OS IRMÁNS PELETEIRO: CURAS COMPROMETIDOS CO SEU POBO

Victorino Pérez Prieto

“As eirexas son comercios
e os curas comerciantes,
e, ó toque de campana,
van os ignorantes.
Si qués ter algo de teu
fai en todo coma os cregos
que nunca dan nada a naide
agás que sexan consellos”


(O clero na literatura popular galega)

Con estes versos anticlericais da literatura popular, empezaba o capítulo dedicado a curas, frades e monxas do meu libro Galegos e cristiáns, publicado hai máis de 20 anos (Vigo 1995). O capítulo viña encabezado polo benquerido bispo Miguel Anxo Araújo, ao que seguía unha longa achega de curas aos que non lles acaian eses versos populares. Nas páxinas de Areal e algúns Cadernos da Asociación Suárez Picallo teño falado xa de algúns deles: Francisco Carballo (Areal números 15 e 16), Moncho Valcarce (Cadernos de Estudos Xerais, nº 4) e Manuel Espiña (Cadernos, nº 5).

Pero poderiamos falar de moitos máis. Bastantes xa finados, aos que me cómpre traer aquí con fondo agradecemento polo que teño compartido e recibido deles: Xosé M. Rodríguez Pampín, Eliseo Ruíz de Cortázar (“Cuco”), Antón Rodríguez Fraiz (“O cura de Campañó”), Francisco Lorenzo Mariño (“Paco de Aguiño”), Antón Gandoi (“O cura da bicicleta”), Nicanor Rielo Carballo, Uxío Romero Pose (patrólogo egrexio e bispo), Bernardo García Cendán, Xose Chao, Xosé Alvilares, o P. Isorna e Xosé M. Carballo, recentemente finado. A carón deles, ían outros moitos nomes que seguen fisicamente connosco: Torres Queiruga, Xulio Andión, Marcial Gondar, Martinho Montero, Xosé A. Miguélez, Manolo Regal, Alfonso Blanco Torrado, Ramón Díaz Raña, Xosé A. Iglesias, Gumersindo Campaña, Xesús Portas, os irmáns Peleteiro, Benito Santos, Xaquín Campo, Anxo Currás, Pepe Couce, Antón Aneiros, Uxío García Amor, Miguel Fdez. Grande, Evencio Domínguez, Xaquín Gómez Barros, Suso de Rao, Xesús Mato, e un longo etc.

Esta longa relación de nomes manifesta que os versos populares do comezo non son sempre xustos; ademais da “cregaxe” egoísta, en Galiza houbo e hai moito cura (“curador”) bo e xeneroso, nesta Galiza que fagocita moitas veces aos seus mellores homes e mulleres, cun aquel do Evanxeo: “Pero, de aquí [da xente de a carón] pode saír algo bo?”. Desde hai décadas, é xa longa a nómina de curas, frades e monxas galeguistas, comprometidos co pobo desde diversos ámbitos, moitos até a fin.


OS IRMÁNS PELETEIRO. O ITINERARIO DUN COMPROMISO CUNHA IGREXA GALEGA

Hoxe imos falar dos irmáns Peleteiro. Tres irmáns curas e frades paúles cun compromiso sociopolítico cos labregos, feito desde opcións claramente galeguistas: Manolo, Bieito e Xosé Carlos Peleteiro Rodríguez.

Naceron nunha familia moi relixiosa e galego-falante. Manolo -traxe de pana, zocas e boina- naceu en Sevilla en 1942, pero Bieito (1944) e Xosé Carlos (1947) xa naceron na casa patrucial en Ourense (Ferreirúa-Nogueira de Ramuín). O máis novo era Xosé Carlos, pero foi o primeiro en finar (2010).

Os tres irmáns foron entrando progresivamente nos Padres Paúles. Estudaron primeiro nos Milagres (Maceda), e logo Filosofía e Teoloxía en Madrid e Salamanca, onde tiveron de profesor a Francisco Carballo. Xosé Carlos fixo a Licenciatura en Teoloxía en Salamanca, presentando o seu traballo en galego, a pesar de ser nesa Universidade castelá. Levaba por título Renascencia espiritual galega (1978), e estaba centrado na análise da revista Logos; unha revista relixiosa galeguista dos anos 30, na que colaboraron Otero Pedrayo, Risco e o mesmo Castelao.

Ordenáronse sacerdotes e, primeiramente, Manolo vai para o santuario e colexio paúl dos Milagres, Bieito vai traballar coa xente da emigración en Londres e Xosé Carlos no colexio dos Paúles de Marín. No ano 1978, por un conflito nos Milagres, pola maneira de levar o santuario en contradición co espírito galeguista e democrático que xa reinaba neses anos no colexio, Manolo abandónao, e os tres irmáns vanse para o mundo rural, como froito dunha clara opción pola Galicia marxinada.

No seu compromiso co mundo rural galego instálanse en Filgueira de Barranca-Cesuras, entre Betanzos e Curtis, cunha irmá tamén relixiosa das Fillas da Caridade: Consuelo (1939) e a súa nai. Un caso tan excepcional, que abondarían eles sos para facer un libro. En Filgueira de Barranca viviron case vinte cinco anos (de 1978 ate o 2000), levando un exemplar labor de desenvolvemento humano e relixioso en varias parroquias. Pero despois de tanto tempo, vendo a falta de resposta nas parroquias ás sus propostas, fóronse co desexo de facer algo novo noutro lugar. A falla de resposta no foi só por parte dos curas veciños, senón en moitas ocasións por parte dos mesmos fregueses; así como a falta total de apoio institucional, pois o bispo non paraba de poñerlles pexas. Falaron coa congregación e cos bispo para buscar outro lugar; o bispo non lles deu resposta, mais ben se aledaba que se foran da diocese, e outros bispos o mesmo. O provincial dos paúles mandounos aos tres para o colexio de Vilafranca do Bierzo; alí traballaron case dez anos, ocupándose tamén de atender algunhas parroquias veciñas. Nese tempo, destinaron a Bieito primeiro a Xixón e logo a Huelva; cada vez máis lonxe da súa querida Galiza, acabando por enfrontarse aos superiores e abandonando a congregación. Nese tempo, Xosé Carlos morreu dun infarto, e Manolo acabou cansando dunha praxe pastoral que non cadraba cos seus ideais, índose para súa casa.

Primeiro Manolo, no ano 2009, e logo Bieito, no 2012, volveron para a casa patrucial en Ferreirúa. Segundo propia confesión, as razóns de romper de distinta maneira coa súa congregación dos PP. Paúles foi por fondas diferencias con ela: na concepción da praxe pastoral e relixiosa, e na relación co compromiso co galego. Bieito mesmo chegou a romper completamente os vínculo institucionais coa congregación, chegando a pedir a secularización por un grave enfrontamento con ela. Actualmente seguen a vivir na parroquia ourensá; consecuentes coa súa opción rural, traballan no campo como calquera veciño e colaboran en cousas da Igrexa e outras actividades culturais cos veciños: acompañamento humano e espiritual, charlas, reunións, participación na Asociación de Veciños e no Patronato da Virxe da Costrea… Ademais seguen a reunirse co Movemento Rural Cristián Galego e co Foro de curas Bispo Araúxo.

Manolo, que xa case non pode ler, e Bieito seguen sendo tan profundamente relixiosos como galeguistas, xunguindo a súa oración diaria coa Biblia, co compromiso coa Terra e coa lingua galega. Non teñen nin conexión a internet, nin e-mail, nin whatsapp, por unha opción radical de compromiso co mundo rural, buscando o silencio e a paz dos vellos anacoretas.


UNHA APOSTA CONSECUENTE POR GALIZA E O GALEGO

A “conversión” ao galeguismo foi para Manolo en os Milagres; isto levouno mesmo a asumir a simbólica estética dos labregos na súa tradicional indumentaria, froito dunha sensibilidade que xa había no colexio dos Milagres. A de Bieito foi na oposición ao réxime franquista que se vivía na emigración. Eles contáronmo con naturalidade a mediados dos 90 para o meu libro citado; moi conscientes da opción que representaba e representa o galeguismo.

Nos Milagres dicían que éramos comunistas e separatistas porque falabamos galego. O único que fixemos foi tentar facer un colexio onde os rapaces puideran saír con clara conciencia da súa realidade galega e con ganas de loitar por ela; onde o idioma oficial fora o galego.

En Filgueira fixeron un proceso progresivo de galeguización na liturxia e no traballo pastoral, chegando a un compromiso sociopolítico claro cos labregos. Apoiaron aos movementos nacionalistas, particularmente a CC LL, pois para eles “era “a única saída que tiña o pobo, para que a xente discriminada puidera acadar os seus dereitos e a súa dignidade”. Manolo engadíame daquela:

Nunca tentei xustificar diante da xente a Misa en galego -di Manolo- porque entón era cando podía vir o conflito. Ademais, ter que xustificar que a Misa debe ser en galego é o mesmo que ter que xustificar que un neno lle debe querer ó seu pai.

Noutra ocasión –para o libro de D. López Muñoz, O Idioma da Igrexa en Galicia, Santiago– 1989 ten dito tamén:

Estou plenamente convencido, e véxoo, que á xente que se expresa falando galego fora e falando castelán na igrexa, Deus resúltalle unha persoa falsa; é como se fora algo moi superior (un señorito ou cacique, algo externo a eles)… Quero que a xente se exprese tal como é, para que se dea conta de que Deus non ten diferencias nin por razón da cultura, nin por razón da lingua, nin por razón do estamento social, senón que Deus quere o corazón da xente e que sexa sinxela e que se manifeste como é…

No meu compromiso coa xente actúa fundamentalmente o compromiso cristián. Eu teño moi claro que Xesús no seu tempo foi unha persoa totalmente comprometida coa xente, sobre todo coa máis desfavorecida. Unha das chatas máis grandes que hoxe ten a xente é a falta da súa identidade, o sentirse avergoñados de ser galegos e de falalo. Entón aí non pode haber persoa e ó non haber persoa non pode haber fe; porque a fe é algo que se acepta persoalmente, libremente, despois de buscar e descubrir. Unha persoa canto máis críti-ca sexa, máis persoa é…

A xente está na resistencia, todo o mundo é a pasar por riba deles, e Cristo veu liberar; unha das cousas máis fundamentais é que hai que recuperar a alegría de ser persoas… A fe non se pode expresar máis que a través do que a persoa é, algo que libera, que axuda a recuperar a propia identidade persoal.

O seu apoio público ao sindicato nacionalista (mobilizacións polos problemas dos caseiros, o leite, as cotas, etc.) ocasionoulles chamadas ao orde do bispo e incomprensións, ás veces dos mesmos labregos. Manolo chegou a presentarse nas listas do BNG nas terceiras eleccións democráticas; iso ocasionoulle as conseguintes censuras da autoridade. Tiveron unha boa relación con Moncho Valcarce (“un home fenome-nal e moi evanxélico –dime Manolo– que non lle gardaba xenreira a ninguén, pero que lles puña a bandeira galega ós nenos cando os bautizaba”) e, sobre todo, con Gumersindo Campaña, outro cura amigo de Valcarce, tamén com-prometido co mundo rural e co nazonalismo galego.

Manolo e Bieito sempre foron moi conscientes de que compre optar na vida. Eles fixérono polo seguimento de Xesús Cristo. Pero tamén saben que na mesma Igrexa hai dúas opcións ben diferentes –tal como me comenta Manolo–: “a burocrática e a do pobo”, “non hai posibilidade de poñerse no medio, ou optas por unha, ou falo pola outra”. Bieito dicía hai anos que, asumindo a marxinación que supón a opción pola segunda, un pode levar a cabo a súa misión sen demasiado conflito: pero nisto ultimo, cos anos souberon en carne propia que as cousas podían cambiar. “Tes que camiñar co pobo, aceptando tal como é, e vivindo a súa mesma esperanza, que vai ir acabando co sistema sinagogal”, dime Manolo.

Na imaxe que abre este artigo, Bieito e Manolo Peleteiro no 2016. Nesta fotografía, Manolo Peleteiro con Victorino Pérez e Xaquín Campo nunha reunión de curas do Foro Bispo Araúxo no 2010. Fotografías cedidas polo autor
Partillar

One thought on “OS IRMÁNS PELETEIRO: CURAS COMPROMETIDOS CO SEU POBO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *