FRAGAS DO MANDEO: UNHA EXPERIENCIA DE CUSTODIA DO TERRITORIO NAS MARIÑAS

Fernando Bandín, presidente da Fundación Fragas do Mandeo
Hai días que dá gusto traballar no monte. Tras unha xornada de orballo pertinaz, hoxe amenceu despexado. O canto dos merlos viaxa no aire limpo alegrando a mañá. Cando o sol empeza a quentar, un grupiño de bolboretas do xénero Colias xogan no aire como flores amarelas levadas polo vento. Mirar para elas permite un respiro na labor de retirarlles ás árbores a broza que as afoga e de poñerlles titores para que medren dereitas, sen que os fieitos as deiten.

Neste recuncho soamente están a medrar carballos, loureiros e pereiras bravas, pero no resto do monte tamén prosperan castiñeiros, bidueiros, sanguiños, bieiteiros, salgueiros e abeleiras. Algunhas foron plantadas e outras sementadas, pero boa parte destas árbores son ventureiras. As máis pequenas non alzan máis dunha cuarta, pero outras xa me superan en altura.
Hai catro anos, esta parcela estaba ateigada de eucaliptos. Agora soamente atopo algún que naceu este ano, froito de semente procedente dos montes lindeiros. As pereiras bravas xa teñen botado as follas, adiantándose ao resto das árbores. Danlle unha pincelada verde ao monte, destacando xunto coas grandes penas graníticas sobre un mar de fieitos agostados. No alto, a capela de Santa Baia de Espenuca.
As orixes da custodia do territorio
Cando vexo que o meu interlocutor non deixa de falar do que hai que facer para conservar a natureza, pero non amosa o máis mínimo trazo de que vaia a se poñer mans á obra, lémbrome do contraste co mundo anglosaxón. Guiados polo seu pragmatismo, hai tempo que decidiron actuar. De feito, hai máis dun século.
En 1891 naceu en Massachusetts a primeira entidade de custodia do territorio. O obxectivo era preservar unha mostra daqueles bosques primixenios que os nativos americanos mantiveran prístinos, pero que estaban desaparecendo ante o avance dos colonizadores. Pouco a pouco foron adquirindo montes, conservando así toda a fauna e flora que albergan. Máis dun século despois, esa asociación, The Trustees of Reservations, segue mirando por eles. Os seus fundadores foron auténticos visionarios, pois aínda hoxe Massachusetts segue carecendo dun parque nacional.
Esta estratexia espallouse rapidamente por todos os países occidentais, permitindo que a cidadanía se implique directamente na conservación da natureza e da paisaxe. Así, o Reino Unido conta con entidades centenarias como The National Trust ou The Wildlife Trusts. Pero tardou case un século en chegar ao noso país. O mérito da primeira iniciativa teno a Asociación Cultural e Ecolóxica Ridimoas. En 1988 decidiu investir os cartos dun premio ambiental en mercar montes para conservar o patrimonio natural da comarca do Ribeiro de Avia, continuando dende entón coa mesma estratexia.
As vantaxes da conservación privada
David Cameron chegou a primeiro ministro do Reino Unido cunha campaña na que prometía “o goberno máis verde de tódolos tempos”. Claro que cando a crise financeira golpeou o seu país mudou de chaqueta. Así, buscando ingresos extraordinarios, tentou liquidar o patrimonio forestal do Estado. Afortunadamente, a forte oposición das organizacións ecoloxistas logrou evitalo.
Un exemplo máis de que os gobernos administran no curto prazo. Sempre cos ollos nas últimas enquisas e nas próximas eleccións, constantemente caen engaiolados en viradas políticas. Isto encaixa mal coa xestión dos espazos naturais, que soamente pode entenderse mediante planificacións a medio e longo prazo. Pola contra, as entidades de custodia do territorio teñen amosado liñas de actuación que manteñen o rumbo durante décadas, por moito que vire o vento.
A adquisición de dereitos de conservación
Segundo se acerca o mediodía, vou sentindo que o sol xa quenta de máis. Empeza a custarme arrincar os toxos de raíz. Pero o caso é que non é nada comparado coa calor daquel mes de xullo no que se cortaron os rebrotes dos eucaliptos por primeira vez.
No imaxinario popular os ecoloxistas andan a cortar eucaliptos amparados pola escuridade da noite. A miña madriña enfróntame cun caso na nosa aldea no que os acusa dunha boa desfeita. Cansado do tópico pregúntolle retoricamente que motivo podería terlles levado a cortar unha plantación de eucaliptos nun lugar carente de interese, en lugar de facelo nun espazo de alto valor ambiental. “¿E non sería un veciño que quería facerlle mal ao propietario e, para que non sospeitaran del, botoulle a culpa aos ecoloxistas?”, contéstolle sen esperar a súa resposta. Quen cortou aqueles eucaliptos non pasou a calor que estou padecendo.
Para poder eliminar os eucaliptos no monte no que estou traballando, antes houbo que obter os dereitos que agora permiten a súa conservación. As entidades de custodia poden facelo adquirindo parcelas mediante compravenda, doazón ou legado testamentario, de maneira que se garante ese dereito por tempo indefinido. Isto encaixa moi ben co obxectivo de conservar a perpetuidade o patrimonio natural. Pero noutros casos soamente pode chegarse a acordos por períodos de tempo predeterminados preferiblemente a longo prazo mediante arrendamentos ou cesións do uso e a xestión das parcelas.
A imperiosa necesidade de conservar
Dá gusto mirar a carballeira do Vinte cando agroman as primeiras follas do ano. Non coñezo en toda a bisbarra unha concentración coma esta de carballos maduros. Sobrevive grazas a ser o campo da festa de Porzomillos, pero este salvoconduto non a librou de sufrir hai anos a corta dunha boa parte para construír un edificio que nunca se levantou.
A sensación que me embarga cando me interno nun bosque vello é a de navegar no tempo. Pero este goce non é factible na nosa bisbarra. Simplemente non hai bosques nos que a media de idade das árbores supere o século. Esta carencia non soamente nos detrae dun servizo emocional. Tamén ten consecuencias ecolóxicas, pois as árbores vellas acollen a comunidades bióticas que non atoparemos en árbores novas.
As fragas na nosa bisbarra sobreviviron nas zonas máis abruptas do territorio, onde o arado non podía entrar e o esforzo necesario para explotalas forestalmente nunca compensou. Así, nos vales máis profundos do río Mandeo e os seus tributarios gozamos actualmente dunha pequena mostra do que foi hai séculos o bosque autóctono. Composto por 22 especies de árbores, acubilla tesouros biolóxicos como a saramaganta ou a lagartixa da serra. Estes endemismos do noroeste ibérico están sendo estudados aquí por investigadores da Universidade da Coruña, prognosticándolles un funesto futuro a causa do cambio climático.
A vila de Betanzos debería estar preocupada pola conservación destas fragas. Cando chove, empápanse como esponxas, acumulan auga no solo e facilitan o seu filtrado a capas máis profundas, recargándose deste xeito os acuíferos. Así que débenlles a auga que beben, pero tamén o amortecemento do número e intensidade das enchentes que, cando coinciden con mareas vivas, causan inundacións na vila.
Estes son un par de exemplos dos servizos ecosistémicos que nos fornecen. A lista é longa, dende a regulación do clima, a loita contra a erosión e o confinamento de gases de efecto invernadoiro até a conservación da biodiversidade. Pero tamén beneficios económicos directos para o sector turístico, por dotar á bisbarra cunha paisaxe digna de visitarse.
Se as fragas realizan importantes funcións ecolóxicas, ¿cal é o motivo polo que a Administración non logra deter o avance dos eucaliptais, sabendo que non proporcionan nin os mesmos servizos ecosistémicos nin na mesma intensidade?
Esta situación de desamparo non afecta soamente ás zonas máis valiosas dos nosos montes. Na beiramar, os escasos sistemas dunares sofren un proceso de degradación que afecta gravemente á súa flora especializada. Nos cantís costeiros, e incluso nalgúns illotes, os eucaliptos desprazan ás árbores autóctonas producindo algo máis que un deterioro paisaxístico. Nos temporais invernais as altas copas perennes dos primeiros producen un efecto vela que provoca derrubamentos, a diferenza das copas redondeadas e carentes de follas dos segundos.
Ante esta situación, no ano 2010, un grupo de persoas e as asociacións SGHN, Hábitat e O Rabo do Galo, preocupadas pola ausencia de accións de conservación e restauración dos hábitats e da biodiversidade na nosa bisbarra, constituíron a Fundación Fragas do Mandeo. Non se trataba dunha nova entidade ecoloxista máis no minifundismo do asociacionismo ambientalista, se non dun instrumento específico creado polo mundo rural para conservar o seu patrimonio natural mediante a custodia do territorio e o apadriñamento de espazos naturais.
Orientados a resultados
Cando esperto o interese dalgunha persoa en Fragas do Mandeo, frecuentemente me pregunta onde nos reunimos para falar. Non deixo de aproveitar ese intre para explicar que somos unha entidade orientada a obxectivos, indicando que soamente nos xuntamos para traballar. Para debater sobre conservación ou socializar con persoas que comparten o interese pola natureza, hai que aproveitar as xornadas de voluntariado. Do mesmo xeito que tradicionalmente se facía nos traballos comunais, a faena faise máis amena falando e rindo cos que están a carón.
Os resultados de Fragas do Mandeo poden medirse en función de diversos parámetros. Se nos focalizamos na superficie custodiada, actualmente xestionamos unha extensión de 268.340 m2, da que somos titulares do 39 %. Mediante arrendamento soamente temos o 6 % (unha finca da Xunta de Galicia inscrita no Banco de Terras) e o resto mediante acordos de cesión a longo prazo (principalmente 50 anos), onde os titulares das parcelas son o Concello de Coirós e dous particulares.
As campañas en marcha
Xa centrados no traballo diario, a principal campaña en curso é a de deseucaliptización. Con ela buscamos aumentar a superficie de bosque autóctono, reducindo a súa fragmentación e incrementado a súa conectividade, minorando así as consecuencias perniciosas do efecto de borde ecolóxico e a falta de intercambios xenéticos entre as subpoboacións das especies que o habitan.
Bos exemplos deste traballo son as parcelas Bocelo e Espenuca, que suman 2,2 hectáreas. A primeira foi un eucaliptal rodeado de fraga que restauramos no 2013, tras mercalo. A segunda era no 2015 un monte no que rebrotaban con forza os eucaliptos tallados o ano anterior entre a ramallada abandonada sen xestionar polo madeireiro. Tras a sinatura dun convenio co Concello de Coirós procedemos a cortar os rebrotes e a secar manualmente os cepos. Dende entón nos ocupamos da súa rexeneración, plantando e sementando árbores autóctonas de diversas especies, poñendo titores e protectores, e rozando os toxos e as xestas.
Afortunadamente noutros casos os montes aínda son fragas. Basta con coidalos para que poidan chegar a ser mostras de bosque maduro, vixiando que non medren neles árbores exóticas ventureiras.
Pero non todo é bosque. A situación dos anfibios é preocupante, pois son o grupo de vertebrados máis ameazado polo cambio climático. Aproveitando un enclave no que os herpetólogos tiñan localizadas 11 especies das 14 presentes en Galicia, no ano 2016 creamos a reserva de anfibios do Catorce, cunha extensión de 4 hectáreas. Situada en Coirós, é a primeira establecida no noso país.
A loita contra as especies exóticas invasoras e a plastificación ocupan gran parte do noso traballo. Actualmente apadriñamos tramos dos ríos Mandeo, Mendo e Lambre que suman 18 km de lonxitude. Mediante visitas periódicas eliminamos as invasoras e retiramos todo o lixo que localizamos. As cifras son relevantes: no río Mandeo temos desenterrado máis de 145.000 tubérculos de crocosmia, unha planta ornamental surafricana que invadía a súas ribeiras. Tamén apadriñamos as praias da Alameda e Grande de Miño, onde grazas ao noso traballo teñen desaparecido os plumachos. Na lagoa de Sobrado dos Monxes temos un par de fincas e mantemos un observatorio ornitolóxico, retirando periodicamente o lixo en toda a súa contorna e no tramo de camiño xacobeo que pasa a carón dela.
Finalmente, no balance figura que temos eliminado 31 especies exóticas. As cifras de lixo recollido tamén son avultadas, podendo dar como mostra o dato de que soamente na xunqueira da ría de Betanzos temos retirado 84 pneumáticos de camión, ós que se suman máis de 64 m3 de lixo e as rodas doutros vehículos.
Voluntarios + doadores = Fragas do Mandeo
A eficacia de Fragas do Mandeo hai que agradecerlla ás persoas que na súa calidade de voluntarios ou de doadores manteñen a maquinaria en marcha. Aínda que uns e outros residen principalmente na bisbarra, hai voluntarios que veñen de poboacións afastadas como Santiago, Ferrol ou Guitiriz. O maior número de doazóns proceden da Coruña e de Sada.
Como non temos persoal asalariado, son os voluntarios os encargados de realizar todo o traballo, dende as accións de conservación até os trámites burocráticos. As xornadas de voluntariado que se convocan periodicamente non son actos públicos nos que se ofrece aos participantes a posibilidade de lavar a súa conciencia ambiental, se non que responden ás necesidades específicas da xestión das parcelas custodiadas ou dos enclaves apadriñados segundo a época do ano.
A conservación sen financiamento sería mera conversación. Grazas aos doadores podemos ampliar tódolos anos a superficie custodiada, adquirindo montes con escaso rendemento forestal, pero de alto valor ambiental. Fan as achegas que a súa modesta economía lles permite, escollendo para a súa cota a cantidade e a frecuencia que desexan. A súa xenerosidade é recompensada na declaración da renda, onde recuperan até o 75 % do importe achegado, ou até o 40 % na declaración do imposto de sociedades. Estas doazóns destínanse exclusivamente á adquisición de parcelas, pois o gasto corrente até o momento sempre foi financiado cos ingresos da actividade propia, tales como conferencias ou rastrillos onde vendemos obxectos doados. Pero rematemos xa de dar datos, pois sempre poden obterse consultando www.fragasdomandeo.org.
Finalicemos dicindo que a única maneira de conservar o noso patrimonio natural é implicándose cada cidadán con feitos. Aplícome o conto e sigo arrincando os toxos que ameazan con afogar as árbores máis pequenas que medran na Espenuca.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *