O QUE LIMOS. Dictados para un salvamento emocional. Paris Joel / Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio Carlos Babío Urquidi e Manuel Pérez Lorenzo / Nos pagos de Huinca Loo Xavier Alcalá
Dictados para un salvamento emocional
Paris Joel
Celya, 2017
Páxinas: 70
ISBN: 978-84-16299-62-1
Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio
Carlos Babío Urquidi
Manuel Pérez Lorenzo
Fundación Galiza Sempre,
2017
Páxinas: 416
ISBN: 978-84-936100-9-8
En definitiva, un libro que vén cubrir un baleiro importante e que resulta fundamental no coñecemento da nosa historia contemporánea, facendo unha gran contribución ao debate político da actualidade.
Nos pagos de Huinca Loo
Xavier Alcalá
Ediciones Nós, 1982
Páxinas: 188
ISBN: 978-84-754000-3-7
Publicada en 1982 pola histórica Ediciones Nós, a mesma editorial que a traduciría ao castelán como Cristiano Muerto, e reeditada por Galaxia, a novela de Xavier Alcalá segue de actualidade grazas a unha nova tradución, do ano 2016, no selo Mar Maior co título de Huinca Loo, un arroyo en la frontera.
Con Nos pagos de Huinca Loo, Alcalá comezou un ciclo narrativo dedicado á Pampa arxentina, continuado por Viaxes no país de Elal (1992) e Latitude Austral (2011), que Galaxia comercializa nunha colección titulada Soños e aventuras no sur do mundo. Nela o autor retrata a colonización da Pampa e a forxa das grandes fortunas dos primeiros facendados que conquistaron aquel afastado recanto do mundo, nun tempo, os finais do século XVIII, no que Arxentina tivo –e perdeu– a oportunidade de se converter en potencia mundial, dacabalo das súas exportacións e as súas materias primas.
O protagonista, Santiago de Castro-Williams, é o arquetipo de facendando pampino: de orixe española, galega neste caso, herdeiro dunha inmensa fortuna legada polo seu pai, Luis de Castro, educado nas mellores escolas de Inglaterra, debátese entre a frivolidade lene da burguesía ociosa e a brutalidade sensual da rigorosa vida da Pampa. A súa facenda, «A Raquelita», conta as cabezas de gando por ducias de milleiros, as súas extensións de terreo son meirandes que algunhas rexións europeas e producen máis gran que aquelas. Propietario case incluso da vida dos seus peóns, vive, porén, atormentado polas incógnitas que rodean a figura lendaria do pai, e ao misterio vergonzante que o levou a abandonar España e a fuxir a América.
Todo o cal levará a Santiago a desafiar os convencionalismos establecidos e a escribir una biografía do seu pai, celebrada ao principio, polémica e molesta á fin, que remata por ser unha obra metaficcional, titulada tamén Nos pagos de Huinca Loo, un máis dos recursos autorreferenciais dunha novela na que o propio protagonista sábese personaxe literario, e na que o autor amósase moi cómodo e mesmo divírtese xogando coas ferramentas que lle permiten artellar a súa creación.
Con 188 páxinas divididas en sete capítulos, e narrada empregando diversos puntos de vista –narración heterodiexética, intradiexética, extractos de diarios, xornais e outros textos– , mestura elementos da novela histórica, da novela de costumes e, dalgún xeito, das historias de fronteira, de mundos en formación onde as identidades están a construírse. Onde galegos, vascos, daneses, italianos… chegaron deixando atrás un mundo vello e miserento para dar pulo a unha terra que se abría cara o futuro. Poderiamos dicir que a Pampa é, para os galegos, onnoso propio Far-West.
E Xavier Alcalá acada transmitírnolo cunha fonda sensualidade: a calor, o sol, o po dos camiños, o sangue, os ríos, o ar morno e maino dos solpores da Pampa, roto polo bruar do gando o polo ouleo dun can solitario. Todo
cuberto por una profunda sensación de traxedia inexorable, dun fado que pesa sobre os personaxes para precipitar a consecuencia das paixóns, sexa o amor e a luxuria na forma da viúva Teresa, ou a rabia e o odio racial encarnada no indio Carlitos. Pois a colonización da Pampa e as grandes riquezas construíronse sobre a carraxe dun pobo aldraxado e desposuído da súa terra.
Pódese considerar que Nos pagos de Huinca Loo é, deste xeito, un fito na literatura contemporánea galega, porén dunha lectura doada e non demasiado extensa, polo que supón tamén un bo xeito de achegarse á obra de Xavier Alcalá. A edición orixinal de Nós permite, por outra banda, ler o texto nun galego previo á normativa de 1983, cunha forma, tanto no léxico como na ortografía, moi próxima ao portugués.