Xacobe Anido Castro
25 de agosto de 2018
Eran sobre as doce da mañá e eu estaba paseando co meu pai por Fontán, despois de almorzar. Era unha mañá tranquila de verán, e o ceo estaba completamente azul. Chegamos ata o lugar do castelo, xusto onde está o canón.
-Papá, cal é a historia do castelo de Fontán?
-A historia do castelo de Fontán ten que ver cos corsarios ingleses, concretamente cun señor chamado Francis Drake.
-Cóntasmo, por favor?
Meu pai dixo si coa cabeza e empezou a contarme o seguinte:
4 de maio de 1589
En realidade, os corsarios xa andaban rondando as nosas costas desde bastante tempo antes. De feito, antes de intentar facerse con Sada intentárono coa Coruña, o cal non conseguiron grazas a María Pita e os seus habitantes. Pouco despois chegaron a Sada en moitos barcos ingleses dirixidos polo capitán Francis Drake. Desembarcaron e empezaron a invadir Sada, pero, por sorte, os ingleses pareceron confiarse e os habitantes de Sada atacaron polos castelos de Fontán e Corbeiroa. Ao final afundiron todos os barcos e derrotaron os corsarios ingleses, que por certo tiñan moita vantaxe por ter armas máis modernas.
-E con que se defenderon entón os sadenses?
-Con pedras, cos puños… En resumo, co que encontraban a man.
Meu pai acabou de contar a historia e eu mirei o mar pechando os ollos e imaxinándome os ingleses loitando contra os habitantes de Sada nunha derrota vergoñenta para eles e unha gran vitoria para nós.