GALEGOS DA EMIGRACÓN ESQUECIDOS. GUMERSINDO SÁNCHEZ GUISANDE: UNHA VIDA DEDICADA AOS OUTROS E A GALICIA
José Martínez-Romero Gandos

Nesta sección de Areal, Galegos da Emigración Esquecidos, escribirei máis adiante sobre algún deles. Pola relevancia que tivo a súa actividade na República Arxentina é case que unha obriga comezar por Gumersindo Sánchez Guisande.
Nace Gumersindo Sánchez Guisande en Santiago de Compostela o 2 de agosto de 1892 e morre en Buenos Aires en 1976. Chega a Buenos Aires fuxindo do franquismo no 1936 logo de refuxiarse en Santiago de Compostela, pasará a Vilagarcía de Arousa e pouco tempo máis tarde embarca vía Lisboa para o alén-mar.

Gumersindo Sánchez Guisande e familia. Fotografía cedida polo autor
Home de pouca fala, serio mais sempre atento ás necesidades dos seus pacientes, amigos ou alumnos, tiña moitísimos coñecementos de medicina e culturais. Dicían os seus alumnos que as súas clases de Neuroanatomía eran maxistrais. Exerceu en Mendoza, onde fundou un Sanatorio xunto a Antonio Baltar Domínguez e tamén en Buenos Aires (Arxentina) onde foi Director Médico do Centro Galego. Íntimo amigo de Castelao, foi un dos médicos que o atendeu, estando presente cando faleceu. El e mailo seu fillo Wenceslao embalsamaron o cadáver do noso Guieiro.
Participou nos faladoiros do Café Tortoni e estivo presente nos actos organizados polas colectividades galegas; nalgún como representante do Goberno republicano no exilio. Home polifacético e intelectual brillante non limitou a súa existencia ao exercicio da medicina. Pronunciou conferencias, publicou traballos científicos e sociolóxicos e organizou cursos. Mesmo patentou inventos como o biberón. Foi médico, profesor universitario, político galeguista comprometido tanto na Terra como no exilio, escritor e músico.

Gumersindo Sánchez Guisande xa escribía poesía nos seus tempos de estudante ou de noivado con Elisa Fernández de la Vega en Santiago de Compostela.
Gustáballe moito a música. No exilio estudou composición e tocaba o piano, a ocarina, a guitarra e, por suposto, a gaita galega, compoñendo máis tarde unha muiñeira e un valse galego. O seu interese pola música levouno a ter amizade con Manuel de Falla.
A súa preocupación solidaria cos desfavorecidos, xa manifestada denantes o seu exilio, leva a Gumersindo Sánchez Guisande, xunto a un grupo de galegos residentes no alén-mar, a fundar o Fogar Galego para Anciáns (Hogar Gallego para Ancianos, seu nome oficial) o 29 de xuño de 1943. Establecen unha residencia provisoria mercando unha casa na localidade bonaerense de Domselaar. Non podemos deixar sen nomear a todos os que tiveron participación nunha iniciativa tan importante pola súa contribución. Son eles: Horacio Bermúdez Abente, Miguel Portela, Luís Seoane, Arturo Cuadrado, os irmáns Jaime e Jacobo André, Antonio Baltar, Manuel Roel, Domingo Maza, Bernardo González Rey, Sergio Riveiro, Santiago González, Manuel Peón, Antonio Carballo, Francisco Blanco e Miguel Salgués e, certamente, Gumersindo Sánchez Guisande.
Esta Institución, importante para amosar a solidariedade dos galegos emigrados e a protección da ancianidade continúa aínda hoxe en actividade nunha residencia de 4.500 m2. E unha finca de 35 hectáreas de árbores, horta e xardíns.
Un dato importante, poucas veces citado quizais por influencia da época franquista, é que xunto a Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Elpidio Villaverde ou Eduardo Blanco Amor fundan a Loxia Antolín Faraldo, asemblea masónica responsable do pulo e creación de editoriais e unha chea de iniciativas culturais.
Subliñar que a súa participación política era intensa. Na Arxentina formou parte do movemento galeguista e republicano do exilio e foi un dos oradores na multitudinaria homenaxe que se tributou en 1944, no Prince Georges Hall de Buenos Aires, a Castelao pola publicación do Sempre en Galiza. Dicíamos máis arriba que Sánchez Guisande dirixiu o tratamento da enfermidade que acabaría coa vida de Castelao, sendo o encargado de embalsamar o seu corpo e de realizar o panexírico necrolóxico no cemiterio da Chacarita por encargo do Goberno da República no exilio. Salientar, por último, a súa colaboración na revista Alma Gallega, de Montevideo.
Durante a década de 1950, Sánchez Guisande recibiu a través do seu irmán José (por entón maxistrado do Tribunal Supremo) o ofrecemento para volver á súa cátedra en España, oferta que declinou. En 1970, o claustro da Universidade de Zaragoza acordou colocar na galería dos decanos da Facultade de Medicina o seu retrato, o único que faltaba por motivos políticos. En 1998, o Concello de Santiago colocou na casa onde nacera, na Avenida de Raxoi, unha placa como homenaxe.
E nós deixamos aquí a nosa homenaxe, o noso relembro dun home de ben, solidario e galeguista sen esquecer o seu camiñar seguro e forte polos corredores do Centro Galego de Buenos Aires onde todos os seus pacientes ou achegados tiñan necesidade de saudalo e agradecer moitas veces a súa actuación profesional.