PACO LORES: DEFENSOR DOS DEREITOS DOS EMIGRANTES

Analía Álvarez González

Coñecín a Paco Lores hai máis de vinte anos na cociña da miña nai en Bos Aires. Cheguei xusto a tempo de vela facer o caldo: as verzas e nabizas limpas, as fabas na auga, as patacas cortadas en cachelos, unha peza de unto traído como tesouro de Galicia, e o pote fervendo cuns ósos. Da radio saía unha voz masculina potente e grave, cun marcado acento galego-arxentino que falaba dos dereitos dos emigrantes, e cando o xornalista lle preguntaba, contestaba enfadado sen dar respiro á audiencia. “Quen é?”, pregunteille á miña nai, e ela díxo-me: “é o louco de Paco Lores”. 

A partir de aí seguino, e escoitei cando dicían que era un galego groseiro porque non respectaba as normas do protocolo e saudaba á monarquía sen reverencias, nunha clara mensaxe republicana. A súa presenza intimidaba a moitos dirixentes da colectividade que o viran como unha ameaza á orde establecida, porque no seu diálogo non perdía o tempo, enfrontaba os temas sen rodeos. Non pasou moito tempo para que o protocolo da monarquía española se relaxase e modernizase. 
Afirmou a súa vida enteira en principios republicanos, foi claro nos seus obxectivos para os que pelexou todos o días. Tiña a coraxe de dicir o que pensaba e os demais non se atrevían a pensar. Como home de acción encabezou as reivindicacións dos emigrantes, non só dos galegos, senón de todos os españois para conseguir de España unha pensión non contributiva que os axudase a sobrevivir. Falou en fronte de miles de persoas no festivo Campo Galicia para saudar ao electo presidente Aznar, e, inesperadamente para uns e previsiblemente para outros, Paco pediulle unha axuda para os emigrantes españois que na súa vellez estaban pasando necesidades. Moitos que o criticaban, ao pouco tempo, descubriron que a eles tamén lles correspondía a pensión e fixeron o trámite para solicitala. 
Acompañan este artigo, dúas imaxes de Francisco Lores na Federación de Sociedades Gallegas no ano 2008, nesta na compaña da autora do presente artigo. Cedidas por Analía Álvarez
A inxustiza irritábao e tiña predilección polos grupos e as persoas desfavorecidas, rapidamente dáballes o seu apoio, participaba das súas reunións e xestionaba o necesario para solucionar os seus problemas e que atendesen as súas reclamacións. Por iso con valentía estivo xunto ás Nais da Praza de Maio e encabezou as reclamacións na querela polos españois desaparecidos na ditadura cívico-militar. 

Hai algúns anos, cando os funcionarios, artistas, escritores, políticos e turistas de visita na Arxentina entraban na Federación e ollaban a bandeira vermella, amarela e morada nun lugar de privilexio, crían que era un agarimoso recordo de épocas pasadas, pero cando escoitaban ao seu presidente falar da República como un desexo de futuro, pensaban que ese home non estaba ben informado. Pasou o tempo e a discusión da República foi o tema de portada dos xornais galegos e españois, e moitos en silencio acordáronse de Paco Lores. 

Sempre dicía que emigrou a Arxentina namorado polo tango, que cantaba moi ben, esa música que convida ao abrazo, tan urxente cando un ten dezaoito anos e moitos soños. Un recordo que o acompañou toda a vida foi a súa chegada a Bos Aires, que estaba cuberta de crespóns negros e sumida en pranto, xa que morrera Evita, “a abandeirada dos humildes”. Non comprendía ben o que pasaba, pero a tristeza da multitude nas rúas fíxolle ver que chegara á República Arxentina, onde se reclama, se sofre, se festexa na rúa coa xente, onde un descoñecido pode pasar a ser un compañeiro. Compañeiros como foron Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela, cos que se formou politicamente e compartiu interminables charlas e discusións. Quizais nos faladoiros dos cafés da Avenida de Maio, onde descubriu ao Bos Aires dos seus soños adolescentes e se converteu nun galego moi porteño. 

Ao pouco tempo de chegar entrou na Federación da man dos seus veciños do Grove con tradición agrarista e republicana. Alí atopou unha intensa vida cultural, un espazo de inter-cambio social, e o que daba vida a esa Galicia na diáspora, o compromiso político. A súa vida transcorreu entre a súa casa e a fábrica nas proximidades da cidade e a Federación no centro, onde coñeceu á súa esposa e nai dos seus fillos, con que compartiu os ideais de liberdade. Eses ideais que o levaron a enfrontamentos, rupturas, discusións, pelexas que ás veces chegaron máis aló das palabras, e levárono a crecer como dirixente. Con valentía rompeu e afastouse de agrupacións nas que militaba porque non defendían os dereitos dos emigrantes. 

LORES MASCATO, Francisco. Nace en O Grove en 1934. Llega a la Argentina a los 18 años y se vincula a la Federación de Sociedades Gallegas. Dueño de una pequeña industria metalúrgica (…) Integra la Junta Ejecutiva de la F.S.G. en los años 70 y 80. Delegado al Congreso de la Emigración en Vigo en 1976 (…) ingresa en la Junta Ejecutiva. En 1997 es elegido secretario general de F.S.G. Dirigente en la Argentina del Bloque Nacionalista Galego. Díaz, Hernán M. (2007). Ensayo microbiográfico. Buenos Aires: Fundación Sotelo Blanco-Biblos. 

Defensor do voto emigrante e do dereito de segundas e terceiras xeracións a obter a cidadanía española, convocou a marchar e organizou reunións públicas cunha ampla participación do colectivo español en Bos Aires. Destes pedidos houbo réplicas noutros países que tiñan emigración española. 

O que dixo Paco ese día pola radio da cociña da miña nai fíxome ver que por fin os galegos e galegas tamén tiñamos dereitos, que a emigración forzosa non debía desposuírnos dos dereitos que non gozaramos nunca, os que estaban aquí só tiveran o dereito de irse da súa casa para buscar futuros cos que salvarse e salvar a Galicia. Desde a emigración facían crecer a Galicia en cultura, educación, soños e economía; en cada maleta con roupa, libros e agasallos enviaron un soño de liberdade, ansias de republicanismo. 

Cada vez estiven máis cerca de Paco e da Federación que el presidía, non me molestou que por iso outros galegos me chamasen “Roxa”, mentres Paco me chamaba “derechosa”. Compartir interminables charlas e escoitar anécdotas de Paco Lores na Federación, e coñecer algúns claro-escuros da súa vida foi un pracer tan grande como participar na planificación do Museo da Emigración Galega e, despois, da Biblioteca Galega de Bos Aires. 

Francisco Lores Mascato é un dos homes máis destacados de Galicia no século XX, xa que sinalou con claridade o rumbo da emigración e os dereitos dos emigrantes, a súa vida estivo orientada a conseguilos. E é sabido que Galicia non se explica sen a súa emigración. O “ceo” onde agora mora Paco existe na evocación que cada un de nós facemos del. 

Bos Aires – Arxentina 
Setembro 2017

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *