A MULLER NOS CONTOS DE EMILIA PARDO BAZÁN

Rubén Anido Regueiro
Pardo Bazán retratada por
Urbano González Varela
La Voz de Galicia, 22/05/19121
Como boa observadora que era da sociedade en que lle tocou vivir, Emilia Pardo Bazán foi quen de trasladar aos seus textos todo aquilo que vía e lle preocupaba e que, en consecuencia, precisaba, baixo a forma artística da palabra, unha materialización literaria. Esta idea témola ao longo de toda a súa obra, e particularmente nos seus contos podemos rastrexar sen dificultade a presenza non só dunha serie de constatacións, senón de reivindicacións patentes.

Pardo Bazán, ao longo dos seus textos, denuncia a ignorancia en todas as súas vertentes, e unha mostra moi clara témola no conto intitulado “Un destripador de antaño”. Aquí a autora de Los pazos de Ulloa recrea no que ela mesma cualificaría de “cuento largo” a figura dun boticario sobre o que existe a crenza popular de ser quen de facer remedios co unto das mozas. Isto sérvelle a autora como punto de partida para facer a semblanza de Minia, unha rapaza de moi bo corazón cuxo nome é unha homenaxe a Santa Herminia, virxe que padeceu martirio nos tempos de Diocleciano e que na parroquia en que se desenvolve a narración acabaría levando o nome de Santa Minia de Tornelos. O narrador establece, así pois, un paralelismo entre a santa e o personaxe literario, cuxos pais morreron sendo ela unha nena aínda moi pequena. Non terá máis remedio de vivir unha vida de penurias cos seus tíos, personaxes que representan para o narrador a maldade aldeá:
Minia era quien ayudaba a cargar el carro de tojo; la que, con sus manos diminutas, amasaba el pan; la que echaba de comer al becerro, al cerdo y a las gallinas; la que llevaba a pastar la vaca y, encorvada y fatigosa, traía del monte el haz de leña, o del soto el saco de castañas, o el cesto de hierba del prado (pp. 13-14)
Minia representa a bondade suprema, case un personaxe idealizado que non se queixa da súa situación en ningún momento. Os seus curmáns, pola súa parte, identifícanse con valores moi diferentes: Melia dedicábase a se formar para costureira e Juan Ramón, simplemente, é un folgazán que se pasa a vida no muíño maiormente sen facer nada pola facenda familiar.
Mais o problema máis grande aínda está por chegar cando se cumpre o vencemento do arrendo do muíño. A tía de Minia, Pepona, plantexa unha solución desesperada, como é roubar os cartos do clérigo de Santa Minia, solución que será desbotada por outra que ten a ver co boticario, co “destripador”. Pepona acompañará a Jacoba, unha veciña que recorrerá a el para curar o seu home dunha grave enfermidade, e á tía de Minia ocórreselle ofrecer a rapaza ao boticario a cambio de diñeiro. Este rexéitaa, pero Pepona, a pesar diso, acabará coa vida da pobre Minia. O texto remata co castigo:
A Pepona la ahorcaron en La Coruña. Juan Ramón fue sentenciado a presidio. Pero la intervención del boticario en este drama jurídico bastó para que el vulgo le creyese más destripador que antes, y destripador que tenía la habilidad de hacer que pagasen justos por pecadores, acusando a otros de sus propios atentados (p. 42)
Poderíamos dicir que neste conto Minia e mais Pepona son personaxes antagónicos; mentres a primeira é, como xa sinalamos, un exemplo de bondade e de orixes desgraciados, sen asideiro ningún na súa vida, súa tía é aproveitada, desconfiada e parece representar para Pardo Bazán toda a maldade que ela vía en parte da xente máis humilde, envilecida polo poder corruptor do diñeiro. En consecuencia, hai dúas visións opostas da muller aldeá, unha chea de virtudes -Minia ten o nome da santa non por acaso- e outra todo o contrario punto por punto.
No conto intitulado “La mayorazga de Bouzas” cóntasenos a historia dunha muller pertencente a unha fidalguía rural sen títulos pero cun acomodo económico propio de casa medianamente ben abastada. O seu personaxe principal, a “mayorazga”, é unha muller nova, resolta, sen complexos, afeita a calquera tarefa e sen aparentemente ningún medo a nada, o cal esperta a admiración do seu pai, quen parece ver nela a representación dun papel masculino en corpo de muller. Neste sentido, a “mayorazga” é un personaxe propositadamente andróxino a quen o pai decidirá casar por un imperativo social. É entón cando o foco de atención céntrase na figura do fidalgo Balboa de Fonsagrada, antítese da “mayorazga” por canto é home pouco resolutivo, pasivo e non moi dado ao traballo, mais si obxecto da máxima atención por parte da súa muller, que non desexa outra cousa que un fillo del. Porén, ese fillo non será posíbel nun principio, e nun contexto histórico como é o das guerras carlistas, a “mayorazga”, burlada por parte do home, tórnase nun exemplo de nai frustrada, e de muller que contravén o papel que se lle ten asignado ao seu sexo. Non por casualidade, Balboa prefire o personaxe da costureira, a quen a “mayorazga”, botando man da súa feminina virilidade, lle cortará as orellas. Isto conlevará a recuperación da normalidade inicial:
De la costurera bonita se sabe que no apareció nunca en público sin llevar el pañuelo muy llegado a la cara. De la “mayorazga”, que al otro año tuvo muñeco. De Camilo Balboa, que no le jugó más picardías a su mujer, o, si se las jugó, supo disimularlas hábilmente. (p. 58)
En “La santa de Karnar”, o tema da fe e das crenzas aldeás depositadas nunha imaxe volve a ocupar un lugar fundamental. O texto, narrado en primeira persoa, preséntasenos como un relato coa presenza dun narrador externo que podería corresponderse coa propia Pardo Bazán, nun intento de verosimilitude moi conseguido. A protagonista, unha anciá, conta como sendo ela moi pequena tiña unha saúde moi quebradiza e como os médicos non daban coa solución aos seus males, tal se se tratase dun misterio. A solución será a visita en peregrinación á dita santa de Karnar, que é desvelada no relato a través dunha cega misteriosa, que actúa aquí como figura catalizadora do desenlace milagreiro do texto:
Justamente el Rosario, como usted sabe, acostumbra rezarse medio durmiendo, de carretilla; pero la ciega, al pronunciar las oraciones, revelaba un alma y un fuego, que hacían llenarse de lágrimas los ojos. (p. 66)
No conto hai un contraste moi do gusto de Pardo Bazán: o mundo da cidade, representado por unha burguesía identificada co progreso material e o da aldea, fortemente vinculado ás crenzas, como no caso da santa de Karnar, mestura de elementos católicos e precristiáns. A protagonista, colocada entre estes dous mundos, será quen de superar o seu escepticismo e sandar, até o punto de chegar a unha saudábel ancianidade. Ela mesma recorda a súa visita ao lugar da santa:
Pues con todo eso, la santa de Karnar no me asustaba. Al contrario: me infundía el deseo que despiertan en las almas infiltradas de fe las carcomidas reliquias de los mártires. Alrededor de la osamenta descarnada y negruzca me parecía a mí que divisaba un nimbo, una luz, algo como esa atmósfera en que pintan a las Concepciones de Murillo… (p. 74)
Pola súa parte no texto cuxo título é “El fondo del alma” preséntasenos o tema da imposibilidade real do amor platónico, representado no personaxe de Cesáreo, o fillo do morgado de Sanín, que non ten reparo en manifestar que a súa moza, Candelita, é o máis importante da súa existencia:
La felicidad del noviazgo la saboreó Cesáreo desatadamente. Loco estaba antes de rabia, y loco estaba ahora de júbilo; las contadas horas que no pasaba al lado de su novia las dedicaba a escribir cartas o a componer versos de un lirismo exaltado (p. 79)
A acción do relato desenvólvese nunha “jira” en lancha facilmente identificada cos Caneiros de Betanzos e cuxos participantes, todos fidalgos da bisbarra, agardan ao patrón para volver para a casa. Como non dá chegado e se fai tarde, deciden emprender o camiño pola súa conta, mais a escasa pericia de don Vidal co temón fai que un accidente se torne inevitábel: Cesáreo fai o posíbel por salvar a Candelita, mais isto tórnase imposíbel e non pode facer outra cousa que deixala ir tras el mesmo se golpear nunha pedra mentres trataba de salvar súa namorada.
Este conto, probabelmente dos máis líricos de Pardo
Emilia Pardo Bazán nun retrato de prensa
La Voz de Galicia, 09/07/1915

Bazán preséntanos a Candelita como o modelo da namorada perfecta dentro do molde dun personaxe que está en todo momento á sombra de Cesáreo, arredor do que xira o asunto do texto. Candelita é, así pois, unha sorte de representación do amor tan puro como imposíbel, e fainos lembrar inevitabelmente ao personaxe shakespeariano de Ofelia e, ao tempo, o coñecido cadro de John Everet Millais que aborda este motivo, tan antigo como a propia literatura: a relación entre o amor e a morte.

Quizais un dos contos máis entrañábeis da autora é o que leva por título “Cuesta abajo”. Aquí Pardo Bazán decídese por empregar como personaxes principais a un mozo e unha moza que van vender á feira de Areal -nome baixo o que se esconde a vila de Sada-. O amor que se irá facendo arredor destes dous personaxes é o oposto ao do Cesáreo e Candelita de “El fondo del alma”: é un amor sinxelo, cordial, próximo e sen engadidos literarios, isto é, un amor aldeá como o dos principios dos tempos nunha paisaxe mariñá e polo que a autora non oculta a súa simpatía a través do narrador:
Esteban rodeó los hombros de Margarida con su brazo derecho, para protegerla, y siguieron andando así, sin romper el silencio. La carretera serpenteaba por la vertiente de un montecillo cubierto de pinos; a la izquierda, los esteros y los juncales inundados brillaban, reflejando en rotos trazos la faz de la luna (p. 99)
Panorama moi diferente píntanolo a autora en “Tío Terrones”, cuxa acción xira arredor de Petronila, filla do tío Crispín Terrones. A situación de Petronila é a de tantas mulleres que, nunha sociedade tan pechada como ignorante, son deixadas de lado por parte da súa familia ao cometeren o que na época se consideraba un “desliz”. A descrición de Terrones é furibunda, con trazos tan grosos como certeiros:
Entonces le parecía al bueno del paleto que cumplía un deber como moral, y hasta que procedía como caballero, allá a su manera rústica, pero impregnada de un sabor romántico a la antigua española: y lanzada la maldición, barrida y limpia la casa con la marcha de la hija culpable, el pardillo se había creído grande, fuerte, una especie de monarca doméstico, de absoluto poder y patriarcales atribuciones (pp. 106-107)
É en “Náufragas” onde Pardo Bazán toca un tema que non había ser de todo infrecuente na súa época: a viuvez inesperada e a conseguinte desgraza económica. Neste caso, preséntasenos a morte do boticario dunha vila que deixa asolagadas en débedas á súa muller e ás dúas fillas. Estas, un tanto desnortadas, van vivir a Madrid, pensando atopar un mellor acomodo nesta cidade, na que, pouco a pouco, iranse aproximando á pobreza material máis absoluta. E é aquí onde aparece o tema das aparencias e o da fame, que soen facer mal maridaxe. Repárese na utilización do estilo indirecto libre, aquí moi ben traído por canto unha das fillas fala por boca do narrador:
Las náufragas se miraron. La hija agachaba la cabeza. Un mismo pensamiento se ocultaba. Una complicidad, sordamente, las unía. Era visto que ser honrado, muy honrado, no vale de nada. Si su padre, Dios le tuviere en descanso, hubiera sido como otros…, no se verían ellas así, entre olas, hundiéndose hasta el cuello ya… (pp. 122-123)
Pola súa parte, en “Las medias rojas” atopamos certos paralelismos con “Tío Terrones” por canto aparece o tema da violencia contra a muller, mais neste caso con máis énfase. A coquetería de Ildara, rapaza traballadora e da súa casa, será castigada polo tío Clodio, quen lle dará unha paliza tal que será quen de lle fanar os seus soños de triunfar na emigración, unha emigración por outra parte idealizada na súa inocencia. A partir da paliza, Ildara, como outras tantas mulleres, terá de se conformar con vivir o resto da súa vida na aldea, oprimida primeiro polo pai e despois, con toda seguridade, polo marido. A denuncia da ignorancia labrega é evidente:
Salió fuera, silenciosa, y en el regato próximo se lavó la sangre. Un diente bonito, juvenil, le quedó en la mano. Del ojo lastimado, no veía. Como que el médico, consultado tarde y de mala gana, según es uso de labriegos, habló de un desprendimiento de retina, cosa que no entendió la muchacha, pero que consistía… en quedarse tuerta (pp. 146-147)
Poderíase dicir que o fracaso da maternidade é o tema do conto intitulado “La advertencia”, onde unha nai se verá obrigada por parte do seu home a servir á capital ao señorito e, en consecuencia, abandonar o seu fillo recén nado. O marido representa aquí a insensibilidade, a falta de bos sentimentos e, en definitiva, a cobiza, a querenza polos cartos doados que serán gañados pola pobre da súa muller, que non se poderá negar aos seus desexos de home. A denuncia que presenta aquí Pardo Bazán é, como de costume, dunha transparencia inequívoca tinxida cun fondo de melancolía. O marido advirte mesmo á pobre rapaza das consecuencias de cometer calquera “desliz” cos señoritos:
Y de pronto, agarrando por el pescuezo a Maripepiña, la besó sin arte, restregándole la cara.
-Cata que eres moza y de buen parecer
-refunfuñaba entre estrujones-. Cata que no se vayan a divertir a mi cuenta los señoritos (…) Como yo sepa lo menos de tu conducta, la aguijada de los bueyes he de quebrarte en los lomos… (p. 159)
Como sinalábamos ao comezo desta achega, non é posíbel falar da obra de Pardo Bazán sen ter en conta a sensibilidade que esta autora sempre mostra polos problemas da realidade que lle tocou vivir, e entre eles podemos mencionar o difícil posicionamento da muller nunha sociedade tan inxusta como ignorante, as aparencias, a violencia, as supersticións, a falsidade dos sentimentos ou a falta de empatía ante os dramas alleos. Neste sentido, os contos da autora de La quimera parécennos un exemplo de minuciosidade case científica sen esquecer en ningún momento un lirismo inconfundíbel e un amor sen límites pola palabra feita arte.
1. Para a elaboración deste traballo partín do volume intitulado Un destripador de antaño y otros cuentos, publicado por Alianza Editorial na súa “Colección de bolsillo” (Madrid, 1999). Por razóns de espazo fundamentalmente, decidín escoller tan só os contos que me pareceron máis representativos da materia tratada. Os fragmentos aquí citados toman como referencia a edición sinalada, e, como é evidente, seguen a paxinación marcada entre parénteses.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *