O PROFEMINISMO CATÓLICO DE FILOMENA DATO MURUAIS

Carmen Blanco
POLA MEMORIA DA LIBERDADE

Eu teño escrito sobre Filomena Dato Muruais (Ourense, 1856-Moruxo, Bergondo, A Coruña, 1926) nos meus libros Literatura galega da muller (Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1991), Escritoras galegas (Editorial Compostela, Santiago de Compostela, 1992) e Libros de mulleres (Por unha bibliografía de escritoras en lingua galega: 1863-1992) (Edicións do Cumio, Vigo, 1994) por ser unha poetisa que tivo unha relativa importancia socioliteraria e histórica no panorama da literatura galega, como tamén a tivo no panorama socioliterario español, dentro da historia particular das mulleres e da historia en xeral. Falei dela en moitas outras ocasións tamén facendo memoria do ronsel reivindicativo da defensa da dignidade das mulleres e da defensa das liberdades humanas no seu conxunto. Por este compromiso meu coa memoria da liberdade é polo que Filomena Dato Muruais está presente na miña obra.

MEMORIA DE FILOMENA DATO MURUAIS EN LITERATURA GALEGA DA MULLER

No apartado “As escritoras galegas” de Literatura galega da muller analizo a súa achega á literatura en lingua galega en verso e sitúoa dentro da ideoloxía pro-feminina católica no período 1800-1939, etapa marcada pola proliferación de autoras en torno ao brillo da obra de Rosalía de Castro, con anterioridade ao levantamento militar de 1936 contra o réxime legal da II República, e, con posterioridade, polo combate ideolóxico propio da guerra, momento no que a obra de Filomena Dato Muruais aparece postumamente como apoio do nacional-catolicismo no caso do seu poema “Al Santísimo Sacramento”. Reproduzo a continuación o texto revisado (Blanco 1991: 324-325 e 332-333).

Entre as autoras deste momento con libro publicado cómpre falar en primeiro lugar de Filomena Dato Muruais, a autora de Follatos (1891), onde se recolle o poema titulado “Defensa das mulleres” que fora premiado en Ourense en 1887 no concurso en Homenaxe ao Pai Feijoo. Este texto reflicte a situación problemática da muller na sociedade de entón e insírese ideoloxicamente dentro da liña profeminina do cristianismo. Ricardo Carballo Calero sinalou o seu parentesco coas famosas redondillas de Juana Inés de la Cruz (Carballo Calero 1975: 453) e realmente as palabras da autora da Respuesta a sor Filotea de la Cruz que comezan

Hombres necios que acusáis
a la mujer sin razón,
sin ver que sois ocasión
de lo mismo que culpáis
si con ansia sin igual
solicitáis su desdén
¿por qué queréis que obren bien
Si las incitáis al mal?
(Cruz 1983: 201)

parecen resoar no apartado segundo do poema da ourensá:

Homes que á muller culpades
dos crimes que cometedes
e decides que das desgrazas
sempre son causa as mulleres,
[…]
Pois se por elas pecades
a culpa non lles votedes,
que nunca o sol tivo culpa
de que quen o mire cegue.
(Dato Muruais 1891: 8-9. A versión é miña)

Mais tamén a composición cita e glosa o ensaio titulado “Defensa de las mujeres” de Feijoo. Estes versos teñen, pois, un ton reivindicativo que podemos denominar feminista xa que critican a tradicional misoxinia, que identifica ás mulleres co mal, e o androcentrismo cheo de prexuízos, tanto do pensamento filosófico como do científico. Ao mesmo tempo, defenden a capacidade política e intelectual do sexo feminino e sinalan os éxitos acadados grazas á sabedoría e á bondade femininas ao longo da historia, a pesar do ambiente hostil no que tiveron que florecer. E, posto que estamos falando de escritoras, interesa destacar a súa reivindicación da igualdade no terreo da intelixencia e a súa denuncia da discriminación no campo da educación:

Ós que negan á muller
intelixencia e talento,
a mellor contestación
quizá que fose o desprezo.
¿De onde sacaron que as almas
teñen como os corpos sexo?
Porque as probes das mulleres
nunca tiveron ensino
como os homes, que eran tontas,
os homes tontos dixeron.
(Dato Muruais 1891: 15. Versión miña)

Resulta evidente, pois, que durante a etapa 1800-1939 sobresae e contrasta Rosalía de Castro fronte ao resto das escritoras con libro publicado. Destaca pola súa calidade e pola súa importancia histórica. E contrasta pola súa ideoloxía máis crítica e avanzada, posto que, de feito, Filomena Dato, Francisca Herrera, Carmen Prieto e Hermiña Fariña atópanse apegadas a un catolicismo retrógrado que nalgún caso obstaculiza dogmaticamente as súas creacións. Neste sentido, é ilustrativo que a obra de todas elas se sumase ao levantamento franquista. Así, no libro Galicia por la España Nueva (1937) de Esther Gallo Lamas aparece un poema “Al Santísimo Sacramento” de Filomena Dato e outro “Al Excmo. E Iltmo. General D. Francisco Franco Bahamonde, gloria de su siglo y honor y admiración de los siglos venideros” de Francisca Herrera. Filomena Dato Muruais estaba xa morta, Francisca Herrera Garrido vivía.

Ao inicio deste artigo: Filomena Dato nun gravado de Sanmartín
Galicia Recreativa, 20/05/1890
Nesta imaxe: a poetisa con Murguía no enterro de Curros
El Noroeste, 03/04/1908
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *