Luis Giadás
Manuel Lugrís Freire na súa etapa de emigrante en Cuba Fotografía cedida por Manuel Lugrís Rodríguez |
Devoto admirador do Bardo de Bergantiños na Cova Céltica, o poeta e dramaturgo sadense Manuel Lugrís Freire será coma un fillo para Eduardo Pondal – abandonado polos seus familiares, octoxenario e case invidente – no derradeiro retiro coruñés deste: visitarao nas sucesivas pensións, velará o seu cadáver, ofreceralle un emotivo discurso fúnebre no cemiterio de San Amaro. Máis aínda: Lugrís cederá os dereitos da estrea da súa peza teatral “Estadeíña” para sufragar o busto ó vate pontecesán que promovía o Real Circo de Artesáns e que cincelaría Fernando Cortés Bugía, redactor gráfico de La Voz de Galicia e o primeiro –e efémero– concelleiro socialista da capital herculina. Non nos estrañemos, pois, que cando Lugrís sexa designado presidente da Real Academia Galega, dezasete anos despois do pasamento de Pondal, A Nosa Terra o saude como “o galego que axudou a Pondal”.
Consecuencia lóxica deste afecto é a pegada lírica que deixa Eduardo en Manuel. Comprobámolo no poema “¡A loitar!”, obra do sadense, aparecida na Revista Gallega e datada o 27 de abril de 1898. Comparte páxina con outros contertulios da Cova Céltica: Francisco Tettamancy Gastón e Eugenio Carré Aldao resucitan a “Oda al Dos de Mayo”, de Bernardo López García; Galo Salinas Rodríguez compara o Dous de Maio contra os franceses e o Dous de Maio do bombardeo do Callao por Méndez Núñez coa previsible –para el e, ilusoriamente, para a meirande parte dos españois– vitoria sobre os “sectarios del becerro de oro”; e, así mesmo, apelando, a ritmo de “Marsellesa”, á axuda francesa contra o “pesado aligátor do Misisipi” está… Eduardo Pondal.
Mais… Quen é agora o inimigo? Estados Unidos de América, o cal provocara a guerra co turbio afundimento do acoirazado “Maine” dous meses antes. Arrastrado polo fervor patriótico do momento, Lugrís bota unha chamada ó combate (“¡Gallegos, temos guerra cun pobo de piratas!”) do mesmo xeito que Manuel Curros Enríquez anima ós mariñeiros galegos a armarse en corso contra os denominados “yankees”, na despectiva linguaxe da época, ou o propio Pondal glosa ao xeneral español Weyler nunha “Oda”.
A cualificación de “piratas” non é gratuíta: Estados Unidos xa pretendera comprar Cuba por cento vinte millóns de dólares (Manifesto de Ostende, 1854) e a negativa do goberno Narváez, baixo a monarquía de Isabel II, leva ao apoio norteamericano ás expedicións “filibusteiras”, primeiro de patriotas cubanos e despois de contrabandistas anglosaxóns e de outras nacionalidades ata o punto de case estoupar o conflito entre España e a emerxente potencia americana cando son apresados e fusilados filibusteiros do barco “Virginius” , durante goberno de Castelar na I República (1873).
Prosegue Lugrís a súa arenga, que evoca remotamente a Espronceda cando clama: “¡Al arma! ¡Al arma! ¡Mueran los carlistas!”, tendo un aire cos peáns ou cantos bélicos de Tirteo, reiteradamente reproducidos nas estrofas do Bardo de Bergantiños: “C’un pobo (o yankee) que s’esquence / que eisiste a nobre raza / que ten do celta o empuxe / do suevo a forza brava”. Nestes versos detectamos a influencia pondaliana: Celtas e suevos son os antergos heroicos dos actuais galegos, confundindo –como era lugar común na arqueoloxía e na literatura decimonónica, Murguía e Saralegui, por exemplo– aos construtores dos megalitos da Idade do Bronce cos moradores dos castros da Idade de Ferro.
“E sempre da vitoria / loureiros deu a España”. Refírese aquí Lugrís ao eloxio do Duque de Wellington, durante a Guerra de Independencia: “Españoles: dedicaos a imitar a los inimitables gallegos, distinguidos sean hasta el fin de los siglos por haber llegado en su denuedo hasta donde nunca nadie llegó”.
“¡Gallegos, afiade eses coitelos / para matar canallas!”. Este berro patriótico repite o esquema pondaliano: “Afiá vosas fouces, / afiade, galegos/ … / Segade con forza, / segade, galegos” (copiado, a súa vez, do “¡Bon cop de falç!”, de “Els Segadors”, o himno catalán). Idéntico simbolismo da fouce (instrumento da rebeldía do pobo) aparece en Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Ramón Cabanillas; simbolismo que se repite tanto na cabeceira do xornal A Nosa Terra (a campesiña cortando a corda que enfronta uns caciques galegos contra outros) como no soñado escudo de Galicia que deseñara Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: a fouce amarela e a estrela vermella do Apóstolo, sostidas pola serea dos Mariños, beireado este brasón polo significativo lema: “Denantes mortos que escravos”. Significativo igualmente é o título da publicación da Sociedade Nazonalista Pondal, asociación independentista arxentina de entreguerras: A Fouce.
“A proteición dos yanquis / aos cafres das sabanas / custounos moito sangue / e bágoas moi amargas”. Evidencia aquí o apoio armamentístico (revólveres e rifles de repetición), económico (amparo ao Partido Revolucionario Cubano-Puertorriqueño, de José Martí) e propagandístico (as cadeas de xornais de Hearst e Pulitzer enriquecéronse alentando a hispanofobia con noticias falsas) de Estados Unidos ós crioulos (aquí, racistamente reducidos aos negros liberados que loitaban con eles, coma uns mambises ou guerrilleiros máis).
“Os fillos de Galicia / mortos alí, recraman / dos celtas fazañosos / unha exemprar venganza”. O mito de Breogán, descrito nas “Historia de Galicia” que elaboraron case simultaneamente Benito Vicetto e Manuel Martínez Murguía, renace nestes versos.
“A loita dende o ceo / aos nosos héroes chaman, / as somas (sombras) dos Nodales, / as de Gamboa e Lángara”. Cita Lugrís aos irmáns Gonzalo e Bartolomé García Nodales, exploradores do Estreito de Magallanes, baixo Felipe III; a Pedro Sarmiento de Gamboa, descubridor das illas Salomón e de Vanuatu, baixo Felipe II; Juan Cayetano de Lángara, almirante vencedor da escuadra inglesa na “Batalla do luar”, fronte ao Cabo San Vicente, baixo Carlos III.
“O noso esforzo pide / a nai, a nobre España; / o mundo enteiro espera / do celta outras fazañas”. En fin: perante un inimigo común, os galeguistas todos apertan filas a favor da “Babilonia”, como cualifica Pondal ao centralismo español.