Luis Antonio Giadás Álvarez
Eduardo Pondal era un poeta cosido á súa patria chica, a bisbarra de Bergantiños. Por iso, cando nace a Fundación que leva o seu nome, no Couto de Ponteceso, o primeiro acto será a inauguración do Roteiro do Val Nativo (como o vate denominaba á veiga baixa do Anllóns). Por iniciativa de José María Varela Martínez –a alma cultural neste territorio– e de Xosé Manuel Varela Varela –activo dinamizador– e co enxeñoso deseño de Adrián Varela Bermúdez, o escultor cabanés Anxo Cousillas Bermúdez elaborou catorce menhires, dez deles dun metro de altura e os outros catro de dous.
Estes monólitos balizan un itinerario de catro quilómetros (dous de ida e dous de volta), que recolle a esencia xeográfico-sentimental do Bardo de Bergantiños. Cada monumento leva inscrito os dous versos iniciais dun poema acaído
ó lugar onde está erguido e, enriba, o perfil de Don Eduardo, coa gorra de viseira coa que o debuxara para “La Voz de Galicia” Fernando Cortés Bugía, o 19 de novembro do 1912. O camiñante pode guiarse pola nariz desta efixie: cara onde apunte aquela, alí continuará o roteiro.
Apuntemos que este proxecto é o froito dun traballo iniciado pola A. C. Monte Branco, grazas a unha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Colaboraron tamén a Deputación de A Coruña, que editou os folletos divulgativos, e o Concello de Ponteceso, acondicionando a senda.
O día de Santa Lucía do ano 2008 veu a “lus primeira” a Fundación Eduardo Pondal: nesa mañán (“miñán”, como se di no dialecto local) case cincuenta peregrinos inauguraban este Roteiro, entre eles os escritores Xelucho Abella Chouciño e Fernando Cabeza Quiles. Nestes nove anos, ducias de centros escolares e de asociacións de toda caste repetiron esta experiencia, auxiliados polas amenas explicacións do guía municipal Francisco Javier Couto Castro.
Para calquera dos nosos lectores que se animen a emprender este safari literario, pasamos a describir o percorrido.
O inicio do Roteiro sitúase na Praza do Recheo, na propia vila de Ponteceso, nun lugar habilitado para estacionamento de autobuses. Alí, no Paseo Fluvial, atopará un enorme monólito, creación de Isaac Díaz Pardo e esculpido polos artistas José Manuel Castro e Sabino Antelo, inaugurado o 17 de maio de 1981, gravada nel a esgazadora suidade (morriña) do protagonista da “Campana d’Anllóns”:
Campana, se polo vran
ves lumiar na Ponte-Ceso
a cachela de San Xoán,
dille a todos que estou preso
nos calabozos de Orán.
Do outro lado da ponte que cruza o río Anllóns, érguese o primeiro menhir, xunto á casa natal do poeta –pedra, cristal e mirto–, propiedade privada da súa familia política, ó morrer el mesmo e mais os seus irmáns e irmás sen descendencia recoñecida:
Eu nacín en agreste soedade,
Eu nacín cabo dun agreste outeiro
Pr’onde o Aullóns, con nobre maxestade
camiña ao seu destino derradeiro.
A rentes da entrada desta casa soarega está o segundo menhir, no alto das escaleiras que soben á Bouza:
Cada esp’rito é un paxaro prisioneiro
que canta a súa prisión… e, saudoso,
recorda o seu fogar, o seu rueiro
e o seu bosque nativo e silencioso.
O terceiro menhir, pegado ó muro da Casa Pondal, avantando pola Corredoira dos Belechos:
Volvendo de lonxes terras
con suidás no corazón,
vin dispois de longos anos
onde a miña crianza foi.
Aos poucos metros deixamos esta pista de terra e internámonos pola estrada asfaltada que leva ata a aldea de O Couto, quedando a nosa dereita a Casa Cuartel da Garda Civil. Agárdanos, á man esquerda, o cuarto monólito, na encrucillada entre O Couto e Cedeira:
Da xa pasada xuventú,
queridos amigos,
e tamén da miña infancia,
para de min vós serdes esquecidos
nada pode o pesar, nada a distancia.
Xa albiscamos ao lonxe o campanario de Santiso de Cospindo. Á nosa dereita, o quinto monólito, ó pé do Cruceiro da Bouza:
Carballos de Carballido,
cando era rapaz deixeivos;
vin despois de muitos anos:
xa vamos vellos.
O sexto monólito, na encrucillada entre o local “Monte Branco” e o camiño á igrexa de Santiso de Cospindo:
Castro verde
Castro verde, que rodeado
dun pequeno pinarete,
que se brandea co vento
e que parece que xeme
estrofas acompasadas
de Celt e de súa xente.
Xiramos cara á dereita, abeirando o valado que linda co cemiterio, atopando o sétimo monólito, na encrucillada da pista ao Briallo e a que vai á devandita igrexa de Santiso:
¡Como branquea de lonxe,
como branquea o pombal,
ó pé dos garridos pinos
que doce abrigo lle dan!
¡Que garrido…! Miña nai,
¿de quen é aquel pombal?.
Pasamos a rentes do ben conservado pombal e do adro: o cruceiro con pousadoiro alíñase coa fachada da igrexa nunha fermosa postal. Alí, enfronte á Fundación Pondal, o oitavo monólito, na pista que vai ao Torno:
Certo, este é Lestemoño,
cos seus prados arredor;
aquel é San Vicente
da Graña o rueiro bo.
Fronte ao portal de acceso á Fundación, o noveno monólito, na encrucillada entre a Rúa da Fonte e a pista ó Quinteiro:
Aquel pobo que, imbécil e brando,
non honra os maiores,
ese pobo, en verdade, perece
e corre a vil morte.
Atravesamos a aldea de O Couto, cruzando a praza de O Quinteiro –escenario da performance “Noites do prácido luar”– e a Rúa da Torre, ata acadar a encrucillada da estrada O Couto/Corme coa pista que baixa a Currás. Doutro lado da estrada, espréitanos o décimo monumento:
Lugares, caros lugares,
¿non me conocedes vós?
¿Tan mudado m’atopades
daquel tempo que pasou?
Certo, vós sóde-los mesmos,
mas eu o mesmo non son.
Proseguimos pola pista asfaltada de Currás (opcional seguir en liña recta ata as dunas da Barra, todo un sorpresivo descubrimento para os foráneos). O undécimo monólito agóchase nunha máxica férveda, a Fonte da Moura: Lugar do río de profunda canle do río Lagares, onde se di que habita unha princesa moura.
A partires da Fonte da Moura, gabeamos por unha enfesta pista de terra, o camiño que seguían os traballadores – e, sobre todo, as traballadoras – da mina de titanio que había na Praia de Fóra ou Praia Pequena de Balarés, iniciativa do senlleiro xeólogo Isidro Parga Pondal. Encastrado nun valado, o duodécimo menhir:
Polo baixo cantando,
o boo bergantiñán,
co’aguillada ó lombo
e garboso ademán,
que á Ponteceso leva,
en noite de luar.
Saímos desta corredoira a unha chanceira – o Alto das Travesas – onde, a xeito de cruceiro, permanece o décimo terceiro monumento:
Parece un pino botado do vento parece botado do Mar de Niñóns. Á esquerda deste cruce, subimos pola estrada asfaltada, apenas uns centos de metros, ata o noso destino final, o Monte Branco, xalonado coas torres de comunicación. Naquel altor, está a recompensa polo noso esforzo peregrino: a panorámica do Esteiro do Anllóns e da Ría Corme-Laxe, da que o entusiasmado Manolo Rivas comentou que “había que poñer alí unha
Escola de Beleza”.
Neste impresionante enclave, o décimo cuarto e derradeiro monólito despídese de nós, rematando aquí este Roteiro Pondaliano polo Val Nativo:
Alí xaz o que fora
noutros tempos, cantor dos eidos nosos.