Vanesa Santiago Vázquez
Amence, e co amencer
agardo en silencio ao frío
baixo o arco do concello.
Pasan limpando as rúas:
Auga en liberdade canta.
Abre rosas aos pés.
Abre as portas o autobús
e saio de min mesma.
Instálome no asento
onde outros centos se instalaron antes.
Pecho os ollos con lentes de sol
aínda que é noite.
Pecho os oídos con música
aínda que o corazón latexa
forte, forte, forte,
e abre rosas aos pés.
Molla o cristal o bafo
do alento que suspiro.
Vexo pasar a igrexa de Sada.
Vexo pasar o umbro Tarabelo
nas horas temperás do percorrido.
Vexo pasar o pazo da condesa,
que albisca as verdes terras de Meirás.
O sol raia o horizonte,
a beleza traspásame coma o tenro Cupido.
E abre rosas aos pés.
Despois non vexo nada
mais alá dos meus lentes.
Apértome en min mesma
na apracible mañá
e sinto como vibran
os meus pés repousados
sobre o motor latente
que segue o meu camiño.
E rega sen sabelo as rosas
que medran aos meus pés.