GALEGOS DA EMIGRACIÓN ESQUECIDOS

ALFONSO GAYOSO FRÍAS:  ESCRITOR, EXILIADO, MOI ESTUDADO, POUCO COÑECIDO



José Martínez-Romero Gandos
Alfonso Gayoso Frías, nado en Ourense en 1905 e finado en Bos Aires en 1970, foi un escritor galego, político exiliado, editor e propietario nos últimos anos da Axencia de Viaxes Frías en Bos Aires.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, con sede en Santiago de Compostela, é a entidade encargada de promover, desenvolver e dar difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. O meu parecer cumpriu, neste caso de Alfonso Gayoso Frías, co apartado dedicado a estudos literarios mais non coa difusión, especialmente nos eidos da emigración e aínda na Terra.
Imos sumar e non restar. A esta tarefa está dedicada esta sección da Revista Areal que pretende traer á memoria a personalidade e actuación de galegos que traballaron arreo polo desenvolvemento, mantemento e difusión da cultura galega. Especialmente de aqueles que moraron e morreron na emigración cumprindo estes obxectivos.
A memoria pódese definir como a capacidade de reter información e recuperala voluntariamente. É utilizando a vontade que podemos lembrar feitos, ideas, conceptos e sensacións do pasado. Os profesionais da saúde e nós todos sabemos que esta capacidade vese afectada pola idade. Ou pola desidia das institucións coma no caso da Memoria Histórica. Afortunadamente a memoria pode ser estimulada por diferentes camiños. E cando aparecen os feitos na conciencia xa é cuestión de liberdade utilizar eses relembros ou tornalos o arquivo da inconciencia.
Escribín no número anterior (17) da revista Areal que o amigo José-Mª. Monterroso fíxome lembrar, nunha das súas colaboracións, que hai moitos galegos esquecidos que aínda compre lembrar. Este é o caso de Alfonso Gayoso Frías, do que teño que recoñecer que os meus relembros del ocúltanse na miña memoria xuvenil.
Marchou Alfonso os Estados Unidos coma profesor de inglés. Moi novo, regresa á Galiza no 1931 para colaborar coa Segunda República. En 1931 organizou o sindicato da Federación de Traballadores da Terra da UGT con Benigno Álvarez e Santiago Álvarez. A súa actividade foi intensa e a comezos de 1936 fundou a Federación Campesiña Provincial de Ourense do PCE. Foi secretario agrario do Comité executivo provincial do PCE de Ourense. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 logrou evadirse da zona franquista, incorporándose ao 4º Batallón da 1ª Brigada do Exército Popular Republicano. Despois dun longo éxodo por Marrocos, Estados Unidos, Cuba e Venezuela, instalouse en Buenos Aires.
A participación de Alfonso Gayoso Frías no alén-mar porteño comeza integrando a comisión cultural do Consello de Galiza que ficaba instalado nesa cidade. Polo seu coñecemento de varios países desenvolve unha actividade privada nos eidos do turismo fundando a Axencia de Viaxes Frías, que acadou un recoñecemento importante no colectivo de exiliados e emigrados. Busco no meu maxín algún outro apuntamento social e lembro que participaba nas actividades da Asociación Residentes de Vigo onde moitos emigrantes compartían actividades culturais e tamén políticas.
Anos máis tarde funda e dirixe unha importante revista cultural: Eufonía. Tivo unha vida de dous anos con importantes achegas de intelectuais galegos. Precisamente desta revista se ocupa o Centro Ramón Piñeiro e publica unha versión facsimilar para a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, edición o coidado de Luís Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez, Manuel Quintáns1.
A pesares da súa curta existencia, a revista Eufonía supón un aporte importantísimo á cultura galega. Simplemente, lendo a lista de colaboradores dos dous números aparecidos teremos unha visión desta importancia. Figuran, entre outros: Ricardo Carballo Calero, Javier Costa Clavell, Florencio Delgado Gurriarán, Avelino Díaz, Xosé Ramón Fernández Oxea, Elsa Fernández, Alfonso Gayoso Frías, Emilio González López, Manuel María, Xosé Neira Vilas, Anisia Miranda, Emilio Pita, Ramón Rey Baltar, Xohana Torres e Dora e Pura Vázquez.
Publicaba o noso autor nesa revista un poema, Feliz Arcano Ourensán, cuxas primeiras estrofas dicían:
Ourense ten un segredo de orixen tan ancestral
que as xentes que alí naceron i aquelas que alí
 [van dar
pasan a vida de cote pescudando en que estará
infiltrado ese feitizo que tanto querelo as fai
A quen lle interese profundar nos aportes literarios á cultura galega poden consultar o facsímile da revista Eufonía pois atoparán alí material dabondo importante.
Como escritor publicou en Bos Aires a peza teatral O fidalgo de Rante (1955) e o poemario Galeguidade (1958). Fixo o guión de Namoros e regueifas: para teatro ou cine en dúas xornadas (1970) e deixou algunhas colaboracións en Eufonía e mais en Vieiros, que en 1959, ano en que desaparece Eufonía, nace en México dirixida por Luís Soto, Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán.
Sempre dicimos que esta sección da Revista Areal, Galegos da emigración esquecidos, naceu como un necesario aporte á memoria de emigrantes e exiliados galegos que traballaron arreo polo mantemento e desenvolvemento da Cultura Galega nos eidos da arte, da literatura, da arquitectura, da ciencia ou da política ademais dos aportes de milleiros de galegos anónimos. Unha posibilidade ideal da memoria destas persoas é difundir a súa obra na realidade actual da Galiza. Un exemplo son as obras de teatro (Flores, Seoane, Gayoso Frías) que poderían ser representadas en Asociacións, colexios, universidades ou Concellos de toda a nosa Terra. Do mesmo xeito podemos falar da música. No caso que hoxe nos ocupa tamén atopamos aportes neses dous eidos.
Os fidalgos de Rante (1955) e Namoros e regueifas. Guión para teatro ou cine en dúas xornadas (1970) son dous exemplos do que mencionamos. A primeira, Os fidalgos de Rante é unha comedia cuxa acción desenvólvese no agro ourensán, en tres xornadas. A publicación ten un limiar de Alberto Vilanova, profesor e escritor galego con Cátedra en Bos Aires e debuxos do pintor Marcos de Abeleda (Eladio Marcos Rodríguez).
Propaganda da Axencia Frías, que anunciaba na revista Eufonía viaxes á Antartida nun mítico barco a vapor no que máis tarde viaxaron, coma emigrantes, centos de galegos
Para comprender hoxe en día esta obra teatral compre trasladarse ao tempo da súa publicación (1955), a situación da lingua galega na ditadura franquista e os moitos desacougos e penurias que o autor pasara por mor dun exilio que o levou a fuxir a varios países denantes acougar en Bos Aires definitivamente.
A obra foi concibida e ambientada nun medio rural galego e desenvolvida entre aconteceres e angueiras de convivencia e conflitos entre labregos e señores, con unha trama sinxela sen pretensións de grandes recursos literarios ou escenográficos. A acción desenvólvese na primeira decena do século XX. Xa na primeira xornada aparece un pazo galego característico, coa vista parcial dunha capela e o fondo unha aldea circundada por terras cultivadas. A esquerda, lonxe, un vello muiño ó pé dun regato e preto del un vello caseirón, con pendello, canastro, pombal e unha figueira coa ramaxe baixa. Banquetas longas de pedra. Nas seguintes escenas aparecerá o patio do pazo con moitas flores e arranxos preparados para unha festa. A porta dunha bodega e a entrada ao pazo. Días máis tarde aparecerán apeiros da vendima e espigas penduradas en longas restras. Os personaxes son os fidalgos, seus serventes, a noiva afillada dos fidalgos, o noivo sobriño dos fidalgos, o caseiro do pazo, crego, sancristán e un carreteiro.
O autor coñece fondamente os dramas do seu pobo. Persoalmente pasou por bos tempos para a cidadanía galega e máis tarde participou nunhas loitas campesiñas da súa provincia ourensá, mergullándose no fermento, no celme e nas esperanzas que encheron as vindicacións agrarias da Galiza daquel tempo. Como un xeito de fuga do autor das súas angurias ofrécenos un ambiente, presenza de personaxes e querencias amables que trasladan ó espectador a lembranzas felicísimas dun rural hoxe en día inexistente. Son xestos literarios que pretenden esquecer tantas traxedias sociais, tantas convulsiones e angurias vividas polos galegos e polo propio autor, trasladándonos a un mundo de ditas e acougos entre xentes con humana comprensión.
Xa comentáramos máis arriba que Alfonso Gayoso Frías tamén dedicou tempo á creación musical compoñendo letras que musicou José Fernández Vide, ourensán de prolífica produción. Interesoume saber sobre esta colaboración entre autores e procurei información. Cheguei até a consulta coa Biblioteca Nacional de España e atopei alí a partitura de “Amor dondiño”, unha obra para voz e piano que sempre figura baixo a autoría do “Maestro Vide”. Porén, nesta obra é en colaboración con Alfonso Gayoso Frías. Teño a partitura no meu poder ao servicio de quen desexe executala baixo aquela proposta miña, máis arriba inserida, de trasladar ao pobo a produción de estes galegos esquecidos que vamos relembrando xuntos nesta revista Areal.
Hai numerosos exemplos de músicos galegos emigrados e referencias á súa formación, moitas veces autodidacta. Non é o caso de José Fernández Vide (Ourense, 1893-1981), músico ourensán de intensa formación e práctica tanto na súa terra como nos eidos da emigración, especialmente en Cuba. Formación nos eidos da música eclesiástica en Ourense, estancia na Habana e regreso ó seu Ourense natal cos condicionamentos propios dunha identidade galega reforzada co contacto con figuras importantes do “nacionalismo” exterior. A súa produción (máis dun centenar de obras) permite analizar este proceso transcultural nas súas etapas vitais, seu compromiso posterior coa lingua galega e o achegamento á produción de música folclórica denantes ausente na súa produción. Ten moitas obras para piano e voz coma a que nos ocupa xunto a Alfonso Gayoso Frías, para piano solo, música de coro, música relixiosa, panxoliñas, zarzuelas e outras varias.
Agregar, para completar a viaxe a través da obra de Alfonso que é autor, asemade, de un obra de poesía (1958) Galeguidade: (humor, saudade e patria): arpexio popular co transfondo acompasante dos ecos do río Miño e de Namoros e regueifas: guión pra teatro ou cine en dúas xornadas.
Sempre ficamos atentos co que pasará con nós no futuro. Consultas a adiviños, meigas ou estrelas. Mais a esperanza dun mundo mellor, especialmente para a Nosa Terra, xunto a un aceptable benestar persoal deberá sempre estar aberta até o noso pasamento. Son os outros, especialmente aqueles aos que favorecemos co noso afecto, admiración ou seguimento os que farán balance do noso mundano tránsito. Neste caso o balance o fai o mesmo autor, Alonso Gayoso Frías, cun poema que insire na súa obra teatral:
O CRUCEIRO DE RANTE
Perante a enxebre faz diste cruceiro,
nun frío atardecer, sendo eu meniño,
limosna deu meu pai a un peleriño,
que ollando cara a min, dixo agoreiro:
“Deus queira, meu señor, que cal de aceiro
se temple a humanidá do seu filliño,
pois falta lle fará, xa que adiviño,
vai ter que batallar no seu sendeiro.”
I apreixando o bordón i a cabaciña,
seus pasos enfiou de cara a serra.
I eu penso dende entón:… ¿Qué poder tiña
o vello que o porvir me predixera?
Seguro que albiscou que a ialma miña
ferver iba en amor prá meiga Terra.
BIBLIOGRAFÍA
Fernandez Vide, José (2003) Mestre Vide: obra completa. Editado pola Deputación Provincial de Ourense.
Gayoso Frías, Alfonso (1955) Os fidalgos de Rante Comedia de ambente do agro ourensan en tres xornadas. Ofrenda Popular. Limiar por Alberto Vilanova. Ediciones Miño. Bos Aires.
Gayoso Frías, Alfonso (1958) Galeguidade: (humor, saudade e patria): arpexio popular co trasfondo acompasante dos ecos do río Miño. Ediciós Miño, Bos Aires.
Gayoso Frías, Alfonso (1970) Namoros e regueifas: guión pra teatro ou cine en dúas xornadas. Editorial Miño, Buenos Aires Miño. Limiar por Avelino Díaz. Dibuxos de Laxeiro. Edicións Miño. Buenos Aires.
Gayoso Frías, Alfonso (1990) 12 canciones. Co-autores: José Fernández Vide; Matilde Llória; Alfonso Gayoso Frías; Avelino Díaz; Manuel Murguía; Editorial Caixa Ourense. Partitura musical, en galego.
Gayoso Frías, Alfonso (2008) Amor dondiño: para voz e piano. Co-autores: José Fernández Vide; Javier Jurado; Alfonso Gayoso Frías. Editorial León Artesana Creatividad Gráfica. Partitura musical, en galego. 1a. ed.
Gayoso Frías, Alfonso (2008) Eu xa non durmo sen verte: para voz e piano. Co-autores: José Fernández Vide; Javier Jurado; Alfonso Gayoso Frías. Editorial eón Artesana Creatividad Gráfica. Partitura musical, 1ª. ed
Gayoso Frías, Alfonso (2008) Eufonía: (Rimas y glosas de la poesía gallega) [Buenos Aires, 1958-1959]/edición, Luis Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez, Manuel Quintáns Suárez | Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes; Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Neira Vilas, X. (1986) Centro Gallego de La Habana. En: Enciclopedia Gallega, VI, ed. Silverio Cañada, 144. Gijón.
Villanueva, Carlos (2004) José Fernández Vide (1893-1981): tópicos identitarios en la figura y la obra de un músico de la emigración. En: Trans. Revista transcultural de música. Visto na Web o 20-02-2019 en https://www.sibetrans.com/trans/article/199/jose-fernandez-vide-1893-1981-topicos-identitarios-en-la-figura-y-la-obra-de-un-musico-de-la-emigracion
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará