Colectivos de Sada. A Peneira

Asociación A Peneira
A asociación de discapacitados “Peneira” foi fundada no ano 1990. Eran anos nos que este tipo de entidades xurdían motivadas polo atraso na atención social e as demandas para o colectivo. Reclamacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou a inclusión no mercado laboral eran as máis perentorias.
Os comezos non foron fáciles, sobre todo cando non se dispón dun local social no que se poidan levar a cabo actividades.


Xa no ano 2004 refúndase a entidade e coa nova Xunta Directiva, no 2006, conséguese a cesión dun local municipal para a realización de proxectos. Igualmente, empresas e fundacións cédennos mobiliario, material diverso e equipos informáticos para os cursos.

Do 2004 ao 2008 foron anos importantes, os recursos económicos non sobraban, pero eran suficientes para manter un número de actividades aceptable e acorde á nosa capacidade, entidades públicas e privadas ofrecían financiamento e, acolléndonos a elas, realizamos cursos ou actividades de:
Informática e internet
Fotografía dixital
Técnicas de relaxación
Autonomía persoal
Pintura e traballos manuais
Xornadas de cinema con temáticas de discapacidade
Xornadas de deporte
As xornadas de deporte merecen unha mención aparte pola súa envergadura e difusión, a súa preparación era o froito de meses de traballo dun grupo de voluntarios; realizábanse un sábado do mes de xuño e durante todo o día practicábanse deportes adaptados. Colaboraban, por suposto o Concello de Sada, así como “Aspace”, o “Centro de Recuperación de Minusválidos Físicos” de Fiobre e varios equipos de baloncesto e tenis profesionais de Asturias e Ferrol. Igualmente colaboraban connosco empresas da contorna dedicadas á subministración de hostalería e ortopedias, puidéronse realizar tres anos consecutivos.
A partir do 2008 coa chegada da crise económica as cousas cambiaron, o noso orzamento reduciuse aproximadamente nun 60 %, conseguir financiamentos era practicamente imposible para unha entidade dun ámbito tan reducido (municipal).
Por iso desde ese ano á actualidade o único proxecto que podemos soster é o de actividades para persoas con discapacidade intelectual (subvencionado polo Concello de Sada). É un proxecto lúdico-formativo, no que o principal é que o usuario estea a gusto e se sinta como na casa. Considerámolo sumamente importante porque ademais serve de pequeno respiro familiar para os pais ou titores dos nosos queridos alumnos.
E agora que?, esa é a pregunta. A nosa entidade necesita zume novo, xente que achegue novas ideas, novos proxectos e formas de ver as cousas, nós xa levamos quince anos á fronte e, cando iso pasa, as ideas non son as máis claras.
Por iso aproveito este espazo para que persoas do mundo da discapacidade, con iniciativas e con ganas de axudar, se acheguen á nosa entidade a través do noso correo peneirasada@yahoo.es
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *