FILOMENA DATO, A POETA DAS MARIÑAS. UN CADERNO PARA COÑECELA

Xesús Torres Regueiro
Hai moitos anos publiquei unha serie sobre “Escritores das Mariñas”, entre eles tres sadenses (Lugrís Freire, Ramón Suárez Picallo e Ricardo Flores). Pensaba incluír a Filomena Dato, mais a serie suspendeuse e non houbo ocasión.

Cando o amigo Pita me comentou que a asociación Irmáns Suárez Picallo quería dedicarlle un Caderno de Estudos a Filomena, eu ofrecinme a facelo e froito da confianza en min do seu presidente é este traballo.

Subtituleino “A poeta das Mariñas” porque aquí residiu boa parte da súa vida, na aldea de Moruxo, e aquí morreu e foi enterrada en 1926. En Moruxo pasou tempadas coa súa irmá Aurelia, que casara co dono do pazo do Curro, e á morte destes conviviu alí coas súas sobriñas, ela que nunca casou nin formou familia propia. En Moruxo escribiu e datou poemas xa en 1887, pouco despois da voda da súa irmá.

Mais si é a “poeta das Mariñas”, terra que amou e cantou como propia, tamén é a poeta de Ourense, cidade onde naceu o 26 de febreiro de 1856 (e non o 6 como erroneamente aparece no texto, corrixido a man) nunha familia formada por un militar, José Dato, que procedía de Murcia e veu a Galicia por destino profesional, e Juana Muruais, con raíces en Ferrol.

En Ourense comezou Filomena a súa afección literaria á beira do poeta e xornalista cego Valentín Lamas Carvajal, fundador do célebre O Tío Marcos da Portela, o primeiro xornal integramente en galego, e dunha pléiade de escritores que conformaban unha das cidades galegas con maior actividade cultural naquel tempo.

Na cidade das Burgas consagrouse como poeta en galego e defensora da muller no certame literario de 1887 –un dos moitos que gañaría por toda Galiza e mesmo fóra dela, que a levaría a ser citada como “a poeta laureada”– cun poema titulado “Defensa das mulleres”. E a Ourense volveu sempre, participando en todos os acontecementos literarios que alí se celebraron (certames, homenaxes a Curros, a Lamas Carvajal…).

Tamén Pontevedra está vencellada á súa biografía persoal e literaria. Na cidade do Lérez pasou tempadas cos seus tíos e curmáns Muruais, estes tamén literatos que acadaron certa sona no seu tempo, colaborou na súa prensa e cantou as belezas do seu entorno.

E seguindo os destinos do seu irmán José, tamén militar como o pai e o outro irmán Juan, frecuentou estancias temporais en Lugo, primeiro, e Santiago, despois. Na cidade das murallas foi mantedora do certame literario do ano 1900 (un encargo raramente encomendado a mulleres, a non ser a excepción de Emilia Pardo Bazán), cun discurso polémico no que reclamou a igualdade de dereitos para as mulleres e moi especialmente o dereito á educación.

En Santiago tamén colaborou nos seus órganos literarios aproveitando as súas estadías e homenaxeou a Rosalía na súa tumba de Bonaval editando unha tarxeta postal nesa ocasión, con fotografía e poema dedicado á súa memoria.

Entre medias habería que contabilizar as súas estadías en Madrid, comezadas xa na xuventude, onde tamén tiña familia por parte dos Dato. Alí frecuentaría tertulias e xuntanzas literarias e coñecería personalidades relevantes. O seu curmán Eduardo Dato, nado na Coruña nun dos destinos do pai militar, foi un destacado dirixente do partido conservador, tres veces presidente do Consello de Ministros, e asasinado en desempeño do cargo en 1921, vítima dun magnicidio político.

E dende a súa residencia de Moruxo, A Coruña foi tamén outra das cidades galegas onde a figura de Filomena tivo destacado relevo. Unha das escasas mulleres –xunto coa súa amiga Sofía Casanova– que foi nomeada correspondente da Academia Galega na súa fundación en 1906, Filomena participou en numerosos eventos literarios na cidade herculina, a veces a través da sociedade Reunión de Artesanos que a nomeou socia de honra. Citemos como máis destacados as homenaxes a Rosalía, a Curros cando a súa viaxe a Galiza en 1904 e catro anos despois na homenaxe póstuma con motivo da chegada dos seus restos mortais dende A Habana, ou a Murguía no seu 80º aniversario. En case todos eles Filomena estivo na presidencia a carón do patriarca Murguía.

Dende a súa residencia temporal nas cidades citadas, Filomena desprazábase a diferentes localidades e comarcas, podéndose dicir que era unha boa coñecedora de todo o país galego, cousa non moi doada no seu tempo por mor das deficientes comunicacións. De feito, hai poemas e textos seus datados en puntos tan extremos como Muxía e Monterrei.

Filomena Dato Muruais, ademais da obra espallada en periódicos e revistas, é autora de cinco poemarios: Letanía lauretana, de tema relixioso, Penumbras, Follatos –o único en galego e que ven de ser reeditado pola Deputación da Coruña–, Romances y cantares e Fe, tamén de temática relixiosa.

Filomena foi dende a xuventude unha muller de ideoloxía conservadora, rexionalista galega, monárquica –de feito dedicoulle un libro á raíña de España e outro á infanta–, con algunhas relacións aristocráticas, e defensora dun catolicismo oficial e tradicional.

Para nós os galegos, o máis importante do seu legado é o seu galeguismo e amor a Galicia, o cultivo do idioma galego, o feito mesmo de ser a primeira muller despois de Rosalía en publicar un libro en galego (Follatos en 1891) polo que xa merecería que a Academia Galega lle dedicase un Día das Letras Galegas, e o seu posicionamento e defensa a prol da igualdade e dos dereitos da muller.

Vou rematar cun texto aparecido á súa morte na revista Céltiga que se publicaba en Bos Aires por aquela época, texto anónimo en castelán da redacción, que eu considero escrito polo sadense Ramón Suárez Picallo, un dos tres redactores que capitaneaban a revista, a xulgar polo coñecemento que se amosa nel desta comarca e das aldeas que cita, aínda que ten un pequeno erro ao nomear o patrón de Moruxo, que é San Vicente e non San Salvador. Velaí:

En la aldeíta de Morujo –una de las joyas más preciadas de las Mariñas de Betanzos– dejó de latir el 26 del pasado el gran corazón de “Doña Filomena”, que así llamaban las gentes sencillas del pueblo, a la exquisita poetisa que la muerte acaba de arrebatarnos.

El mar, batiendo en la “Bogueira”, en Gandarío y en la Barra miñota, rendirá a sus restos, cumplido homenaje, bruando amoroso su canción eterna, a guisa de réquiem. Y los castiñeiros y los pinares de Tatín y de la Lagoa, y los centenarios eucaliptus de Fiobre, al amparo de cuya sombra protectora escribiera los versos, armoniosos y dulces, de “Fe” han de hacer perenne guardia de honor a la venerable matrona gallega que santificó con su planta la tierra donde están enclavadas sus raíces.

Y qué tristes habían de sonar en la verde tierra mariñana las badaladas de la Ermita morujana, anunciando que el ave canora enmudeciera para siempre; que la silueta gentil de la noble dama no sería vista de nuevo, perfumando de hidalguía y de bondad la blanca carretera brigantina; que la caritativa protectora de los desamparados no repartiría los dones de su gran corazón en forma de ayuda a los desvalidos.

Que todo eso era Doña Filomena Dato: poetisa delicadísima, dama hidalga, caritativa –teniendo el bien por apostolado– incapaz de pasar de largo cuando la necesidad extendía su mano.

En la historia de Galicia, grabados en letras de oro, hay muchos nombres de mujeres ilustres, por buenas, por sabias y por santas. A esa lista hay que agregar hoy el de Doña Filomena Dato y Muruais, astro con luz propia en el firmamento estrellado de las letras gallegas.

Y nuestro espíritu, en sus frecuentes recorridas por la Tierra Natal, ha de arrodillarse ante los siete palmos que guardan sus restos queridos, rezando la oración sin palabras, la oración de las grandes emociones.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *