Iago Santalla
Foi no 2014 cando se lle dedicou as letras galegas a Xosé Mª Díaz Castro. Daquela, popularizouse entre quen aínda non o lera o poema de Nimbos “Penélope” no que se comparaba a nosa historia coas teas que Penélope tecía e destecía. Hoxe este poema serve para pensar que está a pasar coa liberdade de expresión, serve para reflexionar sobre o feito de que alguén se arrogue o dereito de decidir sobre o que podemos dicir, ler ou escribir. Xa o dicía, tamén Celso Emilio “que ninguén queira ordearme os libros que debo ler, as preces que debo rezar, os vítores que hei de dar”. Celso Emilio, que apenas viu nacer á democracia pola que loitou toda a súa vida, entendía que a liberdade de expresión era un piar básico da mesma.
Hoxe en día danos por discutir sobre se é lexítimo dicir todo o que se nos pasa pola cabeza ou non. Unha cousa é educar no respecto e no saber estar e outra castigar coa lei as faltas de educación. Se realmente cremos que pertencemos a unha democracia avanzada e consolidada, a liberdade de expresión non necesita unha tutelaxe xudicial senón que ten que ser tutelada polo propio pobo. Se cremos na palabra oral e escrita como medio para exercer a citada liberdade temos que asumir que é un arma de dobre fío e que sempre haberá quen a utilice dunha maneira ofensiva; mais iso vai implícito na propia liberdade de expresión. Polo tanto, non debemos confundir o mal gusto coa liberdade que marca un estado democrático.
Temos que ser conscientes de que o sistema que nos goberna con todos os seus fallos que non son poucos, non foi creado da nada senón que supuxo un proceso de cambio que virou a quilla cara á liberdade. Se temos en conta isto a liberdade ten que ser o noso ben máis prezado, un ben que ningún gobernante se debe atrever nin sequera a tocar. Isto que hoxe soa a utopía, hai cinco ou dez anos soaba a obviedade e cando digo obviedade digo algo que a ninguén se lle pasaba polo maxín que podía ser discutido. Hoxe non so é discutido é que a liberdade de expresión foi tocada e limitada por unha lei que, como todas as leis de este tipo, está situada nunha arbitrariedade que dá lugar a inxustizas flagrantes de tal xeito que podemos afirmar que non é igual para todos.
O problema é a desmemoria, a falta de interese na propia historia fomentada interesadamente polo goberno condénanos a repetila, polo que parece unha estratexia de retroceso ocultada entre os biombos da democracia. Dándonos conta disto, é necesario espertar, levantarnos contra a mordaza e dicir alto e claro que esa lei é unha falta total e absoluta de respecto a un pobo maduro que elixiu a democracia, sabe vivir en democracia e non lle ten medo á democracia. Ese pobo ten que ensinarlla aos seus representantes que non son titores nin bardos nin mesías de nada. Son servidores dun pobo que elixiu un determinado proxecto por eles ideado pero, en ningún caso, son quen de dicirlle ao pobo o que pode ou non pode ler ou escoitar; quizais, teñan que volver repasar o ideario do 25 de abril e cantar con nós o pobo e quen máis ordena. Non están no tempo dos súbditos, están en tempo da cidadanía.