A CUESTIÓN TERRITORIAL, UN PROBLEMA IRRESOLUTO

Manuel Lugrís Rodríguez

Castelao, nun mitin ante o monumento a Rosalía en Compostela. Fotografía cedida por R. Tenreiro Suárez

Podería facerse unha sinopse historicista ou mesmamente política do problema, pero no elemental do mais vixente, dos mais próximos feitos, incluso de aqueles que quizais serian considerados como superfluos, debe ser doado construír a identificación fonda do asunto e servirnos para a nosa reflexión.Dentro do pandemonio político actual hai unha expresión que estase a repetir unha e mil veces, expresión que trata de por en manifesto o pretendido fracaso do que deuse en chamar “Réxime do 78” nado baixo a éxida da constitución referendada nese ano,  que lle da o nome, e que coñecemos de xeito mais coloquial como o documento clave da chamada “Transición Democrática”. Trátase dunha frase que pode dar lugar a confusións de moito tipo  como, por exemplo, de que foi concibida de feitío equivocado, ou como que non se correspondía coas expectativas de  ruptura que moitos demandaban e que outros consideraban de espiñosa implantación, dada a aínda entón feble estrutura das forzas democráticas, etc. Pero como mais de vinte anos de óptica histórica xa nos poden proporcionar un amplo e meirande panorama adecuado de exame e ,mesmo crítica, imos intentar facer exercicio analítico dun aspecto singular daquela lei pragmática que, coido, é o mais desestabilizador, hoxe en día, na praxe política do conxunto do Estado: a cuestión territorial. E que incide de xeito importante no pais galego, xa que logo, para a nosa condición xeográfica e social, atínxenos coma elemento determinante esa “cuestión” pendente.

E, venme a mente aquel relato do vello petrucio moribundo que pide ó seu fillo que lle traia o mapa topográfico  de Domingo Fontán pois quere morrer coa vista posta na imaxe de Galiza, para compenetrarse, harmonizarse e penetrarse derradeiramente na mais pura  esencia da súa Terra. E parodiando un pouco esta narración apoloxética, así diría, que para comezar a entender a problemática territorial tomaramos un mapa da Península Ibérica e reflexionaramos cos ollos e a mente en ligazón, no seguinte: fisicamente conforma, sen dúbida,  unha certa  unidade xeográfica, mais politicamente salta á vista, de inmediato, a división estatal, que supón a raia portuguesa o que nos leva á evidencia de que a Hispania primixenia, non é un pais unitario, non existe esa unicidade da que se gaban os supremacistas do uniformismo nacional. Con lucidez matina Castelao no Sempre en Galiza cando di: “Así naceu Portugal: nun anaco de terra galega entre o Miño e o Douro…”e engade mais adiante: “…o solio de Alfonso Enriques-fundador do reino portugués- non cabía en tan pequeno recinto e buscou a súa expansión cara ó sur, tomando terra de mouros e desprazándose dos patrios lares, e dicir de Galiza” E claro que non hai unidade política peninsular e este é o motivo fundacional da “cuestión”, un motivo tácito que pasa desapercibido, quizais á mantenta, ex professo, tanto para os burócratas de Lisboa como para os fundamentalistas madrileños. En España xamais se estimou seriamente de chegar á Confederación e en Portugal falouse das posibilidades dun convenio pero con condicionantes tales que facían imposible a aceptación do mesmo pola outra banda. O mais doado sería unha situación xeminada que, evidentemente, non está a darse nin, probablemente, se dará nun futuro próximo polo que  non vamos insistir nesta posibilidade por mais agoada que nos pareza.
A facérmonos un código mnemotécnico de recordo, non é preciso apelar a moito tempo atrás. Simplemente facer memoria de algúns feitos singulares como os derivados da guerra de sucesión, as carlistadas e, no noso particular caso, a proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galiza redactada polo seu secretario Antolín Faraldo en 1846. Xa que segundo nos di Murguía na súa obra Los Precursores: “Pudo un día proclamar la completa autonomía, en una palabra, la independencia de Galicia, que tanto vale asegurar que nuestro país convertido en una verdadera colonia de la corte tenía que hacer algo por sí mismo para mejorar su suerte” Isto era no marco da revolución liberal que tivo o seu triste epílogo no cemiterio de Santo Estevo de Paleo en Carral onde están soterrados Solís e os seus compañeiros que caeron alí fusilados. Nestes dramáticos aconteceres, estaría un dos alicerces da nacionalidade galega que posteriormente pasou polos chanzos deste primeiro provincialismo, o rexionalismo e o nacionalismo, que son practicamente os estadios sucesivos de toda conformación autóctona até chegar o soberanismo que é o último banzo da construción nacional. 
E a seguir lembrando temos que o problema territorial español, identificase por sobre todo en tres entidades que formaron o colectivo do pacto Galeuzca de 1933  herdeiro daquela Tripla Alianza asinada dez anos antes en Barcelona e que soamente puido substanciarse no eido da cultura polo rexeitamento visceral do corpo político e social do integrismo da época que se materializaría corenta e oito horas mais tarde coa instauración da ditadura  de Primo de Rivera, que dificultou toda posibilidade de instruír calquera proceso autonómico para os tres países asinantes; dificultades que se prolongaron no período republicano para Galiza, cunha lei de porcentaxes, practicamente imposible para a consulta popular e outros atrancos postos en parangón coas facilidades concedidas a Cataluña na mesma conxuntura. Porén de que as circunstancias de hoxe, tanto económicas como sociais e mesmo de desenvolvemento do condicionado nacional non son agora iguais, si hai puntos de correspondencia obxectivos, que podemos resumir no confronto xeral entre os autonomismos periféricos e o dominante centralismo do que Castelao fai un ecléctico resumo nunha sinxela frase: “Polo que se ve o gran perigo que corre o centralismo está na concesión das tres autonomías”.
Perigo do que xa se fixera eco o político e pensador Francesc Pi i Margall en 1877, no seu libro Las Nacionalidades cando di con clarividencia: “El principio unitario, sobre habernos traído tantos desastres, no ha sabido unir siquiera todos los pueblos de la Península. Lo hemos visto ya. Ganamos el reino de Portugal en 1580 y lo perdimos en 1640. Bajo el principio federativo o no se habría separado, ó, si lo hubiese hecho, habría vuelto espontáneamente al seno de la antigua patria” Evidentemente trátase dunha especulación, pero latexa no texto a idea que anos mais tarde recollemos en Sempre en Galiza cando Castelao escribe: “…pero se é lícito pensar e falar dunha Confederación Ibérica será igualmente lícito manter a esperanza de que algún día os galegos e portugueses volvamos a falar e cantar no mesmo idioma”. E quen sabe, si no seu tempo e con boa vontade de todos, absolutamente de todos, podería ser un vieiro de solución para o  problema territorial. Pero, para iso habería de ser desmontado o serodio integrismo subxacente nas diversas clases políticas que miran egoistamente para os seus embigos e as súas angueiras de poder. O que conleva un inalienable tratamento plenamente democrático de calquera proceso, tratamento democrático que sería aplicable, como fundamento básico da liberdade de adhesión dos países que conformaran esa Confederación. O principio autodeterminativo, baixo estas premisas, convértese nun principio axiomático que pola súa propia natureza é inherente ós alicerces de toda conceptualización democrática, pero que debería ser pactado de xeito que non conducise nin a acracia política, nin á confusión ou desgoberno, polo que se refire á libre vontade colectiva dos diversos pobos. O que non se fixo ata agora. E aquí está o problema fundamental da situación. Unha situación cuestionada por amplos sectores da cidadanía de comunidades, como País Vasco, Cataluña e, aparentemente en menor medida da Galiza. A cuestión que xera un conflito de valores entre os distintos territorios, está latente desde hai decenios e convertese no problema mais grave que ten o Estado, porque afecta á convivencia e, sobre todo, a estabilidade necesaria para calquera índice de progreso e avance económico e social. Hai que facer memoria de que nos anos setenta do pasado século, cando as propostas que se manifestaban pola chamada oposición democrática para o tempo posterior á desaparición do réxime franquista, eran a de dar resposta definitiva a este problema, e a doutrina argumentaria que se difundía, baseábase nestes principios que aquí deixamos expostos: pacto libre de unión dentro dun réxime democrático e tres autonomías políticas soamente. Logo veu o que veu: café para todos para levigar no espeso da totalidade o particular. O que deron en chamar O Estado das Autonomías, no que ás tres previstas e xeralmente aceptadas,  engádense catorce mais. Todos formados e uniformados con dezasete parlamentos, dezasete presidentes e dezasete goberniños. Pero así entendían os funcionarios, de cheiro xacobino, que estaban a entupir os feitos evidentes de galegos, vascos e cataláns, é dicir, da antiga Galeuzca, que como xa vimos nas palabras do mestre Castelao era o perigo que ventaban dende a Vila e Corte.
Entón que non nos estrañen tanto os acontecementos actuais, de referendos, procesos, fuxidos, etc. Todo isto non e mais que froito da torpeza política do centralismo mais serodio. Unha torpeza que estende os seus tentáculos en tempos xa históricos e que non fai mais que producir dor, desesperanza, desacougo e confrontación social. E o pobo non é merecedor diso. E a nosa Patria galega é unha vítima mais deste estado de cousas. Unha vítima que ve como as súas necesidades mais básicas, atópanse cuestionadas por outros intereses, e a súa voz xorda e a súa presenza ocluída por aqueles que din falar no seu nome no parladoiro de Madrid, pois os que alí están deben outra obediencia allea ó pobo que din representar. A palabra Galiza apenas resoa en calquera medio público de difusión: prensa, radio, televisión e mesmo redes sociais. Por iso é preciso de que a nosa voz volva escoitarse nas cortes españolas. Ese poder da palabra perdida e que compre volver a ter. Anular para sempre esta situación de ausencia de voces silandeiras que bradan sen escoitarse fronte os novos validos que asisten coas súas “cachuchas” e as furtadelas, á rapina e ao calote orzamentario.
Disto vai, en síntese e brevemente, o problema territorial desde a perspectiva dunha Galiza novamente aldraxada, ofendida, desprezada e case diría que vexada e humillada. Un problema que se prolonga no tempo e que dificilmente terá solución cunha clase política incapaz, inepta, de estilo zoupón e nugallán de práctica prosma. En fin cunha “tropa” así o mellor e pensar nun camiño propio e que Deus reparta sortes. Un camiño afable, franco e leal, como cando en Sempre en Galiza se deixa dito: “Cando defendemos o dereito de Galiza, defendemos tamén o dereito dos demais pobos, porque temos abertas as portas de noso anceio galeguista como teriamos sempre abertas as portas da nosa nación”. Pero isto xa é outro asunto que queda para outro día.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *