FRANCISCO CARBALLO E CAMILO TORRES, DOUS CURAS COMPROMETIDOS CO SEU POBO ATÉ A MORTE (I)

Victorino Pérez Prieto
Hai homes que loitan un día e son bos…
Pero hainos que loitan toda a vida,
eses son os imprescindibles
(Bertolt Brecht)
Francisco Carballo na Homenaxe nacional que se lle fixo en Marín no outono de 2005. Na mesa, de esquerda a dereita: Afonso Eiré (director de A Nosa terra), Francisco Rodríguez (profesor e dirixente do BNG), Anselmo López Carreira (historiador), Victorino Pérez (teólogo), Rubén Aramburu (cura), Engracia Vidal (secretaria de Encrucillada), Santiago Prol (historiador) e Mª Pilar García Negro (profesora e dirixente do BNG).

Estes coñecidos versos do poeta e dramaturgo revolucionario alemán Bertolt Brecht, que teño usado moitas veces, volven resoar en min cando lembro a estes dous curas que, aínda que coincidiron no tempo, viviron xeograficamente moi lonxe e nunca se coñeceron persoalmente, pero tiveron moito en común. 
Francisco Carballo (Maceda, 1925-Salamanca, 2014), cura, historiador, intelectual, profesor e home comprometido pastoral, social e politicamente co pobo galego, foi, sen dúbida, unha das figuras fundamentais na cultura e na sociedade galega contemporánea. Incansábel promotor de iniciativas culturais, pero tamén investigador divulgador da Igrexa e a historia de Galiza. O galeguismo e o cristianismo liberador foi o eixo artellador da súa vida de compromiso con Galiza e a causa de Xesús de Nazaret. Foi ninguneado polos poderes políticos, civís e relixiosos. Pero a el importoulle sempre moi pouco, porque era unha persoa verdadeiramente boa e xenerosa que buscaba que o seu facer fora consecuente co seu pensar dixeran o que dixeran del. Ao ninguneo da Igrexa xerárquica sumouse durante un tempo unha certa persecución política polo seu compromiso solidario e democrático coa nazón galega, pero os amigos que tivemos a sorte de ter un trato máis de preto con el sabemos que esta actitude vergoñenta das xerarquías da Igrexa e da política galega non lle roubou nin un chisco da alegría e do optimismo que rebordaba sempre. 
Camilo Torres (Bogotá, 1929-Patiocemento, Santander, 1966), tamén cura, sociólogo,intelectual, profesor e home comprometido pastoral, social e politicamente co pobo colombiano, foi unha das figuras fundamentais da historia colombiana. Posiblemente o colombiano máis coñecido internacionalmente, xunto con Gabriel García Márquez (1927-2014), co que coincidiu nos seus anos de estudo. Paco Carballo e a Camilo Torres eran de dous países e dúas culturas moi distintos, pero uníaos unha proximidade xeracional e unha aposta común nacida dun cristianismo liberador comprometido política e socialmente; foron dous homes dos que “loitan toda a vida”, como dicía Brecht. 
Paco e Camilo eran dun tempo, levábanse escasamente catro anos; aínda que Camilo Torres morreu moi novo, con menos de corenta anos, e Paco Carballo morreu vello, con preto dos noventa anos. Moi comprometidos ambos social e politicamente, Camilo, como consecuencia dun activo e intenso compromiso político co pobo colombiano oprimido durante décadas, chegou a ser militante do Exército de Liberación Nacional (ELN); criticado, incomprendido e abandonado pola súa Igrexa, morreu asasinado polo exército a primeira vez que apareceu publicamente en combate, e vive na memoria do seu pobo cincuenta anos despois.Paco, militante do movemento nacionalista galego (ANPG e logo BNG), tamén criticado e ninguneado pola súa Igrexa, morreu no seo do agarimo dos seus amigos e do seu pobo, e vive na memoria viva deste. 
Dúas figuras fascinantes moi queridas para min; dous curas comprometidos na liberación, que entregaron a súa vida polos seus irmáns. A Paco coñecino e trateino intensamente, fomos amigos moitos anos, e o afecto era mutuo. A Camilo non cheguei a coñecelo persoalmente –morreu lonxe da miña terra cando eu era só un preadolescente…–; pero a súa figura fascinoume desde o comezo dos anos 70, pouco despois da súa morte, cando entrei no seminario, cos últimos anos do franquismo e os primeiros da transición. Teño escritos bastantes cousas de ambos. 


Sen dúbida, ambos persoeiros teñen tamén moito paralelo con outro cura galego comprometido coma eles pastoral, social e politicamente até a fin: Moncho Valcarce (A Coruña 1935-1993), do que teño escrito tamén bastantes páxinas. Moncho era case do tempo dos anteriores, pois naceu poucos anos despois; morreu con dez anos máis que Camilo e con bastantes menos que Paco. 

Tanto Francisco Carballo coma Moncho Valcarce teñen falado máis dunha vez de Camilo Torres; para eles foi tamén un referente, aínda que ningún dos dous apostaran polo loita armada, innecesaria no país en que viviron. 
Portadas do libros de Victorino Pérez Prieto Galegos e cristiáns 
(SEPT,Vigo 1995), ao que se fai referencia neste artigo.
FRANCISCO CARBALLO, O COMPROMISO COA CAUSA DE XESÚS NA GALIZA 

Hai máis de vinte anos, polo 1995, escribía estas verbas sobre Paco Carballo 

Coñecín a Francisco Carballo como 
un cura que militaba activamente na 
política nacionalista. Creo que é esta 
a imaxe que prevaleceu para a maioría… 
Cumprirá revisar os tópicos… as claves 
da súa vida non están na política,
senón na súa fe e no compromiso 
desta coa realidade concreta na que 
está, Galicia, particularmente no eido cultural.

Coñecérao máis de lonxe polos anos 70, cando eu estudaba filosofía e teoloxía no Seminario Maior de Compostela, e logo máis de preto, xa de cura a partir de 1981, e cando empezamos con Irimia, revista que eu dirixín na década das 80 e na que el colaboraba habitualmente. El mesmo me confirmaría esta tese da fe cristiá como clave da súa vida nas conversas que tivemos a comezos dos 90 con ocasión do meu libro:

As motivacións da miña vida sempre foron
evanxélicas, nunca busquei na política ningún
interese persoal. Considerei a miña actuación
política como unha participación nun ámbito
democrático e para colaborar coa democracia
neste país; porque considerei que era necesario
defender o país nunha liña de liberación.

Foi un bo amigo; compartiamos intensamente sempre que nos viamos e a feito polo correo; sempre era o primeiro e facer as recensión dos meus libros en A Nosa Terra, o semanario nacionalista no que tamén eu colaboraba asiduamente. No último ano da súa vida, xa moi enfermo en Salamanca, escribiume que aínda tivera vagar para ler de novo as 550 páxinas do meu libro de teoloxía Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad:

Estou a pechar o teu libro sobre a Trindade,
que lera dun tirón en Ourense e releo con
calma, neste eremitorio. É impresionante!
Mais todo se queda en misterio revelado, en
averiguación intensa e a marabillar… Teño
escritas páxinas, aínda que ilexibles por aceleradas,
que Deus, mundo, home son cercanos,
comunicativos e a estudar. Grazas por
este magnífico ensaio teu tan detallado para
sospeitar a Trindade de Deus Pai, Fillo e Espírito.
Todo un intento de sabedoría que Salomón
nin cheirou,nin os seus posteriores
amantes da sabedoría.

Francisco Carballo (Celeiro de Asadur- Maceda 1925) fora “un home do aparato eclesiástico” antes do seu compromiso na causa da liberación de Galiza, como el mesmo ten confesado. Ourensán, entrou cedo na orde relixiosa dos PP. Paúles, no santuario dos Milagres preto do seu pobo (1936); esta orde fora fundada por San Vicente de Paúl no s.XVII, co compromiso de formación do clero e a atención ás misións populares, sobre todo dos máis pobres, pois era un santo moi sensible a realidade do pobo. Fixo os estudios eclesiásticos primeiro en Madrid (Filosofía) e logo en Cuenca (Teoloxía); posteriormente fixo a Licenciatura en Historia e a Diplomatura en Socioloxía e Idiomas en Madrid. Foi profesor de filósofos e teólogos paúles, director do colexio de Baracaldo e reitor do Colexio Maior de Salamanca, membro do Consello Provincial, etc.

Veu para Galicia no 1973, como profesor da E.U. de Maxisterio e do Instituto de Vigo. Funda a Asociación Cultural de Vigo xunto con outro coñecido clérigo galeguista,o P. Seixas; sendo presidente dela uns anos. Ponse en contacto co movemento cultural, social e político, participando nel cada vez máis activamente. En en 1977 funda con outros militantes A Nosa Terra, publicación e logo editorial coa que colabora asiduamente. Conecta co movemento relixioso galeguista: participa activamente nos Coloquios e na formación de Encrucillada e de Irimia. El era a vangarda dos PP. Paúles en Galicia, xunto cos irmás Peleteiro e outros compañeiros que se propuxeran renovar e galeguizador o colexio dos Milagres: o obxectivo era crear en Galiza unha Igrexa inculturada e traballar pola promoción das clases socias máis desfavorecidas.

Pouco a pouco comprométese cada vez máis na política nacionalista co BNPG, participando en mitins e indo nas súas candidaturas. “Por unha razón de defensa do débil -di- e porque non había xente suficiente…” Na organización política atopa “un bo feixe de curas e monxas excepcionais: X. A. Iglesias, Gumersindo Campaña, Moncho Valcarce …”, di tamén. En 1981 foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia.

Ademais dos numerosos artigos en A Nosa terra, A trabe de ouro, Irimia, Encrucillada e outras publicacións, Francisco Carballo ten publicado moitos libros, algúns só e outros en colaboración: El santuario del Monte Medo, Ourense, 1963; La Iglesia en la Galicia contemporánea.1931-1936,(con A.Magariños), Akal, Madrid 1977; Historia de Galicia (con X. R. Barreiro Fernández, A. López Carreira e Felipe Senén), ANPG, A Coruña 1979; Castelao contra a manipulación (con R. Carvalho Calero, Mª Pilar García Negro, E. Gutiérrez, Francisco Rodríguez e Siro), Xistral, Santiago de Compostela 1984; Historia de Galicia (con A. López Carreira), A Nosa Terra, Vigo 1992; A Igrexa galega, A Nosa Terra, Vigo 1995; Alexandre Bóveda, A Nosa Terra, Vigo 1999; Breve historia de Galiza, A Nosa Terra, Vigo 2000; Martín Sarmiento, A Nosa Terra, Vigo 2002.

Na entrevista para o meu libro no ano 93, Paco manifestaba claramente o dobre compromiso coa causa de Galicia e a causa de Xesús, na Igrexa, máis aló do tópico estendido de que “ser de Igrexa” e cura é estar en todo absolutamente de acordo coa xerarquía eclesiástica:

Certo galeguismo agnóstico, ou mesmo crente
non practicante, pero relixioso, que tivo ou
ten algunha práctica e non é ateo, que se sente
distante de calquera tipo de Igrexa, non
acaba de ver o fenómeno de fermento que
supón esta minoría da Igrexa galega que son
os eclesiásticos e outros cristiáns comprometidos
co galeguismo. Considérao minoritario
e considera que a Igrexa convencional é tan
solidamente allea a Galicia que esta minoría
non vai poder facer nada… Ese é o problema,
están moi trabucados, eles quixeran ver un
movemento máis masivo, máis sólido, máis
revolucionario, con máis connotacións da
igrexa da liberación latinoamericana.

Consideraba Carballo que hai unha carencia de coñecemento e formación relixiosa, fundamental, que leva a situarse mal nisto.

Non queren darse de conta que na Igrexa hai
unhas verdades fundamentais, os dogmas, e
un mudo de liberdade. No primeiro (o Credo)
temos que coincidir todos; no segundo non
coincidimos moitos, pero estamos dentro da
Igrexa igual, e hai un gran pluralismo. Esquecen
que o monolitismo eclesiástico xa se
foi superando. Que en todo caso o papa só e
infalible cando fala ‘ex cátedra’, e os bispos
non son nunca dogmaticamente infalibles,
pódese discrepar deles. A causante foi en
gran parte a catequese fatal que tivemos, e
actualmente que a mesma Igrexa parece fomentar
ese confusionismo.

A pesar diso, Carballo afirma rotundamente que galeguistas e nacionalistas, con fe relixiosa ou non, coñecen esa minoría da Igrexa galega e respéctana e estímana cada vez máis. “Os nacionalistas, cando encontran membros da Igrexa, curas ou monxas… cunha praxe galeguizadora consecuente nas súas parroquias ou noutros traballos, respéctanos enormemente”. Isto modifica o anticlericalismo xeral que existe na sociedade galega; pois hai moitos católicos practicantes nas alternativas nacionalistas.

Hoxe hai cristiáns practicantes, mesmo de
Misa diaria e que participan na catequese,
etc., en tódolos campos das organizacións
nacionalistas: desde a realidade da base ó
Consello Nacional, permanentes, concellais,
responsables de zona, […] en organizacións
políticas como sindicatos.

As organizacións nacionalistas tamén se foron facendo máis plurais e moitos que estaban afastados da Igrexa están recuperando a súa dimensión relixiosa. Carballo sabía tamén que a Igrexa do poder segue a ser unha “Igrexa opaca”, que non transparenta a misión para a que foi creada; e compre unha reforma en profundidade das estruturas e a mentalidade da Igrexa galega no seu conxunto, especialmente no que se refire ás súas máximas autoridades. Unha reforma que non se pode quedar en puro reformismo, e debe ir en dúas liñas fundamentais: a inculturación da fe (galeguizarse) e a democratización (diálogo fronte a adoutrinamento, diálogo profundo). Certamente, reforma lenta, demasiado lenta… e que semella nos últimos anos que quedou estancada.

Creo que merece a pena seguir traballando
niso, aínda que as cousas vaian moi lentamente…
O interesante é o Reino de Deus, o interesante
é ir facendo unha sociedade máis humana;
a Igrexa é o instrumento ordinario, o sacramento,
para facer iso.

Paco Carballo quedará na memoria dos seus amigos e dos galegos bos e xenerosos, cristiáns e non cristiáns, xente de fe relixiosa ou non,como un home que soubo ser fiel até a fin aos ideais evanxélicos e sociopolíticos galeguistas. Homes coma el “son os imprescindibles”, como escribiu Bertolt Brecht.

No número seguinte da revista, continuaremos falando de Camilo Torres, menos coñecido aquí, e quizais de Moncho Valcarce, máis coñecido dos nosos lectores.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *