Rubén Anido Regueiro
Os irmáns Florencio (esquerda) e César (dereita)Vaamonde Lores
Dentro do proceso de recuperación da cultura galega desenvolvido a partir do século XIX e que tivo como protagonistas máis sobranceiros aos consabidos Rosalía, Curros e Pondal e a ideólogos como Murguía ou Brañas, entre outros, hai autores que, non sendo tan coñecidos polo gran público, xogaron un máis que relevante papel na (re)construción dese edificio medio esmorecido que chamamos Galiza na época de que estamos a falar.
Tanto Florencio Vaamonde Lores (Ouces, 1860 – A Coruña, 1925) como o seu irmán César (Ouces, 1867 – A Coruña, 1942) responden a esta idea perfectamente. Ambos pertencen a esa xeración de autores encadrábel, segundo Carballo Calero, no grupo dos chamados epígonos, cun papel protagonístico en todo o relacionado co movemento das Irmandades da Fala, creado na cidade da Coruña en 1916, cuxo primeiro obxectivo era a dignificación e emprego do galego en todos os ámbitos e, tamén, a elaboración dunha praxe política galeguista verdadeiramente ambiciosa cuxo desenvolvemento se vería tronzado co estoupido da Guerra Civil de 1936.
Podemos dicir que ambos os irmáns destacaron no estudo da historia de Galiza, até o punto de seren dúas das personalidades que máis afondaron no esclarecemento das nosas orixes e no estudo dos antigos pobos que fixeron do noso territorio o que hoxe é. Neste sentido, debemos ter en conta a importancia que as Irmandades lle deron ao estudo da Historia, pois sentíase na época un déficit moi relevante de coñecemento da realidade galega, e este coñecemento, con razón, era visto como un elemento imprescindíbel para a recuperación dos nosos sinais de identidade.
Porén, non podemos caer no erro de ver nos dous irmáns un traballo análogo, pois cada un deles traballou dunha maneira diferente, e así foron dando a coñecer os seus traballos por vías ás veces desemellantes. Así, no caso do irmán máis novo, César, practicamente todo o que foi publicando, que foi moito e de moita calidade, veu a luz en innumerábeis números do Boletín da Real Academia Galega, no que encontrou un magnífico instrumento para poñer sobre o papel as súas investigacións sobre os temas máis diversos (o mosteiro de Caaveiro, os xastres de Betanzos, as fábricas de moeda galegas, o escudo da cidade da Coruña, etc.). Cómpre ter en conta que desempeñou o papel de arquiveiro e bibliotecario da RAG desde 1907 -lembremos que esta institución nace en 1906- até a súa morte, logo de Galo Salinas ter renunciado ao seu cargo; este feito, como sinala J.M Gutiérrez, permitiulle vivir entre unha morea de papeis e legaxos nos que puido dar renda solta á súa curiosidade, como se chegase a unha descuberta persoal logo de deixar de lado a súa carreira de mariño mercante, que nunca chegaría a exercer.
Podemos dicir, sen temor á dúbida, que en ambos os irmáns había unha vontade de arrequentar o idioma galego partindo do seu modelo lingüístico de orixe. Estamos nun momento en que, se ben os escritores intentaban superar a lingua da comarca natal empregando vocábulos e expresións doutras terras, a base segue a ser o idioma ouvido no ambiente máis próximo. Estamos, en efecto, nun momento en que se sente a necesidade de crear un modelo supradialectal e así poñer un pouco de orde no caos normativo en que se movía a ortografía e a morfoloxía da lingua. A creación da Real Academia Galega -entre cuxos iniciadores están Florencio e César- víase como un requisito fundamental para dar o paso dunha lingua considerada rural e familiar a outra de alta cultura escrita. No caso concreto de Florencio, como no doutros autores, hai unha aposta pola opción etimolóxica, aínda que, como é natural, hai unha falta de sistematización a pesar da formación humanística do autor.
Neste proceso de recuperación, a lexicografía é un eido considerado esencial, tratado por unha Real Academia Galega que, por diferentes motivos, non puido nunca cumprir os seus obxectivos de elaborar unha gramática e un dicionario. César, probabelmente sen axuda de ninguén, encetou o traballo de redactar un Diccionario gallego de autoridades, finalmente inconcluso, no que pretendía estudar cada vocábulo con referencias a diferentes épocas históricas desde a Idade Media até o seu momento presente e tendo en conta os coñecementos transmitidos por dous autores do século XVIII: o padre Sarmiento e mais o padre Sobreira.
Mais se en César todo o relacionado coa historiografía é o máis relevante, en Florencio o foi a creación literaria, sen isto significar que non tivese realizado traballos destacados noutros eidos. Home de fina erudición e membro destacado da chamada “escola coruñesa”, foi, en palabras do profesor Carballo Calero “o máis culto de antre iles, cunha cultura de tipo clásico, humanístico. Na forma poseía un equilibrio, unha moderación, un senso tradicioal da composición que encobren a miudo unha malenconía de tipo romántico”.
A relación de Florencio coa comarca das Mariñas e concretamente coa súa parroquia de San Xoán de Ouces houbo de ser estreita, a pesar de desenvolver a súa actividade profesional como empregado da Delegación de Facenda na Coruña durante practicamente toda a súa vida ou precisamente por isto mesmo. Así, emprega con certa frecuencia pseudónimos nos seus escritos, como “Jan de Ouces” ou “Fulvio Vergodense”, que van aparecendo en diferentes libros e publicacións periódicas da época tanto de carácter literario como ensaístico, ademais de ambientar as súas obras de prosa narrativa nas Mariñas.
Unha das obras máis lembradas de Florencio é o poema intitulado Os Calaicos (1894), no que se pode rastrexar a influencia de Os Lusíadas (1572) do grande escritor portugués Luis de Camões. Se na obra do portugués se relata a descuberta das Indias Orientais por parte do navegante Vasco da Gama, na do galego relátase o episodio da resistencia da cidade da Coruña e da súa comarca fronte á invasión do inglés Francis Drake. Como en toda boa epopea, son abondosas as referencias ao valor do pobo, capaz das máis grandes xestas. A aparición de María Pita e das mulleres da Coruña ocupa un lugar preeminente, ao igual que as referencias a un futuro heroico e cheo de grandes feitos. Formalmente, a obra está escrita en oitavas reais.
Hai autores que encadran a Florencio no chamado “historicismo profético”, isto é, partir das teses rexionalistas para “asentar a identidade galega nun pasado diferencial”. A base deste movemento está fundamentalmente na obra de Eduardo Pondal, e no caso de Florencio é posíbel que os ecos de Os Eoas servisen como estímulo, por exemplo, á escrita de Os Calaicos. Se ben é certo que a obra do da Ponteceso é un poema épico inacabado e soamente publicado en tempos recentes, temos a certeza de Florencio coñecer o manuscrito, dado que el fai parte da chamada Cova Céltica, especie de “clube” no que os escritores da escola coruñesa trataban temas moi diversos, entre eles todo o relacionado coas características intrínsecas do pobo galego, do substrato celta e das súas supostamente lendarias orixes. Neste círculo de autores, Pondal é un referente fundamental cuxas obras eran coñecidas e admiradas, e sabíase de primeira man todo o que o autor de Queixumes dos pinos ía facendo, tanto se se publicaba como se finalmente ficaba inédito. En consecuencia, Méndez Ferrín sostén, de maneira tallante, que “Pondal é o primeiro poeta moderno”, e Florencio faría parte da que el denomina Escola Formalista xunto con outros autores que tamén foxen do ruralismo e imitan, cos matices pertinentes, a estética pondaliana.
Florencio tamén ensaiou a lenda de carácter romántico con Fernando de Xinzo (1908), onde relata as querelas entre o arcebispo de Santiago de Compostela e mais os Moscoso. O asunto é, pois, medieval, e por entre os elementos históricos aparece, aquí e alá, a imaxinación do autor, que era coñecedor de todo o relacionado coa historia do castelo de Vimianzo. Todo apunta a que Florencio manexou, entre outras fontes, a Historia de Galicia (1865-1873) de Benito Vicetto, pouco verosímil desde a perspectiva actual.
Tamén cultivou Florencio a sátira, empregando o hendecasílabo e mais o heptasílabo nunha obra como A sombra de Fandiño (1908), texto de trazos pesimistas no tocante á realidade do país; o autor toma como punto de partida, tal e como se observa no título, a Antonio Benito Fandiño, autor do drama A casamenteira, presentado aquí como “víctima do escurantismo” da época.
Canto á produción propiamente lírica, Florencio deu ao prelo dous libros: Mágoas (1901) e mais Follas ao vento (1919). No primeiro achamos ecos clásicos, tan naturais no autor, concretamente de Horacio, entremesturados con diferentes reflexións patrióticas e morais. Algo semellante acontece con Follas ao vento, obra de madurez na que o de Ouces segue fiel ás súas lecturas clásicas, nun humanismo que o levou mesmo a se atrever coa tradución, como é o caso das Odas de Anacreonte (1897), dedicadas ao poeta celanovés Curros Enríquez. Así mesmo, Florencio traduciu ao galego prosa latina, concretamente o libro VI da Eneida de Virxilio.
Por outra banda, se falamos de cultivo da prosa narrativa, Florencio atreveuse a cultivar este xénero con dous textos fundamentais: Bestas bravas (1923) e a novela póstuma Anxélica (1925). A primeira obra, mais do que unha novela acabada, parécenos un bocexo no que Florencio deu unhas pinceladas arredor das historias de fidalgos rurais da nosa bisbarra, mais sen desenvolvemento nin profundidade. Maior interese ten Anxélica, na que Florencio fai un retrato do modo de vida mariñán que serve de marco a unha probábel historia local coñecida por Vaamonde. O asunto, o namoramento dunha fidalga (Anxélica) cun criado (Estebo), parece servir de escusa para realizar un fresco dunha sociedade pechada e ancorada no pasado e nas tradicións, das que o autor, con moi boas intencións, pretendía facer unha apoloxía.
Como dixemos máis arriba, se en César interesa máis todo o relacionado co estudo da historiografía e mais da lexicografía, e en Florencio as materias propiamente literarias, neste último hai contribucións moi relevantes á prosa didáctica. Así, deu a coñecer un Resume da Historia de Galicia (1898), e mais un Resume de Geografía de Galicia (1897), esta última asinada co pseudónimo Jan de Ouces.
Dito todo isto, podemos resumir a aportación dos irmáns Vaamonde Lores á cultura galega afirmando que axudaron a poñer os alicerces da nosa historiografía, da lexicografía e dunha creación literaria de corte humanista ademais de, directa ou indirectamente, contribuír a unha sistematización da escrita do idioma e, por suposto, a fomentar un sentimento de valoración positiva por todo o relacionado co país.