UNHA CANTIGA DE ESCARNIO E MALDIZER: A TODOS OS LIBROS DE LECTURA OBRIGADA (AKA UNHA ODA A LIBRE LITERATURA)
Amara Fontão

Non quero soar dramática, pero hei de dicir que os libros de lectura dos colexios e institutos, son os asasinos do gusto pola lectura de moitas moitas crianzas. Presuntamente. (Non vaia ter eu un problema coa (in)xustiza.) Entre as súas páxinas os libros de lectura obrigada levan dentro un antídoto, que en verdade é veleno. Digo isto porque desprenden algo que rompe o meigallo no que caemos moitas cando aprendemos a ler.
Xuntando sílabas amodiño, como boas amantes primeirizas. Cun sentir parecido ao das arqueólogas cando descifran o significado dun xeroglífico; coa vocación das mariñeiras, pescadoras de páxinas. Imos collendo soltura até que un día chegamos a atopar unha ringleira de palabras, nas que descubrimos o significado de todo. Esa sensación é incomparábel a ningunha outra. E así nos convertemos en lectoras, cando nos mergullamos, arrastradas polos cantos das sereas da literatura. (As escritoras en realidade teñen pernas de peixe…) Así imos enchendo a nosa mesiña de noite, e o noso maxín.

Ben sabemos que o sistema educativo queda moi lonxe de equilibrar as desigualdades existentes entre o alumnado, ou de crear conciencias libres. Comprendo a necesidade do establishment de manipularnos e alienarnos para o seu propio interese. Pero a literatura é unha liña vermella. Obrigarnos a ler é como levar paxaros de viaxe por todo o mundo dentro dunha gaiola. O lóxico é que reaccionemos contra unha imposición, incluso sen querer e contra algo que amamos.
Comprendo que para traballar sobre calquera obxecto de estudo debamos ler para informarnos. Comprendo que aquelas persoas que gosten da lectura teñan no seu favor todo o que esta aporta, e que os que queiran mellorar decidan envorcar nela os seus esforzos voluntariamente. O que non comprendo é que se force a toda unha clase (un grupo heteroxéneo en canto a gustos e madurez) a ler o mesmo libro, coa intención de que se convertan en lectoras. Os que non gostan de ler non van mudar de idea, e os que si gostan van deixar os seus libros por outros impostos. Cambiarán o desfrute intrínseco pola presión dun día para rematar e a an-sia de recordar os detalles.
Queridas programacións de materia e criterios de avaliación, gostamos de decidir en que nube queremos ter as nosas cabezas. De aquí non nos van baixar.
Fotografías da autora