MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López

Hai 6 meses, como cada 14 de abril, ten lugar no Paseo Marítimo a ofrenda ás vítimas da represión franquista. Cada ano máis xente se suma a este acto. 
A revista Areal acada xa o número 14 e é presentada na Capela de San Roque polo noso compañeiro Manuel Pérez Lorenzo o día 21 de abril. Ademais, sae con ela do prelo un novo número dos nosos Cadernos de Estudos Xerais, “Maruja Mallo, vida no exilio dunha artista universal”, con motivo de que esta artista é a quen a Real Academia das Artes de Galicia lle dedica este ano. O historiador Felipe Senén im parte unha charla ao respecto. Contamos para amenizar o acto coa actuación musical de “Os dous de sempre”, Alberto Carbonell (acordeón) e Manolo do Val (gaita e guitarra), cun repertorio moi ameno no que remata participando todo o público. 

Presentación do nº 14 da revista Areal e do exemplar dos CEX dedicado a Maruja Mallo. Fotografías de Marisa Naveiro


En xuño, a instancias da nosa Asociación, asistimos na sede da Real Academia Galega a unha reunión co Presidente, e o Secretario, así como concelleiras de Bergondo para organizar un posible acto de homenaxe a Filomena Dato e dar a coñecer a súa obra. Estúdanse as posibilidades e as achegas por parte de cada entidade.

No diario da RAG figura a seguinte nota: 
«O presidente da Real Academia Galega recibiu onte pola tarde na rúa Tabernas a representantes da Asociación Irmáns Suárez Picallo e do Concello de Bergondo. Víctor F. Freixanes amosou o interese da institución en participar na súa proposta de homenaxe a Filomena Dato. A escritora, figura destacada da denominada literatura feminista a cabalo entre os séculos XIX e XX, foi nomeada académica correspondente ao se fundar a RAG, en 1906».

O día 2 de xuño, ás 20 horas, realízase a charla informativa sobre “Enerxías alternativas. O caso da enerxía eólica en Galiza”, que imparte o investigador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Pedro Varela Vázquez. Esta vez o acto ten lugar na nova sala La Fábrica de la Imagen (rúa Bergondo nº 2, Sada), cedida amablemente polos seus propietarios.

Charla
sobre enerxías alternativas

En xuño, ten lugar na Capela de San Roque a presentación do nº 10 dos Cadernos de Estudos Xerais, “Os seis poemas galegos de Federico García Lorca”, un pequeno pero moi interesante estudo de como nacen estes poemas, os amigos galegos de Federico, e a transcendencia desta achega lorquiana á nosa literatura. Contamos coa presenza do autor, Luís Pérez Rodríguez, que é socio e colaborador noso. 

Presentación
do CEX sobre os poemas galegos de Lorca
Foi en maio cando Vanesa Santiago, a nosa compañeira na directiva, foi recoñecida co Premio de Narrativa Illa Nova de Galaxia 2017 polo seu libro A vida sinxela de Marcelo Firmamento, onde nos fala dos mariñeiros de Fontán nos anos corenta, dos océanos, das baleas, mesturando fantasía e realidade. Pois ben, como non podía ser menos o presenta en Sada para todos nós no mes de xullo, nun acto moi entrañable. 
Presentación
de A vida sinxela de Marcelo Firmamento, de Vanesa Santiago
O 26 de xullo reunímonos no adro de Moruxo co abade do Mosteiro de Bergondo, os alcaldes dos concellos de Bergondo e Sada, representantes do parlamento galego, concelleiros e público en xeral, para honrar a figura de Filomena Dato, cuxos restos repousan neste camposanto. No acto represéntase unha dramatización da escritora a cargo da artista Ana Hermida, rematando cunha ofrenda floral e o reparto do tríptico que con este motivo elaborou a nosa Asociación. 
Homenaxe
a Filomena Dato en Moruxo. Fotografías de Marisa Naveiro
Tamén durante estes meses participamos no recente creado Consello Sectorial de Cultura do Concello de Sada, no que se busca colaborar con outras asociacións e a administración local para activar a cultura no noso municipio.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *