MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
Como vén sendo habitual, no mes de abril, preséntase na Terraza o número 16 da revista Areal. Manuel Pérez Lorenzo, coordinador da mesma, comenta os seus contidos, incidindo na incorporación de novas persoas á nómina de autoras e autores que colaboran connosco. A parte lúdica corre a cargo da agrupación musical Nova Troula. No acto, que ten lugar o día 13, conmemórase o 10º aniversario da nosa asociación.

A homenaxe ás vítimas da represión franquista celébrase, como cada ano, o 14 de abril no paseo marítimo, coa lectura de textos, a ofrenda floral e o noso himno como remate.

Arriba: presentación do nº 16 de Areal e ofrenda floral ás vítimas da represión franquista en Sada

Arte + Muller + Galicia é o título do audiovisual que presenta a súa autora Rosario Sarmiento, coa fotografía de Xurxo Lobato, nun acto que organizamos xunto coa Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Sada. Este proxecto foi seleccionado no 1º Concurso Luísa Villalta e ten como obxectivo poñer voz ás artistas galegas que durante moitos anos foron inexistentes para a historia.

O 11 de maio presentamos na OMIX Historias de neofalantes. A aventura de vivermos en galego, o interesante ensaio do que é autor o sadense Manuel Blanco Dans, secretario da nosa entidade. Editada pola Asociación Eira Vella, de Betanzos, a través de 37 entrevistas a neofalantes indaga nas razóns que levan a esas persoas a cambiar de lingua.

Ao día seguinte ten lugar na Terraza un acto promovido por Nova Troula e coorganizado pola nosa asociación e pola concellería de Promoción Económica como preámbulo ao Día da Troula. Baixo o título Abrindo camiño. Homenaxe ás agrupacións dedicadas á recuperación musical en Sada nos anos 20 e 30, interveñen o concelleiro Liss Becerra e Manuel Pérez Lorenzo, cunha charla acerca da cuestión que dá nome ao acto. Por último, actúa  Nova Troula e procédese a colocar no paseo marítimo unha placa co texto seguinte:

En lembranza das persoas de Sada que, nos anos 20 e 30, decidiron unirse na empresa común de preservar e difundir a música tradi-cional de Galicia
“Os pobos que teñen, como Galicia, unha sen-sibilidade lírica tradicional que lle dá a súa paisaxe, o seu clima e a inxel humanidade das súas xentes, exprésano así, en música e en cántigas”
Ramón Suárez Picallo
(Sada, 1894-Buenos Aires, 1964)

Actuación de Nova Troula no acto de homenaxe ás agrupacións dedicadas á recuperación da música tradicional en Sada
O 24 de maio varios membros da directiva asisten como convidados ao XXV aniversario da Asociación Cultural Eira Vella, en Betanzos.

O 8 de xuño e na Terraza presentamos un Caderno de Estudos Xerais sobre Filomena Dato, coa intervención do seu autor, Xesús Torres, Paco Pita e a concelleira de Benestar e Igualdade, Isabel Reimúndez. Asisten familiares da poeta falecida en Moruxo.

Tamén en xuño, o 29, ten lugar a presentación en Sada de Sermos. O Diario Galego. O noso compañeiro Manuel Pérez Lorenzo, historiador, fala acerca dos xornalistas e do xornalismo local en Sada desde o século XIX e Xurxo Souto, membro do consello de administración de Sermos Galiza, aborda o proxecto de edición deste xornal en galego e convida ás persoas interesadas a apoiar a iniciativa.

Presentación do caderno dedicado a Filomena Dato e de Sermos. O Diario Galego
O 11 de agosto, no monumento ás vítimas da represión franquista e promovido polo compañeiro Amable Carballeira, ten lugar un acto de homenaxe a tres sadenses que foron asasinados tal día coma ese no ano 1936: Antonio Carballeira, Manuel Prego e Xohán Antón Suárez Picallo.
Homenaxe a X. A. Suárez Picallo, A. Carballeira e M. Prego


A maioría dos actos deste semestre non se levan a cabo no lugar habitual (Capela de San Roque), por estarse realizando obras de mellora que a manteñen pechada.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *