Regueifas entre a choiva e o verán
Tres mil mortas bágoas caídas van
E aínda así ese anxo vivo voador
O paxaro da terra que me cura san
O mal que me quita a dor
Coa súa lingua áspera,
con sabor deste inferno cálido e húmido
onde o pensamento leve é queimador
e despois eu, fillo do demo, son ido
———
Debilítase a miña mente
Mentres o meu corazón colle forzas
Para resistir os golpes dunha moa
Que está a triturar paseniño a miña testa
Mais aínda a miúdo
Cando noto o calado do frío nas rúas,
Metaforicamente penso
E xunto todos os sentidos,
Para buscarlle o quinto pé
Ao gato que leva a túa face por cara
———
A túa pel branca
Deixa clarexar ós ollos
na túa lingua magna
nos teus falares enxoitos,
vin nas túas moufas
o sorriso da miña face
achegueime á túa boca
i es o anxo deste
enxame
E pobre díxolle a margarida ao ceo:
“Seica chove e que a terra non se molla,
seica de beber auga non canso.
E aínda que o ceo estea na terra,
Segue aí o meu anxo?”
Ai, a destempo margarida
Linda e espida
Mollada pola xeada
Dun verán tardío
No que a destempo foron as cereixas
Que en inverno núas quedaron
Co óso ó aire festeiro,
como a moa dun muíño antigo
onde os nosos devanceiros,
recollían margaridas espidos.
———
Fun eu quen de apiolarte
Por xulgar que foses ti quen de cativarme.
Fun eu quen te agochou baixo a miña negrura,
Garrido paxaro mouro que a miña alma despoxou.
Quen es ti para cegarme co teu afago de claridade?
———
Escuro no espírito albelo
De plumaxe louro,
Un paxaro profano,
Que aprehende toda cousa escura:
Canta alén do diáfano.
Grito de inxuria enxordecedor
Que entrementres palidece coa luz do día
Vólvese forte no calixinoso fedor
REGUEIFAS
Miguel Mosquera García