A DOCE COLETTE

Quijote
Eu sempre tiven na mente botarme ó monte. Aferrarme á terra coma as bestas salvaxes. Ser coma un cabalo ceibe sen máis deus que a natureza. Deixar que o tempo transcorrera asido ás miñas crinas, cos seus anoxos de inverno e a súas carantoñas primaverais. Encherme de liberdade!

Pero a vida arrástranos, ás veces, a lugares insospeitados. Arremuiñados nun recuncho polo destino, deixámonos remexer ó seu antollo, coma se foramos follas mortas nun outono interminable. Non somos quen de fuxir de nós. Bébedos de razoamentos en prol das excelencias humanas, cegos de noso, imos na procura da estabilidade, e a cada alento novo, en cada cumio novo, atopamos máis inquedanza. Pero agora xa non. Eu non. Agora vou ceibe de calquera prexuízo.

***
Non se pode dicir que deixara de ser feliz na miña infancia ou que non tivera a liberdade necesaria para facer o que calquera neno facía naqueles tempos. Ademais, Sada, onde me criei, era unha vila agarimosa e moi axeitada para que os rapaces puideramos pasalo ben. Pero, non sei se de escoitar falar a Don Pedro Latas (o meu ben recordado profesor da escola) das modernidades e avances industriais nas grandes cidades ou que decotío rebulían paxaros na miña testa, fuxín da casa. Deume unha tolada e marchei sen máis cartos que os que pillei dun caixón da cómoda de miña nai, e sen máis pertenzas có posto e unha maleta máis chea de soños imposibles que doutra cousa.

O caso é que despois de innomeables falcatruadas coeime de polisón nun transatlántico que ía cara a América. Agochado todo o día, coma una rata máis da bodega daquel barco, facíanseme interminables as horas. Pola noite, como todos durmían, non sendo algún paparón que mo poñía difícil, aproveitaba para acadar provisións na cociña ou onde puidera atopar algo comestible. Fíxose longo aquel sen vivir, tendo en conta que, a maiores, non tiña nin idea de onde ía rematar aquela viaxe nin canto habería de durar. Non podería calcular os días que pasei desexando ver o sol, pero parecéronme unha eternidade. Unha noite, cando me dispoñía a facer a miña rolda de sempre, deime conta de que axiña iamos chegar a terra, pois toda a xente andaba alporizada. Empezou todo a bulir e a piques estiven de ser descuberto. Cando estivo atracado o barco, xa raiaba o sol. Eu, aínda que morría por encherme de luz, tiven que esperar que chegara a calma, que non chegou ata a anoitecida. Así que me vin, coa miña maleta baleira, pasando frío por uns peiraos cheos de xente farrapenta cos que non puiden entenderme, non sei se por bébedos ou porque falaban unha fala descoñecida para min. Non moi lonxe, unhas luces de neón escintilaban no que puiden supoñer como os arrabaldes da cidade. Achegueime ata alí e vin aquilo ateigado de homes e mulleres de todo xeito. Homes de pel escura con colares de ouro. Mariñeiros de peitos engurrados e brazos tatuados. Homes grandes de cabelos dourados e ollos azuis, ou homes pequenos de cabelo escuro e ollos chineses. Todos eles semellaban ser xente do mar afastados moito tempo da terra firme. Todos eles na procura de alcohol e das mulleres que por alí andaban ben rechamantes e lixeiras de roupa malia que o tempo non era para tal. Axiña me vin coma un can, escorrentado por aqueles lobishomes que se mofaban de min e que ben entendía, sen entenderlles nada. Ríanse, empurrábanme, facíanme xestos porcalláns e mesmo alguén, con diñeiro na man e movendo a súa pelve, sinalábanme indecorosamente as carnes graxentas daquelas pobres mulleres. Cando xa decidira fuxir de semellante tolemia, unha desas mulleres que por alí andaban veu cara a min e falándome con acento americano díxome cun sorriso:

No te azuctec, mi amol…! Queeate acá conmigo,
que la nochsie etá mu fría”

Enchéronme de ledicia aquelas verbas que escoitaba. Xa tiña ganas de ter con quen falar despois de tanto tempo; saber onde estaba; ter unha man amiga… Endexamais me puiden esquecer daquela muller coa vida desamañada, pero chea de encanto e de bondade.

“Mon amour, chiot, chiot…! Mon amour, chiot, chiot…!” Orixinal de M. Suárez de Concha

Chamábase Valentina e tiña alugado alí un pequeno apartamento a onde levaba ós homes; pero aquela noite soamente me levou a min e non polos meus cartos. Aquela noite, ós dous prestábanos falar e falamos dabondo. Souben que era Nova York o lugar a onde chegara e que ela tamén o fixera un bo día fuxindo da miseria e dun home que tiña pouco de home e moito de salvaxe. Ofreceume acougo na súa casa ata que puidese amañar outra cousa e quedei sen pensalo dúas veces. Durmía no sofá do salón de tal maneira que me fun acostumando ó xeito de ter que marchar e tornar coa mesma quenda cá dos homes que alí chegaban ou saían. Co tempo, pasei a ser un máis naquel mundo estraño; mesmo facía as cousas da casa, coma andaba a buligar polos bares da zona mesturado coas xentes de todo tipo e condición que por alí andaban. Folgando entre aquelas mulleres obrigadas a enganar e uns homes afeitos a ser enganados, foron crecendo as miñas habilidades e, case sen darme conta, convertinme nun pícaro sen vergoña. Un mariñeiro, seareiro daquel barrio que, inda que bo home, era máis bebedor que mariñeiro, aprendeume a tocar o acordeón. Non tendo máis que facer, botei horas e horas argallando nas teclas daquel aparato e puiden axiña tocar de corrido un pasodobre e algunha que outra cousa. Dediqueime entón a percorrer toda canta taberna, cantina ou bar que por alí había, amosando o meu repertorio. Aquilo resultou  ser un bo negocio, a máis dos cartos apañados, comía e bebía canto puidese desexar e tiña de balde ó meu antollo os agasallos carnais de moitas daquelas mulleres. No fondo era un pobriño… Namoreime de Colette, unha francesa de cabelos dourados a quen todos desexaban. E ben que me previu Valentina… Mais eu derretíame ó sentir o seu alento mergullándose na miña faciana namentres musicaba cos ollos pechados:

Mon amour, chiot, chiot…! Mon amour, chiot,
chiot…!

Despois de tanto tempo, eu xa viña de volta de cantos avatares me puidese atopar no medio daquel enxame no que andaba a vivir. Pero non sospeitara ata que punto os celos habían de rabuñar as miñas entrañas e roubarme o sentido. “Eu son de quen me paga” Espetábache de decotío Colette. Ben sabía cal era o seu traballo, pero xa logo non era quen de soportar que a súa perfumada e delicada pel puidese ser mel de deuses para outros labios que non foran os
meus. E unha noite, cego de dor e bébedo coma nunca me vira, arranqueina dos brazos dun home nos que andaba e asesteille unha puñalada mortal. Leváronme preso e o xuíz botoume doce anos de prisión. Dábame igual doce que douscentos; as miñas ilusións fóranse todas con Colette. Pero na cadea pásanse moitas horas folgando e xúntaste a xente do máis insospeitado proceder. Un tal Salvatore dominaba o penal e nada sucedía sen o seu consentimento. Ó parecer era un afamado mafioso neoiorquino que alí todos respectaban, ata os gardas da prisión. El andaba sempre ó seu e, non sendo cuns poucos achegados, non falaba con ninguén. Máis eu debinlle caer ben que me mandou chamar.

-Vostede dirá, Don Salvatore

-Faleille coidando de mostrar respecto.

-Verás, rapaz… -Díxome poñendo o seu brazo sobre os meus ombros.- Ti aínda non o sabes, pero dígocho eu: Levas máis de cinco anos xa na cadea e, polo teu bo comportamento e outras circunstancias, vanche rebaixar os anos de condena e
botarte fóra axiña. Chegado ese día, teño un bo traballo para ti.

Tal coma me anunciara o gran Don Salvatore, axiña me atopei polas rúas de Nova York traballando para el. Cando quixen darme conta, xa me convertera nun respectado mafioso. Tiña un coche de luxo, vivía nun fermoso e céntrico apartamento, e as máis cotizadas mulleres da cidade daban, de cando en cando, unha pasada pola miña cama. Entrei nunha espiral de ansiedade; desexaba telo todo; todo ó completo; ser o máis grande… Mudeime a Miami e montei o meu propio negocio coa axuda de matóns da miña confianza.
Non foi doado. Polo visto, as xentes daquela cidade non estaban adoitadas a se dobregar con facilidade e tivemos que empurralas. Un bo día, por sorpresa e á mesma hora, pasamos cos coches por diante de sete establecementos rebeldes e ametrallámolos. Eu mesmo ía nun dos coches disparando. Foi impresionante. Era a nosa guerra e gañámola. Fomos nova de portada nos xornais de todo o mundo. Agachámonos por un tempo e ninguén deu con nós, pois nada sabían, non sendo os que podían morrer e calaban por medo. Cando tocou tornar, non foi necesario facer máis demostracións de forza; todo o mundo prestouse a colaborar. O negocio comezou a rodar e medrar e, como xa tiña a pel curtida para calquera cousa, ampliei os eidos de actuación. Abandonei pouco a pouco o asunto da extorsión e centreime no contrabando internacional: Armas, drogas, pedras preciosas, obras de arte ou calquera cousa que fose rendible sen importar o risco. Amasei diñeiro coma un banco. E o que son as cousas…; pasei a ser un mecenas; un home querido e admirado. Con cartos todo é posible, mesmo ter o poder. Eu fun quen de pór alcaldes, cambiar gobernos, impulsar revolucións… Podíase ver alí por onde eu pasara unha rúa co meu nome, ou escolas, ou teatros; mesmo chegáronlle a pór o meu nome a un estadio de fútbol. Mercara unha illa, tiña un iate que máis parecía un pazo flotante que un barco, e un avión privado co que chegaba nun abrir e cerrar de ollos a calquera lugar do mundo. Tíñao todo, máis do que endexamais puidese sospeitar. Pero non era feliz.

Nunha festa que celebraba na miña casa de Miami, veume a luz. Nese intre deime conta de que realmente non posuía nada con verdadeiro valor. Que non tiña a ninguén. Que estaba só, inda que todo o tempo o pasase rodeado de xente que me afagaba. Que só xente allea era todo o que atesouraba de familia. Acordeime de Valentina que ben me avisara: “Non te deixes emboubar por Colette”. Colette…! A doce Colette…! Rompérame o corazón e a vida. Era tan fermosa que certamente me embobou.

Ela foi o meu primeiro amor; o único amor… Con estes pensamentos andaba cando decidín deixalo todo. Deixalo todo. Desaparecer.

Pareime a pensar na estratexia a levar a cabo para fuxir, e decidín botar man das miñas influencias. Despois de darlle poderes legais e absolutos a quen estimei conveniente, cambiei o rostro e a impresión dos dedos nunha clínica de cirurxía estética. Borrei dos rexistros oficias tódalas miñas pegadas, e cambiei de nome e apelidos. Coa nova identidade, novo pasaporte e o meu acordeón que sempre conservei, decidín volver ós arrabaldes de Nova York.

Malia suxerir dor na miña conciencia, trinta anos despois ese lugar mantiña a quentura de inferno que recordaba e a dozura de ceo que me encandeara.

Volvín ao meu antigo oficio de facer soar o acordeón naquelas rúas. Comía e bebía coma o fixera entón. Tornara ó mesmo xeito de vivir daqueles anos, pero ninguén facía memoria do rapaz miúdo que tocaba o acordeón. Mellor; moito mellor. Nese intre soamente cobizaba atopar felicidade. E tíñaa…, tanta que ata recobrei, como xa non recordaba, a morriña da miña Sada querida; da familia perdida.

***
Antonte entrei a tocar nunha taberna e, de súpeto, case que me dá un volta. Alí estaba, fermosa coma sempre… Coa mesma xuventude. Co mesmo corpo de anxo. Cos seus cabelos dourados e ollos azuis. Con ese amplo sorriso na mirada que semella quererte bicar. Cos seus beizos carnosos, quentes, delicados e perfumados de mel de deuses…

Era Colette…? Non morrera…?

Semellaba que non pasaran aqueles trinta anos por ela. Era coma un milagre; coma unha aparición; coma se se reencarnase nela mesma. Ríase coa xente coma sempre rira. Rifaba coa xente coma sempre rifara. Todos querían ir canda ela. Movíase coma unha deusa e se alguén a amolaba, dicía coma sempre dixera: “Eu son de quen me paga”. Ía cun home e ó cabo ía con outro, e outro… Non me importou. Agora xa no me importa o que faga. Agora os celos xa non rabuñan as miñas entrañas nin me rouban o sentido. Agora xa non. A min non. Agora vou ceibe de calquera prexuízo.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *