O FIUNCHEDO. ORIXE E SINGULARIDADE DO CEMITERIO MUNICIPAL DE SADA

Manuel Pérez Lorenzo
Se existe un espazo representativo dunha comunidade humana en todas as súas dimen-sións, ese é o seu cemiterio. O lugar que garda aos nosos mortos cumpre, ademais do seu cometido utilitario, funcións simbólicas que se manifestan a través de expresións visuais. Alí danse cita as xeracións que nos precederon, revelando, cada unha, os trazos que singularizaron o seu tempo: a estrutura da sociedade, as crenzas, as relacións familiares, os gustos estéticos, as inquedanzas sociais e políticas… Só temos que indagar levemente na vida que se agocha detrás de cada nome de morto.

O cemiterio do Fiunchedo, o único que existe hoxe na parroquia de Santa María de Sada, ofrécenos múltiples posibilidades para afondarmos no noso pasado –e no noso presente– como comunidade. Dentro dos seus muros agóchanse grandes historias, verdadeiras epopeas, fitos heroicos e traxedias que estremecen. Pero tamén pequenos relatos, experiencias cotiás e sinxelas que, encadeadas, conforman a nosa identidade, a esencia do que somos.


“UN CAMPO DE BATALLA”

Ata hai pouco máis dun século, o camposanto de Sada estaba emprazado nun lugar diferente do actual. O costume de enterrar aos mortos no interior dos templos, común ata o século XVIII e persistente ata mediados do XIX, dera paso á aparición dos cemiterios nos adros das propias igrexas. Para iso foran necesarias múltiples disposicións lexislativas coas que se pretendía evitar as consecuencias que, para a hixiene e a saúde públicas, tiña a acumulación de cadáveres dentro dos lugares de culto
.
Foi así como naceu o cemiterio primitivo de Sada, abrazando a igrexa de Santa María, en Sada de Arriba. Naquel reducido espazo, non moito máis amplo que a nave do propio templo, convivían os enterramentos no chan con algúns pequenos panteóns de pedra. Era o xeito que tiñan as familias de extracción social máis alta de distinguírense máis alá da morte, ante a imposibilidade de facelo como viña sendo tradi-cional: en función da súa situación no interior da igrexa, máis próxima ao altar ou mesmo con capela propia, como a que posuían os Oreiro.

O cemiterio do Fiunchedo no ano 1916, ao pouco de ser construído. No extremo da esquerda, a igrexa parroquial de Santa María de Sada. Na imaxe superior, un dos panteóns do desaparecido cemiterio vello, acaroado á igrexa, pouco antes do derrubo total do templo. Arquivo do BNG de Sada                                                                                                                                                                     
                      Detalle da imxe anterior. Cedida por Memoria de Sada



Desde finais do século XIX comeza a sentirse a necesidade imperante de dotar á parroquia dun novo cemiterio. A freguesía de Sada experimentara un crecemento demográfico notable. Dos preto de 1300 habitantes rexistrados a mediados do século XVIII, medrara ata os 2098 no ano 1836, acadando os 3900 en torno a 1920. A escaseza de espazo rematara por xerar unha verdadeira alarma social na veciñanza, ao non se poder efectuar os enterramentos coa requirida dignidade. Xa no ano 1892 transmitía a prensa os laios dos fregueses, indignados ante o feito de que non se lles permita “fijar una lápida, una cruz, ni señal alguna que indique a los vivos el lugar que ocupan los restos de seres que han dejado de existir”. Porén, máis grave aínda era a situación de insalubridade que se estaba a xerar:

al abrirse las sepulturas se encuentran restos humanos recién enterrados y en los comienzos de la descomposición, produciéndose con este motivo a cada nuevo sepelio un olor nauseabundo que perjudica sin duda algunas las condiciones sanitarias de la villa.
[…] Sobre una sepultura es indispensable hacer otra inmediatamente sin el intervalo de tiempo suficiente para que la descomposición y destrucción de los cadáveres sea total.
Ya al practicarse el sepelio los sepultureros hacen las excavaciones hondas para que no salgan a la superficie, con la tierra removida, restos de seres recién enterrados.
Después apisonan sobre el féretro la tierra con gran fuerza, a fin de que quede espacio en cada sepultura para más de un cadáver, dando esto ocasión a protestas del vecindario, que no puede contemplar sin gran dolor que se destruyan en el primer momento por los sepultureros, las cajas mortuorias.

Remataba o xornalista a súa crónica instando ao Concello de Sada a dar solución ao problema coa construción dun cemiterio novo, “de tan urgente necesidad para aquel vecindario como pudieran serlo el agua para los sedientos y la alimentación para quien padece hambre”. Non obstante, a actuación dos munícipes non se caracterizaría pola eficacia. Ante a imposibilidade de asumir a obra, instarían á Deputación Provincial a que asumise o custo, mais o certo é que no ano 1904 o problema persistía, agravándose a cada paso. Desta volta, a prensa dirixíase ao ente provincial para, non sen certa retranca, reclamar a súa intervención:

Anímense por esta vez los señores diputados, que por una subvención más no se ha de arruinar la provincia, y si se aprueba el proyecto de la administración local, cementerio y no pequeño será el que se necesite para enterrar todas las costumbres y todas las ambiciones que han de morir el el Palacio del Riego de Agua.

Un ano máis tarde, as cartas que chegaban desde Sada á redacción de La Voz de Galicia reproducían os argumentos de 1892. O camposanto, lugar de paso obrigado para a asistencia aos cultos, amosaba unha imaxe cada vez máis arrepiante: “lejos de parecer aquel recinto un cementerio, se asemeja a un campo de batalla en que los cadáveres de los combatientes permanecen insepultos días y más días”. Porén, aínda habería que agardar algún tempo para ver satisfeita esta vella aspiración da veciñanza.


A NOVA “PIADOSA MANSIÓN DE LOS MUERTOS”

Era no ano 1909 cando, por fin, se materializaba a demanda dunha nova necrópole. O recinto funerario debía cumprir unhas condicións básicas. Por unha banda, cumpría que fose amplo e que, de cara ao futuro, quedase aberta a posibilidade de incrementar a súa superficie. Ademais, debía estar suficientemente afastado do núcleo urbano e, ao tempo, non demasiado lonxe da igrexa parroquial. O lugar do Fiun-chedo, escollido polo Concello, cumpría con todos eses requisitos. O ente municipal chegaba a un acordo coa Deputación para que esta sufragase o 75% dos gastos e a familia Pita Quintas cedía unha finca da súa propiedade.

As obras comezaran no ano 1908, baixo a dirección do arquitecto provincial Julio Galán Carvajal, un dos principais expoñentes do modernismo coruñés. Serán adxudicadas ao contratista de Sada Manuel Louzán Rodríguez, que se encargará de executalas. En decembro eran inspeccionadas por Galán e polos irmáns Francisco e César Sánchez Díaz, figuras ambas do liberalismo en Betanzos que gozaban de gran influencia na política local de Sada. De feito, a visita era aproveitada para render tributo a ambos, ao primeiro en calidade de Deputado provincial. Naquela ocasión, os presentes manifestábanse compracidos “por las inmejora-bles condiciones higiénicas, amplitud y severidad religiosa de esta necrópolis local”.

Un mes máis tarde, o 10 de xaneiro de 1909, tiña lugar a tan devecida inauguración do cemiterio. Unha “imponente muchedumbre” acudía ao Fiunchedo “con público regocijo y notoria satisfacción”. Non era para menos. Aquel día púñase fin a unha necesidade imperiosa. Bendicíase o “sagrado recinto que ha de ser en lo sucesivo la piadosa mansión de los muertos”.

A partir daquel momento, conforme os vivos deixaban de selo, comezábase a conformar, paseniñamente, ese recinto para os defuntos que chega ata os nosos días. Dentro dos seus muros, abertos a través dun portón de forxa coroado de pináculos, organizábanse diferentes espazos: catro grandes áreas de sepulturas en terra e unha máis cativa para o cemiterio infantil, dúas ringleiras de nichos -na zona máis alta e á dereita da entrada- ás que se irían engadindo moitas outras e, recibindo aos visitantes, tres fermosos panteóns familiares. Esta primeira disposición das tumbas respondía xa a unha vontade de distinción social alén da morte: os nichos e, sobre todo, os panteóns eran, daquela, patrimonio dos máis podentes. As tumbas verticais tardarían décadas en xeneralizarse.


Por outra parte, a medida que o cemiterio ía acollendo aos seus novos inquilinos, íase revestindo de ornamentos que expresaban as afinidades estéticas de cada tempo. Neses primeiros tempos –anos 10, 20, 30– predominarán as ten-dencias historicistas, baseadas na arquitectura clásica, románica e, sobre todo, gótica, consideradas daquela as máis apropiadas para a arquitectura funeraria e relixiosa polo seu carácter solemne. Estes estilos quedan reflectidos con particular intensidade nos tres panteóns, nos que se combinan os chapiteis corintios e as acróteras con arcos oxivais, vidreiras e pináculos.



OS HABITANTES DO FIUNCHEDO

Malia non ser obxecto deste artigo, o que realmente lle daría sentido a cemiterio do Fiunchedo, o que o singulariza e o vincula coa comunidade humana que o erixiu, son as persoas que o habitan como último destino. Noutra ocasión teremos tempo e espazo para trazar un percorrido por aquelas sepulturas que, por algún motivo, nos levan a reparar nas historias de vida -ou de morte- que agochan. Tumbas como as que gardan os restos do xornalista e político galeguista Ramón Suárez Picallo, morto no exilio en 1964 e trasladado a Sada en 2008, cumprindo a súa vontade. Tamén as de varios veciños que foron vítimas da violencia desatada polos sublevados a partir de 1936: o último alcalde da II República, Antonio Fernández Pita, o dirixente galeguista, dinamizador cultural e activista agrario Xohán Antón Suárez Picallo, ou o anarquista José Monzo Ríos.

O Fiunchedo garda, así mesmo, os restos do fotógrafo Francisco Varela Posse, os dos xornalistas Manuel L. Freire-Calvelo, que tantos parágrafos dedicou á nosa vila, e Ezequiel Rocha Llobregat, ou os da maior parte dos alcaldes que, no século XX, rexeron os destinos do municipio. Son moitas as inscricións que nos falan do mar, as que reproducen apelidos que deron nome a barcos, os das familias armadoras –Monzo, Blanco, García…–; e hai, igualmente, vestixios dun elemento que marcou o noso pasado e modela o noso presente: a emigración, perceptible, por exemplo, na lápida agasallada ao mestre José María Golán polos seus alumnos residentes en Nova York no ano 1929. Emigración e exilio tamén ligados ao Fiunchedo en forma de ausencias: as de tantas persoas que, océano de por medio, degoiraron poder dar cos seus ósos entre estas paredes brancas e nunca puideron regresar.

Dese espazo de mortos que é o cemiterio municipal de Sada, esa morada última á que estamos chamados, enxalzaba Isaac Díaz Pardo a beleza do emprazamento nun artigo do ano 1965. Medio século despois, maltratado por unha presión urbanística que non respectou aos vivos nin aos mortos, e que rematou tamén por borrar para sempre os restos do cemiterio vello, preferimos recrearnos na visión evocadora e poética do creador xenial de Cerámicas do Castro:

O Fiunchedo chámaselle ó osedo, ó Camposanto, de Sada. Fica na metade do camiño entre Sada e Pazos, ó pé da Eirexa parroquial, orientado ó norde nunha outa terraza asomada sobor da ría, un balcón dende o que se contempla unha das paisaxes máis fermosas do mundo. Ten a carón na outra banda da ría o Bréamo, monte que emerxe da agua con forma de seo de rapaza, e que ó seu pé dorme Pontedeume. Tamén se ve o Ferrol, a ponta Coitelada, Perbes, Miño, Ponte do Porco, o Pedrido, Corbeiroa e Sada, e ó fondo os montes da Capelada e as estribacións das serras de Moncouso. Din as lendas, que nas noites de ardora os mortos non poden resistir a tentación e asómanse ó balcón do Fiunchedo e se pasman ollando como as ondas do mar arden cando morren no arcón de Bañobre, catando a espranza de que a morte é unha continuazón da vida cando dela se desprende tanta luz. E algún morto se rube a un albre pra ver se aínda arde o lume no seu fogar de Fontán.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *