Johán Vicente Viqueira: unha semblanza

Rubén Anido Regueiro
Nun momento como o actual en que a denominada globalización, con todo o que ela ten de uniformización do pensamento e da cultura e tamén de afogamento das manifestacións artísticas arredadas dos núcleos de poder, figuras como a de Johán Vicente Viqueira merece, ao noso ver, cando menos un repaso. Certamente, non se trata dun autor tan coñecido como un Castelao ou un Otero Pedrayo, por poñer só dous exemplos, mais isto non quita para que Viqueira mereza ser lembrado e reivindicado, tendo en conta sobre todo que boa parte do seu discurso e do seu pensamento son hoxe perfectamente válidos e, en consecuencia, os seus escritos – non excesivamente numerosos a causa dunha morte prematura ofrecen en xeral unha calidade e unha profundidade cando menos sorprendente.

A pesar de ter nacido en Madrid no ano 1886, Johán Vicente Viqueira sendo aínda neno trasladouse a Galiza, concretamente á aldea de San Fiz de Vixoi (Bergondo), onde seu avó, o coñecido promotor dos Xogos Florais da Coruña de 1861, José Pascual López Cortón, construíra o pazo de San Vitorio, lugar en que Viqueira pasaría longas tempadas durante boa parte da súa curta vida. Como sostén Xesús Torres Regueiro, a infancia de Viqueira houbo de ser feliz dada a súa extracción social desafogada e, tamén, polo seu contacto co mundo rural, cuxa pegada aparece episodicamente ao longo da súa obra. Fillo dun matrimonio composto por curmáns cunha grande proximidade de parentesco, e polo tanto necesitado da correspondente bula papal para se levar a efecto o enlace, o mozo Viqueira sempre presentou unha grande disposición para o estudo e a observación, e unha grande sensibilidade en relación coa cultura galega e cos problemas da mesma na súa época.

O caso de Viqueira como intelectual é, ao noso parecer, o dunha personalidade complexa que intentou atacar diferentes frontes, desde a filosofía até a psicoloxía sen esquecer a pedagoxía e, mesmo, a creación literaria poética, na que podemos dicir que foi un precursor do movemento neotrobadoresco moito tempo antes de Fermín Bouza Brey e mais Álvaro Cunqueiro se atreveren con esta estética. Ademais, foi tradutor de textos tanto científicos como estritamente literarios escritos en alemán, inglés e italiano.

Por data de nacemento, Ricardo Carballo Calero sitúa o noso autor dentro das Irmandades da Fala, o cal ten sentido por dúas razóns fundamentais: por ter participado activamente no seo das Irmandades e, tamén, por ter publicado unha parte máis que relevante da súa obra en A Nosa Terra.

Mais, hai unha cuestión que cómpre plantexarse e que, ao noso ver, resulta fundamental para comprendermos mellor a Viqueira: como se produce a súa verdadeira descuberta de Galiza, con todo o que iso significa? A resposta non é de todo sinxela, sobre todo se temos en conta que, por procedencia social, o noso autor non reunía, a priori, ningún requisito para se involucrar, sen ambigüidades, no movemento nacionalista recén creado. Así, a súa formación estranxeira -viviu durante anos pensionado en Alemaña, onde asistiu ás aulas dos catedráticos de filosofía máis sobranceiros da época-, e o seu contacto directo coa Institución Libre de Enseñanza -tanto sendo alumno como sendo profesor- non parecían os mellores ingredientes para levar a Viqueira ao nacionalismo e, porén, dita aproximación desenvólvese, a xulgar polos escritos, con total naturalidade e sen ningún tipo de equívoco.

Quizais, lle puido ter acontecido algo non demasiado diferente ao Adrián Solovio da novela Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo, isto é, un mozo que se procura a si mesmo nas culturas e linguas máis diversas e só o conseguirá cando descubra o seu propio país. Viqueira, neste sentido, regresará definitivamente do estranxeiro a Galiza en 1917 integrándose practicamente ao momento nas Irmandades e asumindo como propio o seu ideario. En todo este proceso puido desempeñar algún papel a figura do avó López Cortón, un dos principais dinamizadores do noso Rexurdimento.

Unha das moitas mostras da preocupación de Viqueira por Galiza son os seus escritos sobre a problemática do ensino no seu tempo. Lembremos que o autor de Vixoi dedicou boa parte da súa vida á docencia, e deste xeito non resulta en absoluto estraño que considerase un ensino de boa calidade como a mellor receita para formar cidadáns e cidadás libres e con vontade de mellorar a sociedade. En “Nosos problemas educativos”, conxunto de doce traballos publicados en A Nosa Terra en 1918, expón, partindo do precedente de Frei Martín Sarmiento, cales son os pasos a dar para conseguir un sistema educativo galego moderno. As súas ideas, coincidentes en boa medida coa dos galeguistas da época, inclúe a importancia pedagóxica da lingua galega nos planos de estudo, a relación destes coa realidade viva do país e, como non podía ser doutro xeito, pretende aplicar os preceptos da ILE a unha realidade educativa completamente erma e chea de insuficiencias de toda clase. Porén, na realidade, e tal como sostén Henrique Monteagudo, as propostas de Viqueira eran moi cautelosas na práctica, pois non van moito máis alá de permitir aos nenos falar o galego en clase, ser empregado o idioma de maneira auxiliar polo profesorado e introducir a literatura popular, fomentando a escrita da nosa lingua por parte dos rapaces e rapazas. Coidamos que estes presupostos foron tomados en consideración para que algo despois, en 1921, Vicente Risco desenvolvese as medidas contempladas no seu “Plan pedagóxico pr’a galeguizazón das escolas”, publicadasneste caso na revista Nós, da que o ourensán era, xunto con Castelao, director.

Con todo, a reivindicación dunha escola galega bateu con numerosos atrancos nun panorama español en que o ensino seguía o modelo decimonónico e non permitía practicamente ningún tipo de reflexión sobre a diversidade lingüística e cultural de España. Non será até a II República cando se abra de verdade o debate sobre a reforma do sistema educativo, un debate no que cobrará forza a necesidade de modernización do mesmo e de apertura ás malchamadas culturas periféricas.

Por outra parte, e como sinalamos anteriormente, a faceta lírica de Viqueira, máis que destacar pola cantidade, si o fai pola calidade xeral dos textos, aínda que para Carballo Calero

cómpre facer unha matización importante:
Os versos de Viqueira, antre os que figuran
algunhas versiós do italián e do alemán, son
esbozos líricos de vivencias amorosas ou paisaxísticas
maiormente. Viqueira, doente vinte
anos, canta a vida con acesa relixiosidade
panteísta. Non se coida da regularidade métrica,
ou procura disonancias que o aprosiman
aos modernistas, cuio espírito noustante refuga
.Trátase de notacións espontáneas de sentimentos,
e no aspecto formal dan a impresión
de torsos abandonados, de apuntes non
definitivamente elaborados.

Como mencionamos anteriormente, a figura de Viqueira é sobre todo coñecida por ter sido o primeiro autor galego que se atreveu a crear unha lírica neotrobadoresca, isto é, unha poesía do século vinte que intenta remedar as cantigas medievais profanas dos nosos cancioneiros. Aínda que o máis probábel é que o autor non se plantexase nin sequera a posibilidade de inaugurar unha nova maneira de escribir poesía, o certo é que en ningún manual de literatura galega do século XX se pode deixar de lado o feito de Viqueira ser o primeiro en facer algo así en Galiza, isto é, en ser un precursor. Falamos concretamente dun texto asinado en Vixoi no verán de 1919:

Vinde, amigas, da beira ás frondas
e bañarnos hemos nas ondas,
cantando amores.

Vinde, vinde, no albeo do día,
cando no ceu alto sobe a cotovía,
cantando amores.

Vinde, amigas, na riba do mar,
con infinita de sede de amar,
cantando amores.

Santificar a vida entre a bruma,
envolveitas de florida escuma.
Cantando amores.


A quinta de San Fiz de Vixoi, en Bergondo,
fogar de J. V. Viqueira

Lembremos que a descuberta dos cancioneiros medievais supuxo todo un novo aliciente para os poetas vinculados, en maior ou menor medida, ao movemento da Vangarda. Neste movemento, o neotrobadorismo tórnase paradoxal: busca a innovación, un novo camiño na lírica galega de principios do século XX pero recorrendo a uns moldes literarios que están na orixe do noso sistema literario. No caso de Viqueira hai, ao noso ver, algo semellante a unha anomalía, pois pertencendo á xeración anterior á da Vangarda e escribindo maiormente textos afastados desta estética, en “Vinde, amigas, da beira ás frondas” fai algo inhabitual nel e, no entanto, se non chegase a escribir este poema hoxe probabelmente ninguén se lembraría do Viqueira poeta. A explicación a esta “anomalía” ten a ver, segundo cremos, no feito de o neotrobarismo non constituír stricto sensu unha manifestación das correntes literarias de Vangarda, coa excepción, quizais, dalgún autor que procura, con maior ou menor éxito, reelaborar case por completo a estética medieval.

En relación coa literatura pero tamén tamén co resto da realidade galega está algo mencionado anteriormente e que reviste unha grande relevancia non só en Viqueira, senón en toda a súa xeración: a situación social da lingua e mais a súa fixación gráfica, ou dito noutras palabras, a normalización e a normativización do galego. As Irmandades da Fala, como sabemos, tiñan como primeira preocupación a lingua propia do país, e na súa reivindicación encontráronse con non poucos atrancos, en realidade nunca totalmente superados. A preocupación polo esmorecemento do idioma e a súa contaminación por parte do castelán corre parella ao xeito de poñela por escrito. Simplificando, nesta época hai tres tendencias ortográficas: unha de carácter foneticista, abandeirada por Aurelio Ribalta; unha segunda seguidista do castelán, empregada por unha relevante maioría de autores e, por último, unha tendencia de vontade etimolóxica, que aboga por recuperar as grafías históricas tomando en boa medida as solucións empregadas no galego medieval e, por suposto, conservadas no portugués.

No caso de Viqueira, hai unha clara aposta por esta última tendencia, considerada polos seus seguidores como a máis acaída para a supervivencia do idioma. Cómpre ter en conta que Viqueira, un dos autores galegos da súa época máis coñecedores de Portugal, afirmou en reiteradas ocasións que o futuro do galego non está no seu isolamento, senón na súa aproximación ao idioma veciño, algo semellante ao dito por Castelao no Sempre en Galiza moitos anos despois. Deste xeito, podemos afirmar que Viqueira foi un verdadeiro precursor das teses reintegracionistas, isto é, a solución ortográfica consistente en achegar o máximo posíbel o galego ao portugués. A participación directa de Viqueira no debate ortográfico foi moi activa, tal e como o mostra o feito, por exemplo, de ser membro da comisión creada en 1921 xunto con Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte e

mais Vicente Risco.


Por todo o visto até agora, parécenos inexcusábel reivindicar a figura de Johán Vicente Viqueira. Home de sólida formación, coñecedor das linguas e culturas máis diversas, foi, non obstante, un grande defensor da realidade do seu país, entendido por el como era propio dos membros das Irmandades da Fala: a importancia da lingua, a reivindicación da nosa historia particular e a necesidade imperiosa de mellorar substancialmente o ensino, entendido este desde unha perspectiva moderna, europea e, polo tanto, universal. Non sabemos que tería acontecido se Viqueira vivise máis anos, pero semella seguro que tería desempeñado un papel protagonístico nos acontecementos históricos que lle tocaría vivir a Galiza nos anos seguintes.

Dúas das obras que
conforman a bibliografía publicada por Viqueira
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *