GALEGOS DA EMIGRACIÓN ESQUECIDOS. AVELINO DÍAZ: CANTOS DE NÓS LEMBRAMOS A ESTE POETA, XORNALISTA E GALEGUISTA QUE MORRE NA EMIGRACIÓN?

José Martínez-Romero Gandos

Iban á percura de hourizontes
e de xanelas novas
para poder ollar o ceio
non sempre debruzados enriba dos carolos;
iban á percura da Libertade,
a Xusticia. Ió pan dondo
que non tiveran na sua herdade
dende o fondal dos séculos choídos


(“Emigrantes”, Avelino Díaz, Pallaregas, 1963)


Teño para min que escribir sobre galegos da emigración esquecidos pode considerarse unha teima persoal nestes tempos de comunicación cibernética. Coido que hai moitos con méritos dabondo mais é coma que non o tiveran. Poucos lembran a Avelino Díaz: Maribel Freire Freire (2002), docente investigadora quen fixera un extenso traballo sobre él e o Profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo Dr. Benigno Fernández Salgado (2015) quen realizara un traballo sobre identidade na poesía de Avelino Díaz.

Tamén houbo quen o propuxera para o Día das Letras Galegas 2017 (Asociación Cultural “Avelino Díaz”, seus conveciños e Xoán C. Vidal no Diario de Pontevedra, 22.6.2016). Sabemos hoxe que iso non foi posible.

E os poetas? E os escritores galegos? E as editoriais? Ren de ren.

Di Benigno Fernández Salgado no texto xa citado:

Aínda que inspirado poeta, Avelino Díaz
(1894-1971) continúa a ser un completo descoñecido
na literatura do país para o que escribiu.
Os seus libros, publicados en edición
do propio autor en Bos Aires, non coñeceron
unha segunda edición, e tanto as súas
colaboracións xornalísticas coma os
centos de poemas espallados pola
variada prensa da colectividade galego-
porteña non foron nunca rastrexados
e compilados de maneira sistemática
(agás de) unha monografía
(Freire 2002).

Pois compre que hoxe falemos diste galego emigrado, poeta, xornalista e militante galeguista que morrera na emigración, aló no afastado Bos Aires.

Coñecín a Avelino no seo da Colectividade Galega emigrada a
Bos Aires. Era un home alto, delgado, cun semblante serio que tentaba ocultar unha timidez no trato aínda que nas súas actuacións políticas ou públicas era rexo e de falar fluído. Podo agregar que bondadoso. Foi nomeado “Padriño” do Conxunto Artístico Breogán aló polos anos 60 onde Pilar Jeremías e máis eu participabamos do Coro. Alí puiden comprobar a súa capacidade de diálogo, colaboración e solidariedade. Dicía, definíndose a si mesmo en versos: “Son, a mais d-asalariado, / periodista d-afición, / poeta por vocación / sin ser por eso nomeado.”

Dirixía o Coro Breogán o Mestre Cesáreo Rodríguez. Cesáreo propuxo a Avelino, que participaba en moitas veces das xuntanzas da Dirección do Coro, a musicalización do seu poema “Unha rosa” dedicado a Rosalía de Castro. Era o ano do centenario da publicación de “Cantares Gallegos (17 de maio de 1963) e Avelino quixo, deste xeito, render a súa homenaxe á nosa grande poetisa. Levounos certo tempo ós coreutas afinar a interpretación musical proposta polo Director, que tiña sona de esixente e moi bo músico e gaiteiro. Na bibliografía ou referencias non aparece o poema. Tirando da miña memoria aparecen as notas musicais e a fermosa letra do poema:

Unha rosa pra ti, Rosalía
con galega e fidel devoción.
En homaxe das rosas nacidas
na verde roseira
do teu corazón.
Unha rosa recendosa
que che dou, ruliña nosa.
Unha rosa pra o teu corazón
onde os vivos poemas están.
Unha rosa de cor d’alborada…

Avancemos no coñecemento deste grande poeta apelando, unha outra vez, á voz autorizada de Benigno Fernández Salgado (2015):

Dende 1939 ata mediados de 1960, Bos Aires
foi a capital da cultura galega. Estes son os
anos de maior produtividade poética e periodística
de Avelino Díaz. En 1947, cando se
publica Debezos, a capital arxentina andaba
polos cinco millóns. Deles, medio millón eran
de ascendencia galega. Para a maior parte
deles, Bos Aires fora o primeiro contacto cunha
urbe moderna e cosmopolita. Avelino
arriba a Bos Aires en 1910 a primeira vez, e
en 1922 a segunda e definitiva. Castelao chega
dende Nova York en xullo de 1940. Ningún
dos dous volvería con vida a Galicia. Castelao
encontra en Montevideo e en Bos Aires unha
Galicia non vencida que o agarda con respecto
e esperanza. Esa Galicia era o froito do traballo
de galeguistas coma Avelino Díaz. Libros,
emisións radiofónicas, grupos e escolas

de teatro, grupos corais e de baile, xornais,
organizacións societarias, políticas e xuvenís,
activismo. Castelao morre en 1950 para pesar
de todos os galegos da diáspora e de Avelino,
en particular. Seis anos despois celébrase o
evento singular do I Congreso da Emigración,
do que Avelino Díaz será secretario.
Blanco Amor publica A Esmorga en 1959.
Neira Vilas, as Memorias dun neno labrego en
1961. Pallaregas publícase en 1963. Suárez
Picallo, o indutor de que o noso Avelino escribise
en galego, morre en 1964. Avelino, en
1971. Os 11 poemas a Castelao, póstumos, aparecen
en 1975.

A referencia á relación con Ramón Suárez Picallo amerita unha explicación máis longa. Falei dista relación no Nº 9 da Revista Areal (2014) para sinalar a admiración que o poeta lucense tiña por Ramón.

Coñecida é a actividade a prol da liberdade e a vocación republicana de Ramón Suárez Picallo. Da pluma de Ramón saíron pezas de exaltación desa liberdade que merecen ser tidas en conta polas novas xeracións. Menos coñecida é a súa actividade no cotián. Un home firme nas súas conviccións mais amable, sinxelo, sempre preto dos amigos e disposto a axudar.

Homenaxe a Avelino Díaz polo Conxunto Artístico Galego “Breogán” (xunto a el a súa esposa Felisa Iduriaga, detrás parte do Coro). Fotografía cedida polo autor
Na imaxe superior, Homenaxe a Avelino Díaz organizado pola Irmandade Galega no que fala Castelao(decembro 1947)

Unha axuda e motivación que Avelino Díaz recoñece na dedicatoria a Ramón co gallo da edición en Bos Aires do seu terceiro libro de poemas “Pallaregas” (ano 1963) pouco tempo antes do pasamento diste. Avelino xa non vía ben, lía dificultosamente e manifestaba algúns síntomas da enfermidade que o levara á morte, con 73 anos, o 29 de marzo de 1971, en Bos Aires.

Ramón tiña moito contacto connosco. E digo el connosco pois se achegaba ó Centro Lucence onde desenvolvíamos a nosa actividade mozas e mozos a prol da cultura galega e compartía mesa e viño cando estas actividades remataban. Nunha desas oportunidades entregoume o libro de Avelino e dixo: “Toma, este é un libro dun gran poeta da emigración e vai ser máis útil para vós”.

Coma moitos emigrantes Avelino non tivo formación escolar na Terra. A penas ía a escola cando chovía. Nace Avelino no 1897 no seo dunha familia humilde no lugar da Travesa na freguesía de Santa Comba de Órrea, Concello de Riotorto (Lugo). Os dez anos trasládase a Meira e chegado ós doce inicia o seu periplo como emigrante. En Bos Aires le todo o que chega ás súas mans, traballa arreo cun parente. Fica alí só seis anos e regresa a Meira dise que por algúns problemas de saúde e porque aforrara algo de diñeiro.

Ten a penas 19 anos e, porén, moita creatividade e solidariedade. Exerce en Meira de mestre en tres aldeas mais sen título oficial nin paga. Mantense con viaxes á sega en Castela. Xa con 20 anos decide volver á emigración no 1920. Un ano máis tarde, no 1921, casa con Felisa Iduriaga coa que terá catro fillos.

A partires destas datas desenvolverá unha intensa actividade como propulsor e dinamizador do asociacionismo tan importante na diáspora. Engade una prolífica produción xornalística en periódicos da Colectividade Galega emigrada como El Despertar Gallego, A Nosa Terra, Lugo ou A Fouce.

Nunha homenaxe a Avelino Díaz nótese (a cabeza no primeiro plano) a presenza de R. Suárez Picallo, A. Alonso Ríos e A. Vilanova. Fotografías cedidas polo autor

A súa recoñecida capacidade de orador amósase nos numerosos actos políticos da Galicia emigrada, realizando pronunciamentos contra o fascismo español e a favor do recoñecemento da Nación Galega. No cumio das súas potencialidades creativas dedícase a auto-editar os dous libros mencionados máis arriba. Tanto Flor de retama coma Debezos foron moi ben acollidos pola crítica e pola Colectividade Galega onde tiña aprecio e popularidade. O libro Pallaregas pasou máis desapercibido. O autor xa amosaba os achaques da súa precaria saúde e participaba menos da vida política da Colectividade.

A vida na emigración non é nin nunca foi doada. O mérito dos nosos emigrantes foi traballar arreo na procura da supervivencia e desenvolver unha intensa actividade para manter e desenvolver alí a cultura galega.

Dinos Fernández Salgado (2015):

Na poesía de Avelino, como en xeral na literatura
do exilio e da emigración, o tema do retorno,
da volta ansiada, é motivo recorrente.
Posto que facelo fisicamente é imposible, o
poeta pode polo menos sublimar literariamente
o desexo de voltar ou de moverse libremente.
O soneto “Volveré” é o segundo poema do
seu primeiro libro Flor de retama. “Destino”, o
terceiro. Se examinamos a secuencia desta
apertura poética, a ordenación parece significativa:
“Proa” (dirección) – “Volveré” (anhelo)
– “Destino” (fin, propósito pero tamén “fado,
sino”): “Volveré” (p. 6) reza así:

Volveré por el camino
por donde fui siendo mozo
con este leve retozo
de mi vivir vespertino.

É o final anhelado que nunca chegou a facerse
realidade.

Nós, Pilar e máis eu, xunto a fillos e netos tivemos a sorte de retornar á Terra no 2002. Mais xa dicía eu nunha parte da miña tese de Doutoramento (que coma non podía ser doutro xeito estivo dedicada á emigración) que

Emigrar é a paradoxal apetencia do home por
afastarse daquilo que de seguida ha de recoñecer
como terriblemente necesario: a terra,
cuxa distancia lle vai facer morrer de morriña,
de soidade, de nostalxia, de saudade
(Martínez-Romero (2005:13).

Avelino Díaz morre o 29 de marzo de 1971 no Sanatorio do Centro Galego de Bos Aires. Tiña 73 anos, estaba case que cego e padecía a enfermidade de Alzheimer. Foi soterrado no Panteón do Centro Galego na Chacarita, ó lado de Castelao e Ramón Suárez Picallo, dous homes ós que admirou toda a súa vida.

Panteón do Centro Galego de Bos Aires no Cemiterioda Chacarita
Fotografías cedidas polo autor
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *