmartín) e do Concelleiro de Cultura de
A Coruña (Xosé Manuel Sande). O Premio quere rescatar publicamente a
traxectoria de alguén que acadou unha altísima popularidade nunha etapa difícil
do últimos dias do franquismo e na que se intentaba superar os atrancos da
transición a democracia.

¡Benia aos afoutados que abren teimudos
novos camiños!

Entrega do Premio Marcelino Liste que outorga o Foro Cívico da Coruña, na edición 2018, á AA.VV. Atochas-Monte Alto. A A. C. Irmáns Suárez Picallo asistiu ao acto como entidade nomeada

Fotografía de M. Pérez

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *