OBSERVAR GAIVOTAS

Antonio Sandoval Rey
Gaivota sombría.Fotografías do autor 

Gaivotas. Quen as temos moi preto deixamos de consideralas meras aves para pensar nelas como veciñas. Unhas veciñas case sempre empeñadas en facerse notar: ruidosas, enxeñosas, empeñadas en compartir as súas dixestións cos nosos automóbiles, ás veces agresivas… Pero que cando pasan voando ao lonxe, sobre as ondas da ría, resúltannos aínda fermosa.

Hai moitas décadas as aves mariñas coma elas aínda orientaban aos homes de mar cara a situación dos máis nutridos cardumes de pesca de cada xornada. Era oportuno probar sempre coa rede alí onde se apiñaban. Logo, íanse descansar en praias por entón non tan frecuentadas coma hoxe, ou nestas data de primavera aos seus niños en cantís e illotes o máis afastados posible.

Máis lles valese que estivesen afastados, porque ata eles gabeaban non poucos rapaces entre maio e xullo na procura de ovos. Disque eran moi apreciados en confeitaría, e que nalgunhas zonas de Galicia se pagaban razoablemente ben. Había verdadeiros expertos na súa escolla, capaces de calibrar a pulso se no seu interior había xa un polo a medio medrar. Outros utilizaban un balde de auga. Se o ovo se afundía, había polo. Nestes casos, algúns o devolvían ao niño, por compaixón e para asegurarse ovos en anos futuros. Pero outros os escachaban, para obrigar aos pais a facer unha
nova posta, e regresar días despois a por ela.

As que crían na primavera en Sada e a súa contorna son gaivotas patiamarelas, en latín Larus michahellis. É habitual escoitar que antes eran moito máis numerosas. Pero ollo: ese “antes” hai agora que matizalo. Porque se ben hai unha década Galicia acadou a cifra máis alta das que da súa especie se coñece, hoxe a súa poboación está a caer en picado en moitas das súas colonias. E faino decontado. Conviría coñecer ben as causas deste descenso, e evitar suposicións sen base científica. Porque, á fin e ao cabo, comparten moitos ambientes connosco, e todo sentido común di que se na túa veciñanza comeza a faltar demasiada xente, máis vale que te informes do que ocorre.

O motivo de que lles fose tan ben ás patiamarelas desde finais do século pasado probablemente teña varias explicacións. Dúas delas, xa que logo, parecen clave. Unha é a súa condición oportunista, a súa intelixencia e o seu cada vez menor temor aos humanos, xa que non as perseguimos e nin moito menos valoramos alimentarnos cos seus fillos. A outra, a inxente cantidade de alimento que durante ese tempo puxemos ao seu dispor en vertedoiros e bolsas de desperdicios mal pechadas en rúas e prazas. Ou dende tantos barcos de pesca que se desfán dos seus descartes mar aberto.

As patiamarelas pasan con facilidade dos trinta anos de vida se non sofren contratempos serios. Salvo algún falcón de bo porte chegado en inverno do norte de Europa, ou algunha femia de azor, carecen de depredadores capaces de enfrontarse a elas. O tipo de perigos que deben evitar son os anzois ou as pelexas cos gatos por unha pata de polo abandonada nunha beirarrúa. Porén, este derradeiro ano moitas apareceron mortas ou moribundas nas costas da bisbarra. O pasado mes de agosto soaron as alarmas cando un número moi avultado ingresou no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Santa Cruz, en Oleiros. Os técnicos da Xunta de Galicia confirmaron o que xa avanzaran os ornitólogos: a causa de mortandade era o botulismo. É difícil imaxinar a costa de Sada e as Mariñas sen gaivotas patiamarelas. Ben é verdade que se limitasen o seu raio de acción á praia e á ría resultarían menos molestas e mesmo máis ornamentais, pero non debemos esquecer que se se instalaron nas nosas azoteas foi grazas a nós, os humanos. Unha especie esta nosa, e isto ninguén o ha discutir, moito máis sucia cá súa. Non hai máis que ver como estamos deixando o planeta para os seus descendentes e, o que é de todo incomprensible, para os nosos.

De verán comezarán a aparecer os novos nados nos próximos meses, de plumaxe parda e estriada. Tardarán uns catro anos en acadar o traxe gris e branco de seus pais, a súas patas e bicos de abraiante cor amarela e ese anel ocular vermello que visto de preto resulta do máis rechamante. E aínda máis en obter a experiencia da vida que remata por converter a unha gaivota adulta nun animal de extraordinaria capacidade de supervivencia.

Aos ornitólogos adoitar engaiolarnos as gaivotas. Somos quen de pasar horas mirándoas, así sexan patiamarelas ou esoutras especies que en outono e inverno veñen de países de lonxe a pasar aquí os meses fríos: choronas, cabecinegras, escuras, arxénteas, gaivotóns… Todas elas poden verse no areal con facilidade. En ocasións xúntanselles outras máis escasas en Galicia, como polares e cáspicas.

Gaivota chorona. Fotografía do autor

E é que observar gaivotas non é só reparar nos caracteres que diferencian a estas especies ou nos detalles da súa plumaxe que permiten coñecer a súa idade. É ademais pensar sobre o mundo que compartimos con elas. Coas viaxeiras, acudimos coa imaxinación ás súas rexións de orixe. Coas sedentarias patiamarelas parolamos en silencio sobre os respectivos xeitos de ser das nosas especies, ás veces non tan diferentes.

A ciencia que estuda o comportamento dos animais chámase etoloxía. É relativamente recente, pois o seu verdadeiro impulso non ten aínda un século. Debémosllo sobre todo a tres biólogos extraordinarios: Konrad Lorenz, Karl von Frisch
e Nikolaas Tinbergen, quen polos seus estudos nese campo mereceron en 1973 o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina.

O terceiro deles, Nikolaas Tinbergen, deu os seus primeiros pasos nese campo precisamente observando gaivotas. No seu caso, arxénteas, moi similares ás patiamarelas. Fíxoo na súa natal Holanda, tomando durante longas horas nota das actitudes destas aves, as súas vocalizacións, as súas relacións sociais. O resultado do seu traballo, sumado ao de Lorenz cos gansos, considérase a fundación de todo un novo campo de estudo científico. Hoxe a etoloxía é unha clave fundamental para entender moito mellor, por comparanza, a forma de ser da nosa propia especie. Observar gaivotas é tamén observarnos.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *