ASOCIACIONISMO CULTURAL E RECREATIVO EN SADA NO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX (III)

Manuel Pérez Lorenzo
Algúns dos dirixentes do Centro Cultural Obrero: José Monzo, Manuel Freire-Calvelo,
Elisardo Abruñedo, Francisco F. Vila, José Flórez e Román Balbís.
Fotografías de M. Pérez, Memoria de Sada e Marichelo Flórez

O CENTRO CULTURAL OBRERO, EMBRIÓN DE POSTERIORES PROXECTOS

1930 é un ano de transición. A ditadura de Primo de Ribera derrúbase e ofrécense diversas expectativas de futuro que oscilan entre a volta ao réxime da Restauración ou a exploración dun novo modelo, o da democracia republicana. En todo caso, ante un porvir incerto, a oposición ao réxime ditatorial organízase e coalígase, preparada para tomar o poder. Mais ten que facelo nun marco de falta de liberdades, procurando mecanismos para se materializar e facer visible.

Sada non é unha excepción. No mes de setembro, un grupo de veciños de tendencias ideolóxicas diversas reúnense e deciden poñer en marcha unha entidade de índole cultural e recreativa pero que adquirirá unha dimensión moito maior e funcionará como vertebradora das diferentes propostas da esquerda republicana, do nacionalismo e do movemento obreiro nesa antesala da República. Trátase do Centro Cultural Obrero, un nome empregado tamén por outras asociacións análogas da contorna.

Serán os seus fundadores Elisardo Abruñedo, Avelino Flórez, José Flórez, Juan Bermúdez, Francisco Fernández Vila, Francisco Vales, Manuel L. Freire-Calvelo e un José Monzo que chegaba do seu periplo pola emigración norteamericana. Todos eles tiñan un denominador común: a xuventude. Aos seus 27 anos, Freire- Calvelo era a persoa que contaba con maior experiencia no asociacionismo cultural da localidade. Os demais integrantes non superaban os 30 anos e varios deles contaban menos de 25. Este trazo definitorio non era casual: unha nova xeración irrompía con forza nos diversos ámbitos da vida social, política e cultural de Sada. Era a xeración que protagonizaría os anos vindeiros.

A reunión fundacional tiña lugar o 21 de setembro na casa de Avelino Flórez, en Sada de Arriba. A directiva estaría encabezada por Monzo, presidente, Freire-Calvelo, secretario, o anfitrión, tesoureiro e Francisco Vales, vicepresidente. Provisionalmente, o local social ficaba instalado na rúa Mendizábal (actual Párroco Villanueva)  nº 19-20, trasladándose xa en decembro á Praciña do Conde. Os estatutos, previamente aprobados polo Goberno Civil, definían ao Centro Cultural Obrero como “una sociedad que tiene por objeto el elevar a sus socios a un mayor grado de cultura, y afianzar la unión y sociabilidad de los mismos”. Ademais, incidíase en que “no tendrá carácter político, es decir, que a ninguno de sus socios le será permitido su intromisión en ninguna cuestión política dentro de la sociedad” ao tempo que se advertía de que “no se apoyará a ningún socio en los conflictos que tenga con sus patronos”. Porén, establecíase o dereito á libre expresión nos actos que se organizasen, garantíndose o “perfecto derecho a manifestarse todas las ideas” nas conferencias.

Acta fundacional do Centro Cultural Obrero
A. Reino de Galicia, Fondo Goberno Civil, G-1812

Uns días máis tarde, o 12 de outubro, tiña lugar, no Pabellón Moragra, a inauguración do Centro cun acto público. A prensa recollía o contido da xornada, gabando a iniciativa dos mozos de Sada. El Orzán comentaba a intervención do médico coruñés José Búa Carou, que disertaba acerca do tema “Pro asociaciones obreras de cultura”:

El Pabellón Moragra, donde se celebró el
acto, estaba materialmente atestado de
público.
[…] Habló el Sr. Búa de la labor que realizan
en América los emigrados españoles,
poniendo de relieve los múltiples establecimientos
de enseñanza y beneficencia que los
emigrados levantaron en Galicia para enseñanza
y recogimiento de sus paisanos.
Dedicó un canto a los trabajadores del mar
de la villa de Sada, en su lucha con los elementos
para ganar el diario sustento de su
familia.

La Voz de Galicia, pola súa parte, publicaba a crónica do evento:

Explicó el objeto de la Asociación el presidente
de la misma don José Monzo, inteligente
obrero de la localidad, e hizo a la vez
la presentación de los oradores.

Fueron estos el culto maestro de la Escuela
del Pósito de Pescadores, don Nicandro
Golán Pereiro –que desarrolló el tema
“Epopeyas de España en América” con evidente
dominio del tema– y el distinguido
médico militar, presidente actual de la
“Reunión de Artesanos” de La Coruña, señor
Búa Carou.

[…] Terminó el acto dando gracias al auditorio
y al conferenciante señor Búa, el entusiasta
secretario del Centro, don Manuel L.
Freire-Calvelo, quien tuvo para el docto profesor
y para la veterana sociedad que preside
grandes alabanzas.


UNHA ACTIVIDADE CON MÚLTIPLES FACIANAS

Na súa curta traxectoria, inferior a un ano, o Centro Cultural Obrero desenvolverá numerosas iniciativas: reunirase unha biblioteca, realizaranse sesións de cine e celebraranse charlas sobre temas de utilidade pública. Un exemplo é a palestra dobre celebrada o domingo 14 de decembro, a cargo do médico Eduardo Pérez Hervada e o avogado Joaquín Martín Martínez. O primeiro disertou sobre a tuberculose “desde los puntos de vista médico y social” e analizou os medios de combatela, “afirmando que los dos pilares más fuertes de esta lucha son la cultura y la sanidad”. O segundo falou de “problemas relativos a la educación del niño”, centrando a súa intervención na relación entre as desigualdades sociais e o acceso á formación. Propuña a creación de escolas e cantinas escolares e a concesión de bolsas

propugnando una igualdad de posibilidades
en el momento de nacer, para que cada cual
llegue al lugar que le corresponde, sin que
sea obstáculo la falta de dinero, con lo cual
recibirá también la sociedad un beneficio.

A este acto sucederíano outros de similares características, ao tempo que o Centro incrementaba a súa acción social, benéfica e reivindicativa, logo do afundimento da lancha María del Carmen, no que falecían cinco mariñeiros. Axiña os seus integrantes comezaban unha intensa campaña para recadar fondos cos que paliar a miseria na que ficaban afundidas as familias dos falecidos. Púñana a andar co seguinte manifesto:

Cinco pescadores, cinco obreros del mar en
lucha con el mismo han sacrificado sus vidas
por la conquista de un mendrugo de pan.

[…] a su cuidado tenían pequeños y esposas:
uno de ellos deja varios huérfanos y la esposa
pronta a lanzar otro al mundo. Si en nuestros
pechos hay sentimientos de humanidad, debemos
acudir presto al socorro de su necesidad
y amparo.

Todos a una, con poco sacrificio podremos
hacer mucho para aliviar su crítica situación
y proveer a su sostenimiento y educación.

[…] El Centro Cultural Obrero de Sada está
dispuesto a hacer todos los sacrificios y agotar
cuantos medios estén en sus manos
abriendo una suscripción popular […].

¡Ciudadanos!, socorramos a esos huérfanos a
quienes una horrible desgracia sumió en
tristísimo desamparo.

¡Corazones compasivos!, a vuestras puertas
llama esta Comisión que no hace alarde de
otros títulos que el de sentir como el que más
la compasión por los desgraciados y el más
sincero deseo de socorrerlos! –José Monzo,
Avelino Flórez, Manuel L. Freire-Calvelo y
José Flórez.

Logo dun intenso traballo neses meses finais de 1930, o novo ano traía canda si a renovación da directiva e a súa ampliación de 6 a 13 membros. Monzo seguiría a ocupar a presidencia e Avelino Flórez a tesourería, mais o resto de cargos recaerían en nomes de nova incorporación nestas tarefas, como o mestre Nicandro Golán (vicepresidente) ou Xohán Antón Suárez Picallo (secretario).


TEATRO E MÚSICA: ASOCIACIONISMO AO SERVIZO DA ARTE

Outra vertente da actuación do Centro Cultural Obrero, efémera pero que deixará pegada en ulteriores entidades, consistirá na creación dun cadro teatral e dun coro. Xa a finais de outubro de 1930, a prensa daba conta de que “van muy adelantados los ensayos que realiza el cuadro de declamación”, e anunciábase a inminente estrea do mesmo. Esta tería lugar poucos días despois, o que convida a pensar que os traballos deberon ter precedido á constitución da propia asociación, semanas antes. O conxunto teatral estaba formado por mozos e mozas da localidade, e contaba entre os seus membros a un moi novo Xohán Antón Suárez Picallo como apuntador. Naquela xornada inaugural, ante un público que abarrotaba o Pabellón Moragra, o coro entoaba “cantos regionales” e representábanse La Contrabandista e a comedia Lo pasado o concluído o guardado, de Linares Rivas.

Non tería que transcorrer moito tempo para que as actrices e actores do Centro pisasen as táboas do popular recinto sadense. En febreiro levaban a escena unha nova obra de Linares Rivas, La mala ley. Doutra volta, o teatro conxugábase coa música, concluíndo o evento coa actuación dunha rondalla. Xa no mes de xullo, con motivo das festas do Carme e noutro contexto ben diferente, o público de Sada asistía ao derradeiro acto coñecido do Centro Cultural Obrero. Nesta ocasión, o grupo teatral reforzábase con novos actores e actrices para representar Un drama de Calderón, de Muñoz Seca, e La garra, de Linares Rivas, o seu autor predilecto, polo que se ve. Cinco obras en apenas 10 meses, abordadas por un colectivo afeccionado, dan conta dunha actividade que merece, cando menos, o cualificativo de intensa.

Porén, non era a única entidade que estaba a desenvolver proxectos semellantes. En paralelo, unha asociación xa veterana, a socieade Sada y sus Contornos, fundada en New York pero cunha delegación na vila, creaba outra coral, dirixida por José López, da Coruña, co seu propio cadro dramático. Xa desde o curso 1927-1928 viñan funcionando as escolas custeadas pola entidade neoiorquina, orientadas por avanzados preceptos pedagóxicos e instaladas nun moderno edificio. Agora, a acción educativa complementábase coa organización de actividades culturais na vila nas que se exaltaba a cultura e a lingua galega e nas que se pode intuír a forte pegada de quen exercía o cargo de presidente honorario da entidade: o escritor e político galeguista Manuel Lugrís Freire. De feito, a presentación do coro e do grupo teatral, o 8 de marzo de 1931 e no escenario do Salón Moderno, contaría coa participación do sadense:

La concurrencia fue verdaderamente extraordinaria,
y hubo que suspender la venta de
localidades horas antes de empezar el festival.

Hizo la presentación en un vibrante, elocuente
y enxebre discurso el señor Lugrís
Freire […], entusiasta de dicha sociedad,
llamando la atención sobre la importancia
que aquella agrupación artística tenía como
educadora de las gentes, divulgando la lengua
y la música gallegas […].

Luego la naciente agrupación coral cantó
tres piezas, entre las cuales “A mala fada”, de
Marcial del Adalid, a tres voces, gustó de un
modo extraordinario y fue ovacionadísima.
Se puso en escena después la intensa y hermosísima
comedia en dos actos, “O Pazo”
del señor Lugrís. Los actores se portaron
bien, y las señoritas Genoveva Franco, Josefa
Vecino y Maruja Ramos demostraron que
a su gentileza unen condiciones artísticas de
relevante mérito como aficionadas. La
dramática y simbólica obra, una de las más
bellas del notable autor, gustó como siempre
y reverdeció los bien ganados laureles
de antaño.

Concluía o acto coa lectura dun monólogo de Leandro Carré, bailes de muiñeira a cargo do coro e a interpretación do Himno Galego “que la multitud oyó en pie, llena de emoción”.
A prensa salientaba a calidade da coral, “un conjunto de cuarenta voces afinadísimas entre las cuales descuella la de una tiple, […] la señorita Alicia Casal, pletórica de facultades”. O evento fora un éxito. Ata a Compañía de Tranvías establecera un servizo extraordinario prolongado ata a unha da madrugada para facilitar o regreso á Coruña das persoas que se desprazaran desde a cidade veciña.

Ao igual que o Centro Cultural Obrero, Sada y sus Contornos non deixaría pasar moito tempo ata volver a deleitar ao público local cun evento artístico. O 21 de xuño, tamén no Salón Moderno, representaban dúas obras de Xavier Prado Lameiro e actuaba de novo o coro, entoando alalás e executando números de baile tradicional.

Para entón, a situación xa era outra; tamén a das entidades que traballaban no campo da cultura e do entretemento. O 14 de abril, unha manifestación encabezada polo propio Lugrís Freire percorría as rúas de Sada proclamando a República e inaugurando o novo tempo. Un marco democrático –con todas as dificultades propias das democracias de entreguerras– e de liberdades que permitiría a expansión do asociacionismo en todos os ámbitos e a conformación dun panorama político diverso.

Precisamente, tanto o Centro Cultural Obrero como Sada y sus Contornos cooperaran activamente para a chegada do novo réxime. A entidade nada en Nova York viña de nomear Socio de Honra, en marzo, a Santiago Casares Quiroga, o maior expoñente do republicanismo coruñés, preso entón no Cárcel Modelo de Madrid logo da sublevación de Jaca. Ao seu nome engadíanse os de Villar Ponte e Abad Conde. Toda unha declaración de intencións naquel preámbulo do cambio. O Centro, pola súa parte, estaba a desenvolver esa función catalizadora do obreirismo, a esquerda e o nacionalismo local, servindo como base para a conformación de proxectos que habían xerminar coa nova democracia.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará