LUIS SEOANE E ISAAC DÍAZ PARDO: UNHA SIMBIOSE ÚNICA NO PANORAMA DA CULTURA GALEGA DO SÉCULO XX

Seoane e Isaac no Castro de Samoedo, nunha fotografía de Eduardo Blanco Amor de 1969. Cedida polo autor
Xosé Díaz Arias de Castro
Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo se reencontraron en Bos Aires a finais do ano 1955, cando o primeiro viaxou por primeira vez á República Arxentina para inaugurar unha mostra das súas pinturas e cerámicas no Centro Galego da capital.


Tíñanse coñecido no obradoiro de escenografía de Camilo Díaz Baliño en Compostela, aló polos primeiros anos trinta, cando o neno Isaac tiña pouco máis de dez anos de idade, pero foi na Arxentina cando apareceu un poderoso vínculo entre ambos os dous, que uniron as súas arelas e principiaron as súas actividades conxuntamente, primeiro co gallo da posta en marcha da industria cerámica de Magdalena, nunha pequena cidade homónima distante uns cen quilómetros de Bos Aires, onde Isaac puxo en marcha unha experiencia semellante á de Cerámicas do Castro —que desde 1949 funcionaba no concello de Sada— e na que Seoane colaborou xunto con outros destacados membros do exilio galego. Máis adiante, coa creación do Laboratorio de Formas de Galicia, foi onde esa colaboración se fixo sólida e transcendente, pois dela ían saír importantes proxectos materializados en Galicia a partir dos anos sesenta.


Seoane e Isaac reencontráronse en Bos Aires en 1955.
Na fotografía, tomada a finais dese ano, están acompañados polo pintor Laxeiro

Cedida polo autor
Isaac sempre traballou, dende a súa chegada a Bos Aires nos anos cincuenta, para que os exiliados galegos volvesen a Galicia, orfa da súa materia gris e da súa memoria cultural, eliminada ou expulsada do país co golpe de estado de 1936. Nada máis aterrar na Arxentina, Isaac se esforza en ir convencendo —e axudando— aos exiliados para que foran pensando no seu retorno, pois a Galicia desmemoriada e abatida necesitábaos para ir restablecendo e normalizando o que a ditadura tiña esnaquizado. 


Eran Seoane e Isaac dúas almas xemelgas onde coincidían compromiso, creatividade, un enérxico carácter e unha forza de vontade a toda proba. Sen dúbida estaba predestinada a unión destes dous talentos cara un obxectivo común: traballar para recuperar en Galicia o tempo perdido, restaurando as condicións que a ditadura esfarelara. Eran, pois, como adoitamos dicir hoxe, uns ‘modernos’ que imaxinaban estruturas sociais, culturais e mesmo industriais en sintonía co tempo que lles tocou vivir, que en Galicia, non só brillaban pola súa ausencia, senón que foran destruídas, o que provocaba un profundo desacougo, que en Isaac e Seoane non se convertía en desolación ou desesperación, senón que actuaba como incitación ao traballo de recuperación.
E foi a creación do Laboratorio de Formas a que uniu solidamente o destino destes dous creadores en varias frontes; primeiro coa posta en marcha dunha editorial para estudar e divulgar o destruído pola guerra e a ditadura, e albiscar camiños de futuro. Nacía así Ediciós do Castro, que ía traballar nos campos da arte, a historia, a ciencia, o pensamento, ou a creación literaria, converténdose en plataforma de moitos sectores sociais, científicos e culturais que non tiñan onde expresarse. Foi coa creación desta editorial onde materializaron unha das súas máis fortes preocupacións: a de encetar o camiño á recuperación da memoria histórica, unha tarefa pioneira en Galicia que se foi abrindo camiño e medrando cos anos, até converterse nun centro de referencia para coñecer e estudar a realidade dos tráxicos acontecementos da guerra civil e as súas consecuencias.
Paralelamente, e a instancias de Seoane, os dous crean un museo para recuperar a arte galega da vangarda, a partir de Castelao, que a ditadura aniquilara. Nacía así o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, que se inaugura no Castro de Samoedo, en 1970, a mesma data na que se estrea a planta circular da recén rehabilitada factoría cerámica de Sargadelos, nacida na época da Ilustración do século XVIII. Con Sargadelos, Seoane e Isaac artellaron unha industria de forte carácter identitario, que exemplarizara a recuperación dunha Galicia postrada que quería saír adiante cunha inequívoca vontade de modernidade. Nace así a 5ª etapa de Sargadelos, coas súas instalacións fabrís e investigadoras, e a súa decidida constancia reivindicadora de toda canta causa xusta aparecía en Galicia, promovendo e conseguindo, despois de moitos esforzos, a declaración como conxunto histórico-artístico das ruínas da vella cerámica e siderurxia.
Pero non pararon aí os froitos da simbiose Seoane-Díaz Pardo, de dotar a Galicia de institucións que abriran novos traxectos interdisciplinarios. É o caso da recuperación do Seminario de Estudos Galegos, que reorganiza as súas áreas de traballo e comeza un destacado labor divulgativo; a recuperación do Laboratorio Xeolóxico de Laxe; a creación do Instituto Galego de Información; ou a posta en marcha do Seminario de Sargadelos, entidades que pasan a ser, estas dúas últimas, as institucións que dirixen o labor cultural e investigador do Grupo Sargadelos. Luis Seoane morre, prematuramente, en 1979, e Isaac en solitario ten que sacar adiante o conxunto destas entidades, sempre coa reivindicación e o alento que Seoane puxera nelas.
Non cabe dúbida algunha que o traballo de Seoane e Isaac foi unha das respostas máis creativas e novidosas que apareceron en Galicia fronte á miseria imposta pola longa noite. Interesa moito incidir nas ideas que elaborou e proxectou o Laboratorio, pois tal e como se están presentando os problemas do mundo actual —coa globalización de fondo, a sobresaturación dos mercados, a irresponsabilidade dos poderes económicos, as enormes desigualdades ou a preocupante situación dun medio natural que está a piques de deixar de selo—, as ideas do Laboratorio emerxían cunha actualidade fóra de toda dúbida, mesmo hoxe de vigorosa actualidade.
O binomio Seoane-Díaz Pardo foi sen dúbida algunha un acontecemento excepcional. Están entre os fillos desta terra que máis curiosidade espertarán nos próximos anos; por ideas renovadoras, por creatividade e talento, por tesón e vontade modernizadora. E por compromiso con Galicia, destinataria absoluta de todo o esforzo. É posible que esa tarefa, a día de hoxe, sexa algo cedo para ser analizada coa distancia axeitada que permita tirar conclusións non condicionadas polo apaixonamento e a proximidade dos que, dalgunha maneira, colaboramos nela e a valoramos dun xeito subxectivo. Mais si é importante ir fixando os datos do binomio Isaac-Seoane e do seu singular e adiantado Laboratorio de Formas, e ir divulgando o seu devalar ao longo destes últimos cincuenta e tantos anos, para que outros estudosos no futuro podan abordalo dende outras miradas máis obxectivas e afastadas. E para que esas futuras xeracións comproben que nas épocas escuras houbo persoas que se arrepuxeron ao sometemento e loitaron pola liberdade e a superación do atraso e a memoria histórica de Galicia.

Seoane colaborou con Isaac na fábrica de Magdalena. A imaxe, de 1962, está  tomada nas oficinas da factoría cerámica durante unha visita de amigos.
Cedida polo autor
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará