A POLÍTICA DA NOITE

Amara Fontão
Polos Lacoste e tacóns do Zara desfilan até a porta onde sacan cinco, dez ou os euros que custe ese día a entrada. Dentro unha copa e outra, baixando polas gorxas a ritmo da música de moda. Diversión e detalles dos que se falará ao día seguinte, que non serán lembrados ou que non podemos escribir aquí.

Todos sabemos dun xigante -téxtil- que controla a vida económica e social da Coruña. A xuventude -ou polo menos unha importante parte dela- tamén somos pastoreadas polo Polifemo coruñés. Incluso cando gozamos do noso ocio seguimos dentro dos seus marcos. Son moitos os ambientes nos que estiven de festa, pero chámame especial atención o mundiño das salas de festa da nosa cidade. Semellan un pequeno Ibiza, un querer ser a elite.
O problema non é que nos arreglemos moito, que os locais teñan unha certa estética ou que teñamos asumidos como normais uns prezos bastante elevados. O problema é que admiremos e imitemos as vidas daquelas familias que viven aproveitándose das nosas. O problema é que non nos decatemos do clasismo que agocha todo isto. Que das nosas filas só un chegará ao pico da pirámide, e o máis probábel e que ti, amigo, tampouco sexas o que suba aí arriba. A xuventude, que se supón que ten que sacudir os cimentos do sistema, esteamos namoradas dos que se benefician da orde establecida.
Non digo que este profundo sono que nos pechou os ollos -ou alienación, como prefiras chamalo-, sexa causado directamente pola corporación Inditex, nin moito menos. E escribo cunha total ausencia de retranca. De veras. O motivo radica no propio desenvolvemento da vida na urbe.
Dou por asumido que todas as miñas lectoras saben que non son forzas sobrenaturais as que moldean o mundo, senón a realidade económica: o que facemos as persoas de carne e óso. Polo tanto, debemos ir máis alá, decatarnos de que o que motiva a ‘cultura local’ non é que haxa “moito pijo por Coruña” ou outro tipo de síntomas que a cotío son tomados como causas.
A presenza dunha das empresas máis potentes do globo incrementou o número de directivos e outros cargos moi ben remunerados, que supuxeron un novo grupo de consumidores e potenciaron actividades de lecer máis exclusivas (ou excluíntes, depende para quen). Os comportamentos sociais e os ideais predominantes son os do grupo máis poderoso económica e politicamente, pois rematan dalgún xeito por moldear os das clases populares. O exemplo máis claro e directo é a posíbel influencia que un empresario pode exercer sobre un Goberno local corrupto. Mais hai moitos outros exemplos dos que non nos decatamos, entre eles actitudes e costumes do estudantado e da xente nova.
Todo o mundo dá por asumido que non se pode saír cun chándal vello a este tipo de locais, pero ninguén para a cuestionar que nunca se lle vai a impedir a entrada a unha persoa por levar uns zapatos excesivamente caros? Podemos chamarlle código de vestimenta. Tamén podemos chamarlle clasismo.
A política e a loita ideolóxica non só teñen lugar no traballo, nas aulas ou nas institucións; tamén nos nosos espazos de lecer. Non estou a dicir que teñamos que deixar de saír a certos sitios ou que teñamos que vestir doutra forma nin nada polo estilo. Simplemente me apetecía sinalar certas cousas das que me fun decatando entre canción e canción, entre cervexa e cervexa. Quizais teñas outra opinión ao respecto, quizais todo isto che parecerá unha obviedade, quizais che pareza interesante. Non o sei. Tampouco son socióloga, así que deixo estas reflexións ao descuberto para que ti as completes coas túas propias verbas.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará