Nacho Taibo
Hai un poema en galego inzado de castelanismos, pertencente á fase da lírica medieval denominada decadente ou Galego-Castelá, que non se atopa en ningún dos cancioneiros importantes da época. Presentado inicialmente como anónimo, xa hai tempo que se atribúe ao cabaleiro madrileño Rui González de Clavijo. Ten a suposición moi feble base, que nunca contou coa menor demostración.
Dezir deste mensagero
Pois me voy sin falimento
onde Deus tover por ben,
dévos Deus consolamiento,
que todo el mundo mantén.
Señora de prez loada,
do meu cor faze morada,
me lexo en voso poder
con que falledes plazer.
Deus vos teña en su encomenda
por que sejades guardada
de todo mal, sin contenda,
de alegría acompañada,
de lealtad bien guardada,
por que en toda vosa vida
amedes mui puramente
a min, que soy voso seruiente.
Que por donde quier que fore,
voso seré, sin dudança,
membran[do] don de gentil flor:
de vosa gentil semblança,
Por la qual mi coraçón
Sufrira tribulacion,
Fasta que seja tornado
Ver voso viso adonado.
Meus amigos, toda ora,
quantos me queredes ben
confortad a mi señora
que non cure/diré de otra ren,
sinón de lexar tristura,
e vevir en grand folgura,
que «el que ben atende auer
non deve quexoso ser».
Que non faré demudança
della en ninguna guisa,
que por firme lealtança
amor me dio por devisa.
Por lo qual a Deus plaziendo
escriví así dizendo:
que «el que bien está e se muda
non faz como rex sesuda».
A primeira noticia da composición deuna o hispanista francés Morel-Fatio en 1876i: atopouno nun manuscrito da Bibliothèque Nationale, seguindo a outro poema máis longo, en castelán con algúns galeguismos. Só con lermos os nomes dos dous textos vemos que se transcribiron en orde inversa: Dezir de otro mensagero que el dicho Rey don Enrrique envió otra vez al Taborlan aparece antes que o Dezir deste mensagero, e precede aos dous unha Carta que enbió el Taborlán al rey don Enrrique…
Será ben relacionar brevemente o contexto.
Un pouco de historia
Xullo de 1402, por Ancara ten lugar unha descomunal batalla entre as tropas desbordantes do sultán turco Baiecid I e as dun brutal invasor tártaro empeñado en expandir o maior imperio da época, Timur Lenk. Hoxe, mellor coñecidos como Baiaceto e Tamerlán. Está presente un mozo galego, Pai Gomes de Soutomaior.
Paio nin é aínda cabaleiro, só doncel del rei. É fillo de Diego, señor de Lantañón e de medio Salnés, e de María Álvares Gomes, neta herdeira do famoso Pai Gomes Chariño ou Cariño, o almirante-poeta, señora por iso de Rianxo. Paio tiña o alcume familiar –non apelido– Gomes xustamente en lembranza do famoso bisavó. Acompáñao un rapaz castelán, Ferrand Sánchez de Palazuelos, morgado de Palazuelos de la Vega, ao pé de Arévalo. Enviounos como embaixadores circunstanciais o rei Henrique El Doliente, intrigado por coñecer os aconteceres do mundo distante. Tras a súa vitoria fulminante, o Tamerlán acolle moi cordialmente os emisarios, que retornan cunha carta para o rei Henrique acompañados polo embaixador tártaro Muhammad Al Caxí, con moitos presentes, que inclúen dúas damas cristiás que o Baiecid tiña presas, agasallo ao monarca cristián. Alcanzan o rei en Segovia por marzo de 1403 e aos dous meses, aproveitando o retorno do Al Caxí, acompáñao nova embaixada encabezada por Rui González de Clavijo, camareiro d’el Rei.
Esta viaxe foi moito máis longa, porque só empatou co Tamerlán na súa capital, Samarcanda, na Asia Central. Un dos viaxeiros foi escribindo unha completa, precisa e imparcial relación dos lugares e persoas visitados. Considérase a primeira obra de viaxes en castelán e consérvase en varios manuscritos do XVii. Argote de Molina, editor da primeira impresión, atribuíu o texto ao propio Clavijo, e tal asignación ficou aceptada polos historiadores da literatura. Hai voces discordantes como a de Jiménez de la Espadaiii, que conclúe que calquera membro da expedición puido escribir o relato excepto Clavijo. A mellor edición da Relación de la Embajada, a de 1943iv, cita os argumentos de J. de la Espada e non se lles opón mais, ata os nosos días, a Real Academia Española inclúe o nome de Rui G. Clavijo no seu catálogo de autoridades da lingua: este memorábel señor puido non escribir unha soa liña ao longo da súa vida.
UN INTRUSO?
A sorpresa xorde ao vermos o repetido Clavijo incluído hoxe como autor do poema Dezir deste mensagero no nada avultado elenco dos autores en galego de fins da Idade Media.
Se foi Morel-Fatio quen primeiro deu a coñecer os dous poemas, tamén é el quen xa considera Este mensaxeiro como Réponse à la cantiga précédente, que é o Outro mensaxeiro. Desde entón, as aparicións impresas do Este mensaxeiro que coñezo debéronse a López Estradav en 1943, Filgueira Valverdevi vii, Miguel Ángel Pérez Priegoviii e Duttonix, primeiro en asegurar que é Clavijo o autor do poema, o que reiterará con González Cuencax: adxudican a Clavijo a autoría do Dezir de otro mensagero posto na boca da súa muller, e na súa contundente nota definen moi claramente o Dezir d’este mensagero como respuesta, en gallego, del marido, Ruy González de Clavijo.
Ricardo Polín, especialista na poesía medieval galega no seu período de decadencia, emula os anteditos sen outra reflexión e acepta plenamente a autoría de Clavijo en dúas sucesivas publicacións galegas de 1994 e 97: personaxe certamente interesante que se veu escapando sucesivamente ós escasos inventarios da lírica epigonal galega […] do cal, sen embargo, conservamos o dicir galego «Pois me boy sin falimento» […] o cabaleiro da cámara real chamado Rui González de Clavijo…xi. O seu outro libro citadoxii totalizaxiii a escola poética que chamamos Galego-Castelá e candidamente persevera na asignación: dezir […] resposta de González de Clavijo á longa composición anterior da súa dona Mayor Arias […] un contexto tan típico da lírica amorosa trobadoresca como é o da coita motivada pola partida.
Velaí todas as alusións que fun capaz de recadar.
AS RÚBRICAS
Para min, as rúbricas dos dous poemas esclarecen a cuestión en forma diáfana.
Algúns autores deduciran a súa ordenación do pois que inicia o Decir deste mensaxeiro: viron nel un carácter consecutivo para consideralo resposta ao anterior. Sempre que aceptemos a orde coa que aparecen no orixinal, naturalmente. É iso concluínte? O pois… pode ter igualmente valor causal, é dicir, explicarse coa secuencia déavos Deus consolamento pois (= xa que) me vou sen falimento…, en perfecta concordancia cos usos lingüísticos da época.
Pois… hai unha solución máis inmediata e obvia: darmos creto aos títulos que levan os dous no manuscrito. A rúbrica que introduce o poema breve é Dezir d’este mensagero. A do longo, Dezir de otro mensagero que el dicho Rey don Enrrique envió otra vez al Taborlan. Delas, sempre que as tomemos por verdadeiras, extráense datos concluíntes:
1. O dezir longo en castelán refírese á embaixada de Clavijo (“otro mensagero”, “otra vez”), está posto en boca da muller deste, que o invoca polo nome (que sy por mi puerta / veo a Ruy Gonzales), e cita o seu obxectivo (para yr mensajero / al Rey Tauorlán).
2. O título anterior, con otro mensagero e otra vez, fai moi evidente que o dezir breve en galego trata da primeira embaixada e está posto en boca dun dos enviados, o propio Paio Gomes ou Ferrand Sanches. Xa que logo, o autor ou autora deste dezir pode ser calquera persoa viva a principios do século XV, sendo o Rui González de Clavijo dos menos probábeis. Máis claro…
AUTOR, AUTORA, AUTORES
Unha cuestión de contido induciu a tantos críticos e transcritores a supoñer a autoría común aos dous poemas: o segundo pareceulles resposta ao primeiro. Comeza afirmando a marcha sen falimento e diríxese todo o tempo a unha dama. Motivo suficiente para adxudicar os dous a Clavijo? E, por que non á súa muller? Na miña opinión, o Dezir deste mensagero dificilmente a ningún dos dous: puido ser escrito antes que o Outro –así o suxiren as rúbricas–, desenvólvense en distintos idiomas e seguen sistemas métricos diferentes. Para quen marcha á embaixada que acaba de ordenar o rei, non parece axustado omitir toda mención á vontade real e, no seu lugar, confesar que vai onde Deus tiver por ben; case soa a rebeldía que o embaixador declare el que bien está e se muda non faz como res sesuda. Os títulos onde descansa a miña argumentación ben poden deberse a copistas mal informados e arbitrarios e non ao autor, autora ou autores. Mais esta concatenación de posibilidades e suposicións non confire unha mínima fiabilidade á autoría de Clavijo para o dezir en galego.
Non estaban casados Paio Soutomaior ou Ferrand Palazuelos antes da súa expedición: os dous acabaron nos brazos das mulleres que escoltaron de volta desde Turquía, o Palazuelos para toda a vida, Paio en xeito pasaxeiro. Se precisamos dunha situación afectiva que xustifique que un deles crease o Dezir d’este mensagero, haina.
Segundo Vasco de Apontexiv Payo Gómez, viniendo por el camino, empreñó una dellas. Cuando el rey lo supo quisiérale degollar, e o posterior Argote de Molinaxv detalla máis: llegando a la villa de Xodar […] tuvo amores con Doña María, una destas damas Griegas que en el testamento de Payo Gómez es llamada doña María Gómez […] por esta razón el Rey Don Enrique le quiso prender, y Payo Gómez se fué huyendo a Galizia, y de allí a Francia, fasta que después fué perdonado, casándose con Doña María…
Os treitos do poema que extraemos antes –o marchar onde Deus tiver por ben, a consideración sobre o que muda non faz como res sesuda– cadran con quen inicia forzoso exilio, moito mellor que co embaixador oficial.
Por seguirmos a ficción, este Paio Soutomaior, logo señor feudal na xeración previa á que provoca a revolución irmandiña, sería capaz de unir palabras coa mínima sensibilidade? Seica si. Febreiro de 1454, enfermo de morte na ermida de San Gregorio, que aínda existe por Lantañón, entrega testamento, talvez escrito da súa man contra 1447. Os encabezamentos da época queren ser literarios, mais ningún gaña ao de Paio:
Por quanto a vida deste mundo é breve,
et o home é moi fraco de naturaleza et moito agina falesce;
et porque a morte vén en moitas guisas que ningún non o pode saber,
por lo qual lle convén
de estar apercebido et ordenar de súa alma
et de súa fasenda; et porque quando Noso Señor Ihesu Christo o chamar
non se pode detener;
et porque de cada día erramos,
et a vida deste mundo non a pode pasar sen pecado…xvi
Tamén unha miudeza, certamente nada concluínte, asocia o Dezir coa primeira embaixada mellor que coa segunda: o manuscrito parisien refire os dous poemas tras a carta que o Tamorlán enviou ao rei ibérico coa embaixada do Soutomaior. Cítanse alí o Paio e o Palazuelos: esta carta envió Tarbojuan al Rey don Enrique de Castilla en el agosto, año de 1402 […] fagolle (sic) saber que la Su carta llegó a nos en paz e en siguridat, que la traxo Payo e Fernan Sanchesxvii. Outra versión desa carta contén algún posíbel galeguismo alén do fágolle sobredito (deytado por dictado, lle pertesçia, castilos…). A carta ten data da era islámica, 20 de moharran de 805, que corresponde ao 20 de agosto de 1402: tres semanas despois da batalla de Ancara, que cadran á perfección cos tenues rexistros que contan o encontro de Paio co Tamorlán.
Conclusión
Non hai motivo ningún para atribuír o anónimo Dezir deste mensagero a Rui González de Clavijo. Xa que logo, rogo que para sempre risquemos este nome do elenco dos autores da lírica medieval galega.
Non pode aseverarse que o autor sexa Paio Soutomaior. Mais, de seguirmos o rumbo de razoamento que arbitrariamente introduciu ao bo Clavijo no elenco, e mesmo como desagravio, se convén asignar autor ao leve dezir, moitos máis motivos hai para atribuílo a Pai Gomes de Soutomaior, señor de Lantañón, Rianxo e de case todo o Salnés. E bisneto do Paio Gomes Chariño homónimo.
Páx. 28: o único manuscrito que nos transmitiu o Desir deste mensagero está na Bibliothèque Nationale de France, en París Ilustración da Cantiga de Santa María 181, do Códice Rico |
MOREL-FATIO, Alfred, Dos poesías castellanas inéditas del siglo XV, en Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos, Época Primera: 1876, pp.290-294 (datado en París a 19.07.1876)
A segunda edición impresa reza Historia del Gran Tamorlan (…) y un breve discurso fecho por Gonzalo ARGOTE DE MOLINA, E. Llaguno, Madrid, 1782
TAFUR, Pero, Andanças e viajes, edición de JIMÉNEZ de la ESPADA, Marcos, 1874; hai impresións recentes, baixo o título Andanzas y viajes de un hidalgo español, en Barcelona, 1982 e Madrid, 1995
LÓPEZ ESTRADA, Francisco, Embajada a Tamorlán. Estudio y edición de un manuscrito del s. XV, CSIC, Madrid, 1943
Ibidem, pp. LXX a LXXVI
FILGUEIRA VALVERDE, José, Payo Gómez de Sotomayor, Mariscal de Castilla y Embajador ante el Gran Tamerlán, Pontevedra, 1976.
FILGUEIRA VALVERDE, Xosé, A poesía medieval galego-portuguesa fóra dos seus lindeiros, Vigo, Caja de Ahorros Municipal, 1980
PÉREZ PRIEGO, M. Á. (edición, introducción, notas), Poesía femenina en los cancioneros, Madrid, 1989, pp. 48-49
DUTTON, Brian, El Cancionero del siglo XV (c. 1360-1520), 7 volumes, Universidad de Salamanca, 1990-91
BAENA, Juan Alfonso de, Cancionero de Juan Alfonso de Baena, Edición Brian Dutton/Joaquín González Cuenca, Madrid, 1993
POLÍN, Ricardo, A poesía lírica Galego-Castelá (1350-1450), Santiago, 1994
POLÍN, Ricardo, Cancioneiro Galego-Castelán (1350-1450). Corpus lírico da decadencia, Sada, 1997
Naturalmente, non contén o «cancioneiro» En cadea sen prijon, saído á luz en 2010 e de grande peso cuantitativo para o conxunto do período.
APONTE, Vasco de, Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia, ed. Equipo de Investigación “Galicia hasta 1500”, Santiago, 1986
ARGOTE DE MOLINA, Gonçalo, …y un breve discurso fecho por Gonzalo ARGOTE DE MOLINA, dentro da Relación de la Embajada incluída en Cronica de Don Pedro Niño Conde de Buelna, Madrid, 1782
MANSO PORTO, Carmen, Arte Gótico en Galicia: Los Dominicos, A Coruña, 1993, p.753; a división en liñas é miña. Tamén hai versión na Colección Diplomática de Galicia Histórica, 1901
LÓPEZ ESTRADA, Francisco, Op. cit., pp LIII e LIV