GALIZA NO DEVALO

Manuel Lugrís Rodríguez
Os recentes acontecementos políticos a nivel estatal, son unha vez máis, idéntica cantarea histórica para o que se refire, e o que toca, ao noso pais: a escureza, practicamente absoluta, de Galiza na intención, no discurso e, tamén, nas propostas. Todos os grupos parlamentares españois, incluídos aqueles que din asumir a defensa da nosa nación na cámara representativa dos cidadáns, (aos que por certo negáronlles a constitución de grupo propio en contraposi-ción a outros “regionales”, coa aparente avinza dos seus mentores ), omitiron, non xa o noso nome xeográfico, senón a mais mínima referencia ós problemas e necesidades básicas que nos atinxen tanto políticas, como económicas ou sociais. 

Así pois esa escureza, ficou convertida, máis ben, nunha tebra alobre, avesía e tan sombriza como as almas daqueles validos que moi ben reflexara don Ramón Cabanillas nos seus patentes versos do “En pé” manifestatorio, actualizados ás falsías recorrentes dos redentoriños de hoxe.

Nada muda para nos. A súa “comunidade autónoma”, ou mais ben Autómata, e dicir que se move e actúa secuencialmente con instrucións establecidas por unha programación que se chama Goberno Central, continua a carecer de poder real de decisión. Só as “transferencias” que discrecionalmente conceda ese Goberno segundo os seus propios intereses e, por riba de todo, polos mesmos intereses que considere politicamente de proveito para as súas argalladas interterritoriais, serán os tidos en conta. E aquí saímos tamén tosquiados. Madrid sempre nos considerou como terrichola secundaria, como aquela finca improdutiva na que, por riba de máis, habemos de gastar en tarabelas ou andavías para protexer os escasos provisos que frutifican nela. Hai comunidades favoritas e outras non. E todos sabemos cales son unhas e outras. Cousa de votos, pero, non soamente cousa de votos. Trátase, tamén, de elementos de identificación tanxible que actúan coma garantes dun trasnoitado patriotismo unívoco. Vamos, como moi ben se moqueara Berlanga no “Bienvenido Mr. Marshall” enchendo de batas de cola, faralaes e sombreiros cordobeses un tranquilo e honrado pobo da meseta castelá. O resultado de tal favorecer é ben coñecido: prolífica rede de estradas, xeneroso subsidio agrario para unha virtual peonaxe de lealdade municipal ó partido, tren de alta velocidade, polo menos vinte e cinco anos antes que o noso “cansavaquiñas”, contratos navais que se detraen de Ferrol para levalos a outros estaleiros, portos exteriores que se financian polo Estado mentres os nosos debemos pagalos mesmo coa entrega do noso patrimonio, etc. Namentres, Galiza está abandonada á súa sorte: a autoestrada AP9 segue sen ser rescatada, a tarifa eléctrica propia é unha utopía, o noso campo languidece aínda nos anellos apeiros, aveños, espiochas e trebellos e baixo a vellez dos últimos labregos a pesares dunha livián ilusión de retorno de xoves ó agro a cabalo de axudas económicas, o tecido empresarial faise cada vez mais feble coa absorción de empresas punteiras e a fuxida doutras o que supón unha permanente merma fiscal que fai cada vez mais difícil un concerto económico propio, a destrución sistemática do sistema sanitario por mor dos recortes; e tantos e tantos problemas que acumúlanse cada dia que pasa e, sobre todo, a traxedia demográfica que leva implícita, se non se estrutura unha solución xa; á vagarosa desaparición, cara ó futuro, do noso país, como pobo e como cultura de séculos.

E, que fan os responsables políticos da Terriña? Que fan os redentores da Patria que evocaron o seu nome, coma heraldos dos outros salvadores centrocampistas de revellida amoura? Si, que fan uns e outros? Cobrar a fin de mes a soldada da vergoña. E namentres, como dicía a voz do poeta cantor, xogando á democracia da que, aínda por riba, rúfanse de seren eles os verdadeiros valedores, os depositarios da vontade popular, baixo a advocación da súa apostasía defectiva. Palabras, palabras, palabras. Que ben poderían seren manifestadas a un rapaz que rúa e rúa, sen “enchufe ou recomendación” na procura dun traballiño precario, moi precario, pero sen atopalo nunca, tras a clásica enfiada: “Xa nos poremos en contacto…”. Ou, asemade, a dun ancián no seu curruncho contreito nos pouco máis de trescentos euros dunha vida comesta polo tempo, ao obreiro despedido por un ERE inxusto, ao enfermo agardando horas na urxencia hospitalaria con escaso persoal, e a moitos e moitos que tiveron que emigrar deste edén que a súa televisión pinta, todos os días, de polbo, queixo e verbena permanente, de risadas e alegría infinda que non é máis que o sinistro graffiti caricaturesco da inmensa traxedia que agocha un pobo aterecido pola impotencia do engano remanescente e da mentira ideolóxica coma verdade única. Porque non hai meirande calote a un pobo que timar a súa boa vontade nos anceios lóxicos desa satisfacción fugaz que oculta o profundo do drama de cada quen, desexo que decote aproveitan os renartes profesionais da maquinación social para colonizar as mentes e as arelas. Así, un pobo rendido, pero que aínda garda no seu interior a lumieira de esperanza de que algún día todo cambie para sermos un país como outros, un país con faciana de seu representativa no mundo, coa cabeza ergueita e dono das súas decisións, até o punto en que isto é posible dentro do noso contexto europeo; pero tal e como é para os demais pobos deste legado histórico do que formamos parte fundamental e indubidable.

Entón, cal é o primeiro chanzo, a dar, deste camiño? A toma de conciencia do pobo galego. Entender que se fai preciso apostar polos medios propios de intervención pública de que este pais está dotado desde hai anos. Medios sindicais, da cultura, asociativos e tamén políticos. Relembrar o ideario das Irmandades que apostaban por cubrir todo o espazo da vida galega, baixo a gradual concienciación identitaria do referente nacional como vieiro de acadar o autogoberno e a soberanía que xa expuxera, na súa proclama de constitución para a Xunta Provisional de Goberno de Galicia cento seten-ta e tantos anos atrás, Antolín Faraldo, e que se foi artellando no Provincialismo, Rexionalismo e máis tarde no Nacionalismo da man do Partido Galeguista e dos órganos do exilio que mantiveron viva a esperanza patriótica nun proceso difícil e, moitas veces, incomprendido. No fervedoiro político da chamada “Transición” tivo a política galega, o seu cume de meirande auxe nos primeiros anos do século XXI, co cogoberno da Xunta e o acado dun municipalismo urbano que puido ser o eixo principal dunha nova era hexemónica para o nacionalismo. Pero a defección dun amplo sector, aliado cos populistas españois, deu ó traste con ese alento de esperanza positiva co que soñaban os bos e xenerosos desta Terra. E agora cómpre recomezar a andaina, nunca rematada, do noso proceso de construción nacional, até chegar a ese bo porto que vemos na lontanía. Moitos son os dilemas que haberá de enfrontar este país, pero nunca para desviármonos do carreiro, do traxecto principal. Nin formas de Estado, nin emprazamentos políticos, nin nada que sexa secundario e que serva para outros intereses. Como final recordando a frase de Cambó, sobre a preferencia de monarquía ou república, hoxe deixo aquí esta mesma cuestión, e a de dereitas ou esquerdas: Galiza. Simplemente e coma compendio esquemático do noso único ideario.

Fotograma do filme Bienvenido Mr. Marshalll.  www.assets.mubi.com
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *