Un nacemento marcado polo traslado dos restos de Suárez Picallo
A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo fai 10 anos. Unha década traballando pola dinamización cultural de Sada, o coñecemento da nosa realidade local, a difusión do coñecemento e a expresión da identidade galega. Desde este ano 2018, permitirémonos botar a vista atrás para repasar unha traxectoria aínda curta –se nos comparamos a outras entidades– pero enriquecedora, fundamentalmente grazas ás colaboracións desinteresadas de tantas persoas que nos permitiron poder desenvolver as nosas actividades. A continuación realizaremos un percorrido por estes dez primeiros anos de vida. Contribuirá, de seguro, a renovar os pulos que nos leven a proseguir no camiño, redefiníndoos sempre que sexa preciso co obxecto de procurar acadar novos públicos e de medrar en presenza social para que, en definitiva, a achega que, desde a nosa humildade, poidamos realizar sexa a cada paso máis útil á sociedade.
Vicepresidente
Secretaria
Tesoureira
Vogais
O 2008, a nova entidade dedícao exclusivamente á programación de actividades para o Ano dos Irmáns Suárez Picallo. En maio e outubro, co patrocinio de entidades públicas e privadas, realiza dous ciclos de xornadas sobre ambos irmáns, con charlas e mesas redondas nas que interveñen historiadores e investigadores como Carlos Velasco, Esperanza Mariño, Emilio Grandío, Eliseo Fernández, Justo Beramendi, Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas, Hernán Díaz, Edmundo Moure (que veñen desde Arxentina e Chile, respectivamente), Xesús Torres, etc., ou testemuñas vivas que os trataron como Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas.
No marco das xornadas realízanse roteiros por Sada e saen á luz diferentes publicacións de textos de Ramón Suárez Picallo impulsadas pola comisión: La feria del mundo. Crónicas desde Chile, coordinada por Edmundo Moure e Carmen Norambuena, e Selección de textos en galego, coordinada por Francisco Pita e Manuel Pérez Lorenzo. Ambas obras son publicadas polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Sada.
No mesmo marco, a Comisión crea unha exposición sobre os irmáns Suárez Picallo, composta de 12 paneis nos que se desenvolve a súa biografía con textos e material gráfico e unha colección de obxectos persoais que se exhiben nunha vitrina, así como un folleto no que se reproduce o seu contido. A mostra inaugúrase en Sada en maio e percorre posteriormente numerosos concellos de toda Galicia. En outubro envíase unha réplica a América, percorrendo Arxentina e Chile.
O 14 de abril, para conmemorar o aniversario da proclamación da II República, realízase unha ofrenda floral ante o monumento ás vítimas da represión franquista en Sada, inaugurado meses antes. Esta cita quedará fixada no calendario local para os próximos anos.
O Ano dos Irmáns Suárez Picallo culmina co traslado dos restos de Ramón polo Concello de Sada (personificado no alcalde, Abel López) e a Xunta de Galicia (representada polo Secretario Xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema) desde Buenos Aires a Sada, sendo soterrado no cemiterio do Fiunchedo o 14 de outubro logo dun acto institucional no que participan o Vicepresidente da Xunta de Galicia (Anxo Quintana), a corporación municipal, personalidades da cultura e da Universidade e a directiva da nosa comisión.
En febreiro do 2009 a Asemblea nomea unha nova directiva, incorporando a Jesús Castro, Amable Carballeira e Ramón Tenreiro como vogais. Este novo ano estará marcado por un proxecto ambicioso. Logo da intensa experiencia do 2008, a Comisión proponse a edición dun libro en gran formato no que se recollan colaboracións de diferentes investigadores sobre Suárez Picallo, así como abundante material gráfico e documental. Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo preséntase en Sada o 16 de outubro. Conta coas colaboracións de Ramón Villares, Xesús Torres, Emilio Grandío, Hernán Díaz, Justo Beramendi, Manuel Pérez Lorenzo, Edmundo Moure, Francisco Pita Fernández, Alfredo Erias, Esperanza Mariño e Mercedes Fernández-Couto.
Nese mesmo ano, o 14 de outubro, coincidindo co cabodano da morte de Ramón Suárez Picallo e o aniversario da súa repatriación, organízase unha ofrenda floral ante a súa tumba, acto que tamén será repetido cada ano de alí en adiante. Asemade, o 17 de outubro créase un blogue, coordinado por Francisco Pita e no que se colgan textos de autores locais (nomeadamente de Ramón Suárez Picallo) e se anuncian as próximas actividades.
A conversión en asociación cultural con vocación de permanencia
A comezos do 2010 celébrase unha Asemblea Xeral Ordinaria na que se dá conta das actividades realizadas ata o momento, establécese unha cota anual para as socias e os
socios e exponse a necesidade de abordar a transformación da Comisión nunha asociación cultural cun abano máis amplo de campos de actuación, con vocación de permanencia e aberta á participación de toda a cidadanía.
Apróbase esta proposta, modificando o nome da entidade por Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. Unha das prioridades da Asociación desde ese momento será incrementar o seu número de socios, acadando a cifra de 40 en outubro. Á directiva incorpórase Xosé Val Díaz como tesoureiro.
En anos posteriores, e ata a actualidade, Francisco Pita seguirá a desempeñar o cargo de presidente, integrándose en tarefas directivas en diversas etapas Estevo Rodríguez Liste, Laura I. Pita Campos, Xaime Rodríguez Rodríguez, David García Pauwels, Vanesa Santiago Vázquez, Carme Gratacós Ríus, Rafael Carballeira Coego e José Garrote Martín.
A partir desta reconversión, comezaranse a desenvolver actividades con maior periodicidade: charlas, mesas redondas, presentacións de libros, proxeccións de documentais, actuacións musicais, homenaxes, etc. A mostra sobre os Irmáns Suárez Picallo proseguirá coa súa itinerancia por municipios de toda a xeografía galega, e crearanse novas exposicións: Francisco Varela Posse. O fotógrafo de Sada ou Ricardo Flores. Sempre en Sada. 2002-2012. Promoveranse tamén diversas publicacións, como os Cadernos de Estudos Locais ou os Cadernos de Estudos Xerais, e traballarase conxuntamente co Concello na programación cultural integrada na Feira Modernista, desenvolvendo roteiros, realizando charlas e elaborando a exposición A arquitectura modernista en Sada, que foi exhibida en anos sucesivos. A colaboración co ente municipal tamén deu froitos na conmemoración do na- cemento de Manuel Lugrís Freire, coa organización de actos, a exposición Manuel Lugrís Freire. 150 aniversario e a edición dos libros A idea na palabra. Textos e documentos recuperados de Manuel Lugrís Freire, coordinado por Manuel Pérez, e O penedo do crime, de Lugrís Freire, primeira novela escrita integramente en galego, que contou coa edición e estudo introdutorio de Xabier Campos Villar. Ambos volumes foron impresos pola Deputación da Coruña.
Ao longo destes anos, manterase unha estreita relación coa diáspora americana. Por Sada pasarán os escritores chilenos Gonzalo Contreras e Theodoro Elssaca, a escritora e docente arxentina Nora Strejilevich ou o coro de Casa Galicia de Nova York. Tamén terase ocasión de homenaxear a Manuel Couzo, presidente do C. E. Sada y sus Contornos de Buenos Aires.
Como proxecto central, que serve, ademais, para estruturar o calendario anual da asociación, ponse a andar unha revista cultural. Co nome de Areal. Revista Cultural de Sada será presentada o 15 de outubro de 2009 na Casa da Cultura Pintor Lloréns. A súa periodicidade será semestral, vendo luz un novo número nos meses de outubro de abril. As súas páxinas acollerán artigos sobre temas históricos, literarios, científicos ou etnográficos, crónicas de opinión e a reprodución de textos e documentos de índole local.
O presente exemplar é xa o décimo sexto e no vindeiro ano Areal poderá celebrar os seus dez anos de vida, un periplo irrealizable de non ser polas colaboracións dos comerciantes locais que, ao se publicitaren, sufragan en boa medida a súa impresión, cunha tirada que acadou os 900 exemplares no número anterior.
Na última asemblea xeral da asociación, celebrada o pasado mes de febreiro, elixiuse unha directiva composta polas seguintes persoas:
Presidente
Francisco A. Pita Fernández
Vicepresidente
Manuel Pérez Lorenzo
Secretario
Manuel Blanco Dans
Vicesecretaria
Marisa Naveiro López
Tesoureiro
José Garrote Martín
Vicetesoureiro
Estevo Rodríguez Liste
Vogais
Jesús Castro Vidal
Vanesa Santiago Vázquez
David García Pauwels
Rexina Basadre Orozco,
Xaime Rodríguez Rodríguez
Rafael Carballeira Coego
Amable Carballeira Caño
Publicacións
Libros
–Suárez Picallo, R.: La feria del mundo. Crónicas
desde Chile selección (coordinado por E. Moure e
C. Norambuena) Santiago de Compostela: Consello
da Cultura Galega; Sada: Concello de Sada,
2008 (promovido pola Comisión Suárez Picallo).
–Suárez Picallo, R.: Escolma de textos en galego,
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega;
Sada: Concello de Sada, 2008 (promovido e
coordinado pola Comisión Suárez Picallo).
–VV.AA.: Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo, Sada: Comisión Irmáns Suárez Picallo, 2009.
–Lugrís Freire, M.: A idea na palabra. Textos e documentos recuperados (edición de M. Pérez Lorenzo), A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, 2014.
–Lugrís Freire, M.: O penedo do crime (edición de X. Campos Villar), A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, 2014.
Publicacións periódicas
–Areal. Revista Cultural de Sada
Periodicidade semestral. 16 números
–Cadernos de Estudos Locais
1 – «O Ateneo de Cultura Política y Social: unha
experiencia societaria na Sada da II República
» / M. Pérez Lorenzo
2 – «As letras e o mar» / M. L. Freire-Calvelo, R. Suárez
Picallo
3 – «As letras e as festas» / E. Rocha Llobregat, M.
L. Freire-Calvelo, R. Suárez Picallo, X. A. Suárez
Picallo
4 – «Manuel Couzo e o C. E. Sada y sus Contornos
» / A. López Soto, M. Pérez Lorenzo
Números extraordinarios e especiais:
«Isaac Díaz Pardo e as Cerámicas do Castro» / X. Díaz
«Isaac en Sada: documentos» / AA.VV.
«Chovía en Boisaca. Palabras para Isaac Díaz Pardo no II cabodano do seu pasamento» / AA.VV.
«Mariñana, unha revista ilustrada na Sada de 1925» / Xesús Torres Regueiro
«Pombas e mazás. Palabras para Isaac Díaz Pardo no III cabodano do seu pasamento» / AA.VV.
«Opúsculo agradecido. Paralabras para Isaac Díaz Pardo no IV cabodano do seu pasamento» / AA.VV.
«As sete Terrazas de Sada» / J. R. Soraluce Blond, L. Bouza «Bo e xeneroso: Palabras de Isaac Díaz Pardo no V cabodano do se pasamento» / AA.VV.
Visita de integrantes da A. C. Irmáns Suárez Picallo e do Concello de Sada, representado pola concelleira Gabriela Castro, a Isaac Díaz Pardo para entregarlle as nosas publicacións
–Cadernos de Estudos Xerais
1 – «Xosé María Díaz Castro» / E. Mariño Davila, V. Pérez Prieto, A. Blanco Torrado
2 – «De Galicia a Chiloé. Chile a la vista de E. Blanco-Amor» / L. Pérez Rodríguez
3 – «Impresións de Emilia Pardo Bazán sobre a Primeira Guerra Mundial» / M. González Prieto e R. Axeitos
Valiño
4 – «Moncho Valcarce: un militante social e político galeguista, un cura atípico, un profeta e un místico cristián
» / VV.AA.
5 – «Evocación e lembranza de Manuel Espiña Gamallo» / VV.AA.
6 – «Luisa Viqueira Landa: unha heroína republicana» / VV.AA.
7 – «Oitava de voces para Manuel María» / VV.AA.
8 – «A longa pós-guerra (1936-1953) de Ramón Villar Ponte» /José-Mª Monterroso Devesa
9 – «Maruja Mallo: Vida e exilio dunha artista universal» / Carlos Nuevo Cal e Analía Álvarez González
10 – «Os Seis poemas galegos de Federico García Lorca» / L. Pérez Rodríguez
11 – «Julio J. Casal e Galiza» /José-Mª Monterroso Devesa