O QUE LIMOS

Historias de neofalantes. A aventura de vivermos en galego


Manuel B. Dans
Eira Vella, 2017
Páxinas: 98 ISBN: 978-84-697-8812-7


Da man da Asociación Cultural Eira Vella, de Betanzos, Manuel B. Dans vén de publicar un ensaio de longa xestación e feliz factura. O autor, de Sada, conta cunha ampla traxectoria como activista cultural e ten publicado un bo número de artigos en xornais e revistas, entre as que se atopa Areal.

Desta volta, preséntanos un traballo conciso, ben construído, de lectura agradable, no que reflexiona acerca dunha realidade pouco traballada: a dos neofalantes, a das persoas que optan por mudar de lingua ao galego. Faino desde a óptica dunha perspectiva múltiple, tecendo puntos de vista e experiencias vividas das moitas persoas ás que entrevistou.


En tempos de regresión no uso da nosa lingua, de desleixo por parte das institucións, de proliferación de políticas e de discursos uniformizadores, agradécese a tarefa creadora de Manuel B. Dans achegándonos esta colectánea de historias que compoñen, ao cabo, unha historia única: a dunha lingua que, marxinada e estigmatizada, resistiu os séculos porque tiña raíz popular. E resiste hoxe polo afán inmenso das persoas que a aman.

Manuel Pérez Lorenzo
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *