MÉDICOS NAS TRINCHEIRAS FRANQUISTAS, POR OBRIGA OU POR DEVOCIÓN

Xosé A. Fraga
Co alzamento militar do 18 de xullo de 1936 iniciouse unha cruenta guerra, un enfrontamento bélico que demandou a contribución dun amplo continxente de persoal sanitario para atender aos feridos nas diferentes frontes. En Galicia, en mans dos sublevados, sucedéronse os chamamentos das autoridades golpistas aos profesionais para a súa incorporación nas unidades sanitarias. Así, en Santiago, lugar singular pola relevante presenza da Facultade de Medicina, no mesmo mes de xullo de 1936 o médico falanxista Manuel López Sendón (1909-1985) convocou a colegas co obxectivo de que ofreceran os seus servizos á Junta fascista de Burgos. Nesa reunión, Lorenzo Gironés Navarro (1902-1955), catedrático de Patoloxía Xeral da universidade, enfrontouse a López Sendón. Iso ocasionaríalle numerosos problemas, pois o colega falanxista insistiría nas denuncias e o faría desde unha evidente posición de poder, xa que sería nomeado o 30 de xuño de 1938 subxefe provincial da Coruña de Falanxe, sendo xefe provincial en 1940.

As cousas complicáronse para Gironés, abríuselle unha causa, polo que decidiu ofrecer o 1 de agosto os seus servizos ás autoridades militares na Coruña e montou un equipo de transfusión de sangue co que marchou á fronte de Asturias co seu auxiliar Pintos Pérez. Alí relacionouse xeneral Aranda, gobernador militar de Asturias, do que foi o seu médico persoal e quen o protexeu. Gironés sentíase acosado por certos sectores conservadores composteláns, ao remate da guerra abríuselle un novo proceso de depuración, foise para Zaragoza e Barcelona e rematou vivindo, e morrendo, en Nicaragua.

O catedrático tivo no conflito armado destino en diversas frontes da guerra e no ano 1938 coordinou un interesante e pouco coñecido libro, Cuestiones Médico-Quirúrgicas de guerra, do que escribiu, asemade, un artigo sobre transfusión de sangue e o limiar desde Cosa, provincia de Teruel, no Cuartel Xeral do Corpo de Exército de Galicia. O texto foi dedicado ao xeneral Aranda, un feito significativo, pola relación de Gironés e porque a publicación do libro servía como expresión do compromiso cos sublevados, un xeito, para algúns dos médicos, de protexerse fronte as persecucións en marcha. A nómina de autores inclúe a salientábeis profesionais con diversas orientacións ideolóxicas, como Fernando Alsina, Ramón Baltar, Juan José Barcia Goyanes, Francisco García Villar, Miguel Parrilla, José Puente Castro, Antonio Sierra, etc.

Juan José Barcia Goyanes (1901-2003), que escribiu sobre “Heridas del cráneo y raquis. Lesiones del sistema nervioso periférico” era dos que se identificaba cos fascistas. Barcia, hoxe en proceso de beatificación, foi nomeado en xaneiro de 1937 xefe do Equipo Cirúrxico do Hospital Militar de San Caetano (Santiago), ata o 22 de febreiro, data na que acadou o nomeamento de director do Hospital Militar de Labaca, en A Coruña. En agosto de 1938 ocupou a secretaría provincial de Falanxe e o 29 de setembro a presidencia da Deputación, cargo no que estará ata o fin da Guerra, simultaneándoo coa súa asistencia ao Hospital.


Amigo de Barcia porén de orientación ideolóxica ben diferente era o médico Ramón Baltar Domínguez (1902-1981), quen, recen licenciado empezara a traballar como cirurxián no sanatorio familiar e, en 1928, gañou a oposición á praza de médico axudante da Beneficencia provincial. Na guerra foi nomeado «capitán médico asimilado» e en decembro de 1936 pasou a formar parte da comisión encargada de organizar os servizos hospitalarios de cirurxía de guerra en Santiago, onde, desde xaneiro de 1937, exerceu a xefatura dun servizo de cirurxía de 150 camas no Hospital Militar de San Caetano. Mobilizado como xefe de equipo cirúrxico, estivo  destinado na fronte de Asturias e Aragón, dentro do 8º Cuerpo de Ejército de Galicia, retornando despois ao hospital de San Caetano.

Os médicos Ramón Baltar (esquerda) e Juan José Barcia Goyanes (dereita)

http://culturagalega.gal/albumdaciencia / https://es.m.wikipedia.org/wiki/Archivo:Doctor_Barcia_Goyanes.jpg


No libro comentado, o experimentado cirurxián escribiu un amplo e interesante artigo sobre “Fisiopatología, clínica y tratamiento delas heridas recientes de guerra”. Nel incluíu debuxos e fotos das feridas e describiu os efectos xerais das lesións nos tecidos e os fenómenos que acontecen a nivel celular. Analizou as feridas producidas por pequenos proxectís de arma de fogo, arma branca e grandes proxectís explosivos. Asemade, tratou sobre as manifestacións clínicas inmediatas das feridas, síntomas, dor, hemorraxia e shock e as infeccións provocadas. Rematou falando dos primeiros momentos da asistencia aos feridos de guerra, curas de urxencia en postos de socorro avanzado e primeira cura no hospital de sangue.


En 1932 Baltar obtivera por oposición a praza de profesor axudante de Anatomía e Patoloxía Cirúrxica e de auxiliar de Cirurxía na Facultade de Medicina de Santiago. Un mes despois do golpe de Estado de 1936, foi suspendido cautelarmente de emprego e soldo na facultade pola autoridade militar-gobernativa, como lle acontecería ao seu irmán Antonio. A esa medida «preventiva» inicial seguiu o sometemento ao proceso de «depuración» do profesorado que o bando fascista aplicou co fin de revisar o perfil ideolóxico dos docentes e asegurarse a lealdade ao novo Réxime. Nese sentido, o decreto 66 de 8 novembro de 1936, publicado no BOE o 11 de novembro, creou comisións encargadas do tema. Os membros delas eran designados polo presidente da Junta Técnica del Estado a proposta da Comisión de Cultura y Enseñanza, que presidía José María Pemán, que nunha circular de 7 de decembro concretaba o procedemento. As comisións debían elaborar un informe sobre os profesores «depurados», co prego de cargos e defensa do inculpado, tomando a decisión final a Comisión de Cultura y Enseñanza.



A Comisión depuradora abriu expediente sancionador a varios profesores da Facultade de Medicina e foron sancionados Villar Iglesias, Novo Campelo e Ramón Baltar. Rematados os expedientes, a Novo e Villar fóronlle eliminadas as sancións, non así a Ramón Baltar. E por Real Orde de 3 agosto de 1939 sería sancionado con inhabilitación perpetua para o exercicio de cargos directivos e de confianza. Asemade, Ramón tamén sufriu a depuración da Deputación provincial, entidade administrativa da que dependía como médico da Beneficencia provincial. E no proceso represor non faltou o Consello de colexios médicos; este ente, supostamente profesional, desenvolveu un expediente sancionador en base á Orde de 6 de outubro de 1939.


Todo o labor persecutorio comentado supuxo obvios trastornos para Ramón Baltar e a súa familia, pero cando volveu da fronte e rematou a guerra continuou coa súa actividade profesional no hospital provincial, no Sanatorio Baltar e na Facultade de Medicina. Mais o que non obtiveran as autoridades franquistas, retiralo das aulas universitarias, foi quen de acadalo o decano da facultade, Antonio Novo Campelo. En 1945 Novo decidiu fixarlle un horario que ocupaba as horas da metade da mañá, algo que, como ben debía saber, impediría a Ramón desenvolver a súa consulta privada.


O seu irmán Antonio (1906-1970), tamén profesor da Universidade compostelá e demócrata, fuxira cara Arxentina en decembro de 1936. No proceso contou, entre outros, coa axuda do médico Carlos Colmeiro Laforet (1906-1988). A Colmeiro detivérono en abril de 1936 polas actividades conspirativas e violentas desenvolvidas e proxectadas pola Falanxe galega, e despois de saír da cadea foi nomeado, en novembro de 1936, Xefe da Falanxe na provincia da Coruña. Colmeiro, ademais de fascista era un excelente médico e coñecía a Ramón e Antonio Baltar, con quen coincidiu na Facultade de Medicina e cos que compartía especialización en cirurxía e xinecoloxía.


Antonio instalouse no exilio arxentino, do que formaban parte o seu parente Ramón Rey Baltar e persoas como Ramón Suárez Picallo, un dos que da nome á asociación que publica esta revista. En 1953 tivo lugar a inauguración do Sanatorio de Centro Gallego de Bos Aires, evento para o que convidaron a Ramón. A circunstancia deu lugar a unha experiencia singular, pois os dous irmáns Baltar operaron xuntos, algo que non o facían desde os anos trinta no sanatorio do pai, en completa sintonía técnica, como se non pasaran os anos.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *